Saltar navegación

4.2. Pódcast en marcha

O miolo da cuestión

Pictograma da cara dun dado co tres

Imos co groso do pódcast. Como xa teredes no voso guión, o primeiro será redactar con detalle a parte central. Para isto, dividídevos en dúas parellas:

  • Parella 1: redacción do repaso da actualidade da contorna (aproximadamente 2 ou 3 minutos).
  • Parella 2: redacción do desenvolvemento da temática central do pódcast (entre 3 e 5 minutos).

...E a gravar! Para que todos os membros do equipo pasedes por todos os roles, as persoas que aínda non pasaron polo estudio de gravación, serán as que se encargarán de facelo agora.

Dádelle renda solta á vosa creatividade!

Gústanos parolar!

Pictograma da cara do dado do catro.

Lembrades o debate que xa fixemos con anterioridade? Pois para o voso pódcast tamén ides crear un, que terá unha duración aproximada de 5-6 minutos. Seguindo o voso tema central, pensade unha pregunta sobre a que se orixine o debate e organizádevos de xeito que cada un teña un papel:

  • Moderador/a do debate.
  • Posicionamento a favor.
  • Posicionamento en contra.
  • Técnica/o de son.

Para desenvolver os posicionamentos, tanto a favor como en contra, podedes facelo os membros do equipo ou poderedes intercambiarvos con outro equipo e que sexan outras persoas as que debatan sobre o voso tema.

Deixade un tempo para preparar os posicionamentos e dádelle ao play no Audacity!

A audiencia manda

Pictograma da cara do 5 do dado.

Se repasades o voso guión, agora é o momento da entrevista, pero esta xa a tedes gravada. Non vos preocupedes, ao final uniremos todas as partes!

Imos entón ao último bloque do miolo do pódcast: o intercambio coa audiencia. Chegouvos unha mensaxe da vosa audiencia pedíndovos unha recomendación literaria. Ídesvos converter en booktubers!

Facede unha pescuda na rede sobre unha novidade literaria ou escollede algún libro que xa lestes. A partir diso, redactade un breve resumo do libro e indicade a que persoas llelo recomendariades. Con 2 ou 3 minutos abonda.

Lectura facilitada

O último bloque do pódcast: recomendación dun libro
Xa tedes gravada a entrevista, así que non vos preocupedes por esa parte. Ao final, uniremos todo o traballo.

Agora imos facer a última sección do programa. Tedes que responder a unha mensaxe do público que vos pide que lles recomendedes un libro. Imos facer de "booktubers"!

Que tedes que facer?
Escoller un libro:

Podedes buscar na internet un libro que saíse hai pouco.
Ou podedes escoller un libro que xa teñades lido e que vos gustara moito.
Preparar o texto:

Escribide un resumo breve da historia do libro.
Explicade a que tipo de persoas llo recomendades (por exemplo: a xente que lle guste o misterio, o humor, as aventuras...).
Duración:

O que digades debe durar entre 2 e 3 minutos.

Precisades axuda?

Aquí tedes as páxinas de varias das editoriais galegas, onde poderedes atopar moitas das novidades literarias.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)