Exploramos os ecosistemas: misión natureza
Este é o REA (Recurso Educativo Aberto) número 4 -dun total de 6- elaborado no marco do proxecto cREAgal para a materia de Ciencias da Natureza de 5º de Educación Primaria.
A situación de aprendizaxe créase arredor dunha invitación para participar na Feira da Ciencia do centro educativo. O alumnado actuará como investigadoras e investigadores dos compoñentes fundamentais dos ecosistemas (factores bióticos e abióticos), a diversidade de formas de vida, as relacións tróficas e a importancia da biodiversidade para o equilibrio natural.
O reto consiste en deseñar, construír e presentar a maqueta dun ecosistema acompañada dunha infografía explicativa. Cada equipo deberá representar fielmente as características do ecosistema escollido (terrestre, acuático ou de transición), identificar os elementos que o compoñen e explicar as relacións que se establecen entre eles. Como peche do proxecto, os traballos expoñeranse na Feira da Ciencia do centro educativo.