Saltar navegación

1.1. Lendo a publicidade

 

Glosario

Lexibilidade

Varias letras de mostra

Definición:

Facilidade coa que pode lerse e comprenderse un texto. O tipo de letra inflúe na lexibilidade dun texto.

Exemplo:

Os textos de cREAgal seguen criterios de lexibilidade.

Manuscrito

Carta manuscrita

Definición:

Texto escrito a man. Non confundir coas letras cursivas, que son letras deseñadas para parecer manuscritas.

Exemplo:

Ese profe ten unha boa letra manuscrita, entendo ben o que escribe no encerado.

"Keep calm" e escolle a letra precisa

Como facer publicidade de éxito asegurado? É unha pregunta sen resposta (se a soubeses serías unha persoa multimillonaria). Analizar os anuncios de éxito pode axudarte a comprender que inflúe moito cumprir unha serie de requisitos técnicos de deseño, en especial en canto ao tipo de letras e imaxes seleccionadas.

Nos seguintes exemplos podes ver unha serie de consideracións sobre o tipo e o deseño das letras (chamadas fontes ou tipografías) que podes escoller para facer un cartel, atendendo a criterios como a lexibilidade (como se le de lonxe), o ton da letra (se ten personalidade ou é neutra) e o uso e a combinación das cores.

Lectura facilitada

Non existe unha fórmula segura para facer publicidade perfecta.

Analizar bos anuncios axuda a entender que funciona.

O deseño das letras e das imaxes é moi importante.

A lexibilidade das letras sen serifa

O seguinte famoso cartel é moi antigo, da II Guerra Mundial (1939). Foi "viralizado" en Internet, con miles de variantes, pero en xeral todas usan unha fonte, un tipo de letra (tamén chamada tipografía) moi lexible de lonxe. Estas tipografías están na categoría sans serif ou sans a secas (tamén chamadas de pau seco). En xeral, son letras moi neutras en canto ao ton, boas de ler pero para textos neutros, sen unha personalidade concreta.

Se quixeses utilizar unha fonte similar á do cartel podes probar con Gill Sans.

Cartel orixinal coa frase Keep Calm and Carry On e unha coroa. Fondo vermello e letra branca.

Letras manuscritas

O seguinte cartel é de Théophile Steinlen. Nel, o tipo de letras é manuscrita, o que lle da un ton máis familiar (pero precísase ter habilidade pintando ou rotulando).

Tamén se chaman letra manuscrita as fontes cursivas (ou itálicas), que imitan coa inclinación as letras feitas á man (exemplo de cursiva con este tipo de letra Atkinson).

Nos carteis anteriores á era dixital as letras tiñan un deseño a man, chamado lettering. Hoxe aínda son moi usadas polos deseñadores, pois valoran a súa autenticidade.

Cartel compañía francesa de tés e chocolates. Unha nai e unha nena desfrutan dun chocolate á taza en compañía dun gato.

As fontes grosas

Neste cartel, un dos máis famosos a nivel histórico, o tipo de letra é chamada condensada e bold (grosa). É un tipo de letra que transmite contundencia na mensaxe.

Se quixeses imitala podes probar Franklin Gothic Demi Bold ou Franklin Gothic Heavy.

Fíxate en que as cores que recobren as letras son vermello e azul, coincidindo coas cores da bandeira dos EE.UU., o cal reforza a mensaxe do cartel.

O debuxo do Tío Sam ten o índice cara ao lector e anima a alistarse no exército

Fontes simbólicas

Non sempre se usa unha letra profesional ou manuscrita. Ás veces un símbolo ou debuxo pode representar unha letra, como no seguinte cartel de IBM, onde o ollo en inglés lese parecido a I, a abella é similar ao B (bee) e logo vemos un M.

Cartel con debuxos que representan letras: ollo, abella e un M. Lense IBM en inglés

Letras con serifa 

Se ves títulos ou carteis antigos en papel verás letras con serifa, tamén chamadas letras serif. Isto son os remates das letras que lle dan unha presenza máis distinguida e unha mellor lexibilidade en papel (os remates forman unha liña que axuda á lectura). Na era dixital usamos pouco este tipo de letras, pois a visualización en pantalla dos remates é peor. Neste cartel podes ler o nome do xornal con letras con serifa.

Portada histórica do Faro de Vigo do 1 de xaneiro de 1930

Cartelistas famosos

Deseñar carteis e tipografías é unha profesión moi valorada e necesaria nas empresas. Se queres dedicarte a iso existen varios ciclos de FP relacionados co deseño gráfico e algunhas carreiras de deseño nas universidades galegas.

Aquí vemos un bosquexo do famoso pintor galego Urbano Lugrís para anunciar Pescanova, unha das empresas de alimentos galega famosa no mundo enteiro.

Pescador sostendo sardiña e coa cara en forma de letra P, referente a pescanova
Bosquexo para anuncio publicitario de Pescanova, 1972. Museo Massó (Bueu). Todos os dereitos reservados.

Lectura facilitada

Letras fáciles de ler

Este cartel usa unha letra moi clara.

A letra lese ben desde lonxe.

É unha letra sen serifa.

As letras sen serifa son neutras.

Cartel Keep Calm and Carry On

Letras manuscritas

Este cartel usa letras feitas a man.

As letras manuscritas parecen máis próximas.

Antes as letras facíanse a man.

Hoxe seguen usándose polo seu estilo.

Cartel compañía francesa de tés e chocolates. Unha nai e unha nena desfrutan dun chocolate á taza en compañia dun gato.

Letras grosas

As letras grosas chaman máis a atención.

Transmiten forza na mensaxe.

As cores tamén reforzan a idea.

O debuxo do Tío Sam ten o índice cara ao lector e anima a alistarse no exército

Letras con símbolos

Ás veces úsanse debuxos no canto de letras.

Os símbolos poden representar letras.

Cartel con debuxos que representan letras: ollo, abella e un M lense IBM en inglés

Letras con serifa

As letras con serifa teñen remates.

Usábanse moito en papel.

En pantalla vense peor.

Portada antiga do Faro de Vigo

Deseñadores e carteis

Deseñar carteis é un traballo profesional.

Hai estudos específicos de deseño.

Este é un bosquexo dun cartel galego.

Pescador sostendo sardiña e coa cara en forma de letra P, referente a pescanova
Bosquexo para anuncio publicitario de Pescanova, 1972. Museo Massó (Bueu). Todos os dereitos reservados.



Consulta máis exemplos

Preme nesta ligazón para ver 12 anuncios míticos de comida que con toda seguridade coñecen os teus proxenitores e avós. Fíxate no tipo de letra utilizado nos anuncios e no nome da marca: todos intentan darlle unha personalidade escollendo o tipo de letra axeitado.

Lectura facilitada

Preme nesta ligazón para ver anuncios antigos de comida.

Observa o tipo de letra e o nome da marca.

O tipo de letra axuda a dar personalidade á marca.

Antes de comezar, pregúntate

Imaxe do diario de aprendizaxe no proxecto cREAgal. Amosa un lapis e un caderno co logotipo do proxecto na tapa

Antes de continuar, invítote a reflexionar sobre o mundo da publicidade. Fai memoria dos carteis de alimentos que lembres (do súper, da prensa, da rúa...) e pensa un pouco sobre eles, sobre a súa eficacia, cales son mellores e cales peores. Tamén podes preguntarlle á túa familia (se pode ser, aos teus avós) que anuncios lembran da súa infancia, cando menos unha frase (poden ser da tele, da radio ou impresos). A continuación, responde ás seguintes preguntas na Fase 1 do teu diario de aprendizaxe:

  • Que poden ter de especial eses anuncios que lembran os teus proxenitores e avós tanto tempo despois? (podes preguntarlles a súa opinión).
  • Como cres que inflúe o deseño dun cartel —o tipo de letra, as cores, as palabras empregadas…— en que lembres ese en concreto e non outro?
  • A parte do deseño, pensas que no éxito dunha publicidade concreta inflúen outros aspectos: medio de difusión, cartos gastados, período de difusión...? 

Diario común: compara as respostas coas do teu grupo. Tedes respostas coincidentes?

Lectura facilitada

Agora toca pensar na publicidade.

Pensa en carteis de comida que lembres.

Pensa se eran bos ou malos.

Pregunta na túa familia que anuncios lembran.

Pregunta polo menos unha frase dun anuncio.

Responde ás preguntas no teu diario de aprendizaxe.

  • Que fai especial un anuncio antigo?
  • Como inflúe o deseño para lembralo?
  • Inflúen outros factores ademais do deseño?

Compara as túas respostas co grupo.

Mira se pensades o mesmo.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)