Saltando barreiras

Saltando barreiras é un REA (Recurso Educativo Aberto) para a área de Educación Física que ten como finalidade traballar co alumnado a importancia de experimentar múltiples situacións motrices diferentes nas que poñer en práctica as súas habilidades e a importancia de mellorar as súas capacidades físicas básicas para ter unha boa condición física. A proposta relaciona, a través dos saltos á corda, o parkour e a creación de circuítos motrices para todos; a empatía, a superación de obstáculos á que nos expoñemos día a día e as barreiras arquitectónicas que se poden atopar no noso entorno.
O REA "Saltando barreiras" ten como metas de aprendizaxe:
- Coñecer e practicar diferentes habilidades motrices por medio actividades e xogos.
- Desenvolver e potenciar as capacidades físicas básicas a través de actividades relacionadas cos saltos á corda e o parkour.
- Desenvolver a creatividade realizando, de xeito cooperativo, circuítos motrices accesibles de superar independentemente do seu nivel de habilidade, interiorizando a importancia da igualdade de oportunidades.
- Traballar a convivencia no contexto das prácticas motrices: habilidades sociais, diálogo na resolución de conflitos, respecto ante a diversidade...
- Recoñecer a importancia da seguridade ao planificar actividades e realizar movementos para non mancarse.
- Sensibilizar sobre a necesidade do coidado e o uso axeitado do material e mobiliario do centro e/ou do entorno natural e urbano.
Trátase dunha secuencia de aprendizaxe na que se propón, mediante unha contextualización motivadora conectada coa realidade do alumnado, a superación, de forma cooperativa, dun reto ou dunha problemática mentres se traballan os contidos propios da área.
Ao longo da mesma, e de maneira interdisciplinar, expoñense os coñecementos, destrezas, valores e actitudes mediante un enfoque competencial e abordando os mesmos a través de metodoloxías activas.
As situacións de aprendizaxe do proxecto cREAgal estrutúranse en cinco fases:
- A primeira fase está centrada na motivación do alumnado, a identificación da temática e descrición do reto.
- A segunda fase trata de activar os coñecementos previos do alumnado.
- Na seguinte fase, a terceira, lévase a cabo unha conexión entre as aprendizaxes, habilidades e destrezas que xa posúe o alumnado cas novas aprendizaxes.
- Na cuarta fase, o alumnado desenvolverá o reto proposto poñendo en xogo todo o aprendido.
- Por último, a quinta fase, está reservada para a valoración xeral da actividade, a coavaliación de retos, a propia autoavaliación e a recompilación de propostas de mellora.