Saltar navegación

4.1. Pensando que comer

Abrir a despensa

Grupo de alumnas e alumnos repasando unha lista de alimentosNeste paso inicial, o grupo detense a abrir a despensa. Poñedes en común todo o material visual que cada persoa foi preparando nos pasos anteriores do proxecto, coma quen saca os ingredientes á mesa antes de comezar a cociñar. Non é un paso de creación nin de decisións, senón de observación: serve para coñecer ben os recursos dispoñibles, comprender o traballo realizado por cada persoa do grupo e inspirarse nel de cara ás ideas que se desenvolverán nos seguintes pasos da receita.

Cada persoa amosa ao resto as imaxes e animacións coas que traballou, tanto os arquivos orixinais en formato .png e .svg como as imaxes retocadas e as animacións creadas nos adestramentos. O obxectivo é que todo o grupo vexa con claridade que material hai dispoñible e como se foi transformado ao longo do proceso.

Observade tamén a paleta de cores que deseñastes e as tipografías que se utilizaron. O importante é ver como se combinaron e que efecto producen, non tomar decisións aínda sobre cal ou cales se van usar.

Lectura facilitada

Neste paso o grupo revisa todo o material creado.

Cada persoa amosa as súas imaxes e animacións.

Revísanse ficheiros .png e .svg.

Revísanse tamén as imaxes retocadas.

O grupo observa que recursos hai dispoñibles.

O grupo ve como se transformaron as imaxes.

Obsérvase a paleta de cores.

Obsérvanse as tipografías usadas.

Neste paso non se crean cousas novas.

Neste paso non se toman decisións.

Choiva de ideas

Duración: 20 minutos Agrupamento: Pequeno grupo

Pictograma dunha nube con gotas de auga representando choiva

Antes de comezar a deseñar, realizade unha choiva de ideas en grupo. Cada membro do equipo debe expoñer unha proposta para o cartel, pensando nos alimentos de Galicia que quere traballar, nas posibles combinacións entre eles e nas mensaxes que se poderían transmitir.

Nesta etapa todas as ideas son válidas. Escoitade con atención as propostas das demais persoas do grupo e achegade tamén as propias, sen discutir nin criticar mentres se están expoñendo.

O obxectivo é xerar o maior número posible de ideas e inspirarse colectivamente. Podedes inspirarvos nos carteis que vistes ao longo deste recurso, dos que tedes unha explicación máis abaixo.

Lectura facilitada

Duración: 20 minutos Agrupamento: Pequeno grupo

Facede unha choiva de ideas en grupo.

Cada persoa propón unha idea para o cartel.

As ideas poden tratar sobre mensaxes para o cartel.

Neste momento todas as ideas son válidas.

As persoas do grupo escoitan con atención.

Non se critica ningunha idea mentres se explica.

O obxectivo é xerar moitas ideas.

Podedes inspirarvos noutros carteis vistos.

Animación narrativa

Animación na que os peixes van abandonando o plano para acabar entrando nunha lata de conservas de Vigo

Nesta animación amósase unha pequena historia para publicitar as conservas galegas, baseada na idea de que todas as sardiñas queren estar na lata.

  • Primeiro, a sardiña cobra vida cando se lle pinta o ollo. Ese detalle dálle un primeiro movemento e fai que deixe de ser un obxecto estático.
  • Despois, dáselle movemento ás sardiñas, que van saíndo do seu posto inicial e comezan a desprazarse.
  • A continuación, aparece unha segunda capa de texto, «todas marchan para», que indica cara onde se dirixen as sardiñas.
  • Finalmente, aparece unha terceira capa co texto «Conservas de Vigo», coas sardiñas xa dentro da lata de conservas, pechando a historia e reforzando a mensaxe publicitaria.

Animación de proceso

Animación do proceso de realización do pan de cea, partindo da fariña e a auga , leveda o pan, enfórnase. Aparece unha estatua das panadeiras de Cea e a torre do reloxo da praza de Cea.

Neste segundo tipo de animación non se conta unha historia completa, senón que se amosa o proceso de elaboración do pan de Cea a través dunha sucesión de fotogramas.

  • Primeiro aparecen o trigo e a auga, que son a base do pan.
  • A continuación, móstrase o proceso de amasado e, despois, o momento do enfornado.
  • Tamén aparecen as panadeiras de Cea, que representan o traballo artesanal.
  • Por último, móstrase o reloxo da praza maior, que sitúa o pan no seu lugar de orixe.

Deste xeito, a animación explica como se fai o pan e, ao mesmo tempo, axuda a identificalo cun lugar concreto e cunha tradición propia.

Animación de letras

Animación na que sobre o mapa de Galicia e a banda azul da bandeira aparecen as letras de alimentos de Galicia

Nesta terceira animación, as letras son as protagonistas. O obxectivo é anunciar os alimentos de Galicia en xeral, sen contar unha historia nin amosar un proceso.

  • As letras móvense pola pantalla e crean dinamismo.
  • Comezan en cor negra e van cambiando progresivamente a cor azul.
  • Cambian de tamaño e de ritmo ao longo da animación.
  • A palabra Galicia é a protagonista final, xa que permanece en cor azul e aparece durante máis tempo que o resto.

Lectura facilitada

Animación narrativa

Animación de conservas de Vigo

Esta animación conta unha historia.

A historia serve para publicitar un produto.

As imaxes van cambiando pouco a pouco.

O movemento crea unha mensaxe final.

Animación de proceso

Animación do proceso do pan de Cea

Esta animación mostra como se fai un produto.

Cada imaxe amosa un paso do proceso.

As imaxes seguen unha orde.

A animación axuda a recoñecer a súa orixe.

Animación de letras

Animación de letras Alimentos de Galicia

Nesta animación as letras son o máis importante.

As letras móvense pola pantalla.

As letras cambian de cor.

As letras cambian de tamaño.

O movemento chama a atención.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)