Saltar navegación

1. De que vai isto?

 

Glosario

Cooficial

Pictograma do signo igual

Definición:

Lingua que é oficial xunto con outra ou outras que tamén o son.

Exemplo:

O galego, o catalán e o éuscaro son linguas de carácter cooficial.

Nova

Pictograma dunha folla de xornal

Definición:

Noticia que informa sobre un suceso de actualidade.

Exemplo:

Lin unha nova no xornal.

Repositorio

Pictograma dun álbum de fotos

Definición:

Espazo físico ou dixital para gardar contidos.

Exemplo:

Pixabay é un repositorio onde podes atopar e descargar efectos de son.

O mundo dos pódcasts

Olla, viches o que aparece no xornal?  

Como se indica nesa nova do diario Nós, os pódcasts son un dos formatos máis escollidos entre a mocidade, tanto na súa produción como tamén no seu consumo.

A palabra pódcast escríbese en galego con acento, posto que se aplican as regras xerais de acentuación. Ademais, o seu plural é pódcasts. Podes comprobar todo isto no dicionario da RAG.

Contamos en Galicia con varios pódcasts de gran recoñecemento. A continuación, podes descubrir algúns deles:

Exército Mekemeke

Este pódcast está presentado por Carlos Vieito, acompañado por Miguel Abad e a actriz Lidia Veiga. O nome do pódcast vén da serie de Shin Chan, xa que buscaban facer unha emisión dirixida á xeración do Xabarín Club.

Neste pódcast entrevistaron a persoas como Ana Pontón (a candidata do BNG á presidencia da Xunta de Galicia), a banda De Ninghures ou a cantante Pili Pampín.

A relevancia deste pódcast é tal, que chegou a aspirar a "Mellor pódcast en lingua cooficial do Estado" nos III Premios Ondas Globais do Pódcast.

Aquí podes acceder ao espazo do ‘Exército Mekemeke’ na plataforma Podgalego, un repositorio de pódcasts na nosa lingua.

O Faiado

Este pódcast foi creado por oito estudantes da facultade de Xornalismo da Universidade de Santiago de Compostela, coa intención de crear un proxecto destinado á mocidade. Céntranse na cultura pop e a cultura galega, e contan con entrevistas a persoas tan importantes como Mondra, The Rapants, ou Caamaño & Ameixeiras.

Aquí tes o enlace ao seu espazo, dentro da plataforma Podgalego.

Recuncho Gamer

Este pódcast foi creado por Iago Gordillo e céntrase nos videoxogos, especialmente nos clásicos. Os seus pódcasts emítense cada dúas semanas e neles Iago e as persoas colaboradoras comentan a actualidade ao tempo que reviven diferentes xogos.

Aquí podes acceder ao seu espazo, dispoñible na plataforma Podgalego.

E a ti, gustaríache crear un pódcast? 

Lectura facilitada

Pódcasts de éxito en Galicia

En Galicia hai pódcasts moi importantes.

Estes son algúns dos máis coñecidos:

1. Exército Mekemeke

Quen o fai? Carlos Vieito, Miguel Abad e a actriz Lidia Veiga.

De que trata? O nome vén da serie Shin Chan. Está pensado para a xente que medrou vendo o Xabarín Club.

Invitados: entrevistan a persoas famosas como a política Ana Pontón ou a cantante Pili Pampín.

Dato importante: estivo nomeado como un dos mellores pódcasts de España nos Premios Ondas.

2. O Faiado

Quen o fai? Oito estudantes de Xornalismo da Universidade de Santiago.

De que trata? É un programa para xente nova. Falan de música, de internet e de cultura galega.

Invitados: entrevistan a artistas actuais como Mondra ou o grupo The Rapants.

3. Recuncho Gamer

Quen o fai? Iago Gordillo e varios colaboradores.

De que trata? Falan sobre videoxogos, sobre todo dos xogos clásicos e antigos.

Cando se publica? Hai un episodio novo cada dúas semanas.

Onde escoitalos? Podes atopar estes programas en Podgalego.

É unha páxina web que garda moitos pódcasts feitos en lingua galega.

E a ti, gustaríache crear o teu propio pódcast?

Escoita algún exemplo

Acabas de coñecer tres dos moitos pódcasts existentes en galego. Para que poidas coñecelos un pouco máis, recomendámosche que reproduzas algún fragmento de cada un.

Exército Mekemeke

Podes escoitar unha parte do programa “E ti de quen vés sendo?”, do Exército Mekemeke. Para ver como se fai unha cabeceira de pódcast e como se presenta a temática, recomendámosche que reproduzas os dous primeiros minutos.

O Faiado

Podes escoitar outro exemplo coa mesma finalidade nos tres primeiros minutos de “De saír do insti a subir a un escenario con ULEX”.

Recuncho Gamer

Finalmente, se che interesa este pódcast, propoñémosche que reproduzas o seu programa “Videoxogos en Galego”, dende o minuto 5:00 ata o 6:00, onde comezan a falar dos videoxogos en galego.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)