Menú degustación
Neste paso, como nun restaurante cando se escolle un menú degustación, tedes que decidir como grupo o que ides ofrecer. Unha vez rematada a choiva de ideas, analizade as propostas que xurdiron e escollede unha delas.
Antes de usar o ordenador, facede un bosquexo final en papel no que decidades que imaxes ides empregar, onde as ides colocar e como se van relacionar entre si. Planificade antes de actuar, igual ca un bo cociñeiro antes de entrar na cociña.
Nesta fase escollede tamén a paleta de cores. Relacionade as cores co tipo de produto que representades para axudar a recoñecelo. Asegurádevos de que as cores se distingan con claridade, tamén para persoas con problemas de visión ou con algún tipo de cegueira da cor.
A continuación, decidide a tipografía e as cores do texto. Escollede unha letra que se lea con facilidade e que encaixe coa idea do cartel. Procurade un bo contraste entre o texto e o fondo, para que a lectura sexa clara e non canse a vista.
Na fase anterior propuxéronse tres modelos de proxecto. A continuación, tedes explicado o proceso de realización de cada un deles. Fixádevos nas explicacións, xa que poden axudarvos a tomar decisións e a deseñar mellor o voso cartel.
Lectura facilitada
Agora o grupo escolle unha idea.
Debe ser unha soa idea.
Antes de usar o ordenador, facede un bosquexo en papel.
No bosquexo decidide as imaxes.
No bosquexo decidide onde van colocadas.
Despois escollede as cores do cartel.
As cores deben representar o produto.
As cores deben verse ben.





