Saltar navegación

3. Crear e publicar informes

Estímulo: que sabes de almacenar datos?

Le e completa a as palabras que faltan.

Almacenamento de datos
Ana Moreiras con Chat GPT. Almacenamento de datos (CC BY-SA)

Na actualidade, gardamos (textos, imaxes, vídeos, programas...) en dous grandes tipos de espazos: dispositivos e a nube.

Almacenamento físico

Consiste en gardar os datos directamente no dispositivo que utilizamos ou noutros externos. Con estes sistemas tés control total sobre os datos, pero se perdes ou se rompe o dispositvo, abur información:

  • Disco duro (): máis económicos e con moita capacidade, pero máis lentos e sensibles a golpes.
  • Disco sólido (SSD): máis rápidos e silenciosos, moi usados en ordenadores modernos.
  • Memorias e tarxetas SD: cómodas e portátiles, perfectas para levar datos dun lado a outro.
  • CD/DVD (xa pouco usados): servían para música, vídeos e copias de seguridade.

Almacenamento na nube

A nube permite gardar os datos en doutros lugares, a través de internet. Exemplos coñecidos: Google Drive, Dropbox, OneDrive ou iCloud. A nube é moi cómoda, pois permíteche acceder desde calquera con conexión a , fanse copias automáticas, sincronízase a información e pode compartirse directamente. A cambio, tés menos control dos datos e dependes dunha boa conexión á rede.

Forma mixta: NAS

O almacenamento en rede privada ou nube persoal é unha alternativa intermedia entre gardar datos localmente e usar servizos de nube comerciais como Google Drive ou iCloud. Trátase dun sistema no que o disco físico está na túa casa ou oficina, pero podes acceder ós datos desde calquera lugar por internet, coma se fose unha nube.

Para facelo, instálase un servidor NAS (Network Attached Storage) ou un disco duro con acceso (como Western Digital MyCloud, Synology, ou mesmo un Raspberry Pi configurado).

Con este sistema, ti tés o control absoluto da información. Non hai subscrición, pero o equipo inicial ten un coste superior ó dun disco duro normal. Ademais, require coñecementos básicos sobre redes e seguridade. Un apunte: o servidor debe estar sempre acendido .

Un NAS doméstico consome moito menos que os grandes centros de datos, e ó evitar duplicación masiva de datos ou envíos constantes por internet, reduce a pegada hídrica.

Activar JavaScript

Os contidos que usas e creas

Calquera contido que crees ou uses ten unha propiedade intelectual, e debes coñecer en que consiste:

Lectura facilitada

Que é a propiedade intelectual?

A propiedade intelectual é un conxunto de dereitos legais que protexen as creacións das persoas: libros, vídeos, imaxes, músicas, aplicacións...

Hai dous tipos principais:

  • Dereitos de autor: protexen obras como libros, debuxos, música ou páxinas web.
  • Propiedade industrial: protexe marcas, logotipos, patentes e deseños.

Existen dous dereitos básicos:

  • Dereito moral: recoñecer quen é o autor ou autora.
  • Dereito patrimonial: controlar como se usa a obra (copiar, cambiar, vender...).

Tipos de contido que podes usar ou crear

a) Contido propio

É o que fas ti mesma/o. Tes dereitos sobre el. Podes:

  • Usar copyright (por defecto cando o subes a internet).
  • Empregar licenzas Creative Commons para permitir que outras persoas usen a túa obra con certas condicións.
  • Rexistralo en webs como Safe Creative.

b) Contido alleo

É o que fixeron outras persoas. Debes citar correctamente e respectar a licenza.

As principais licenzas Creative Commons son:

  • BY: hai que citar o autor/a.
  • BY-SA: hai que citar e compartir coa mesma licenza.
  • BY-NC: só se pode usar sen fins comerciais.
  • BY-ND: non se pode modificar.

Tamén podes atopar contido en dominio público, que non ten restricións de uso.

c) Contido xerado por intelixencia artificial (IA)

Debes indicar a ferramenta, versión e como se creou.
Exemplo: Imaxe xerada con DALL·E 3 (ChatGPT 4.0, OpenAI)

Esquema das seis licenzas Creative Commons
Oriana Robles Muñoz. Licenzas Creative Commons. CC BY

Onde atopar contido con licenza aberta?

Como citar correctamente unha obra?

Unha cita debe incluír:

  • Nome da obra (en cursiva)
  • Autor/a
  • Repositorio onde se atopa (con ligazón)
  • Tipo de licenza (tamén con ligazón)

Exemplo:
Torre Goiáns, Ana Moreiras. Wikipedia.
Licenza: CC BY-SA 3.0

Podes usar estas ferramentas para xerar a cita:

Resumo final: boas prácticas

  • Usa contido creado por ti cando sexa posible.
  • Se usas contido doutras persoas, comproba sempre a licenza e cita ben.
  • Diferencia entre uso libre e restrinxido.
  • Respecta os dereitos das persoas creadoras.
  • Sé crítico co uso masivo de contido xerado por IA sen recoñecemento.

Proxectos e memoria técnica

Como en calquera proxecto tecnolóxico, debes facer e presentar unha memoria técnica:

Índice

Memoria técnica
Ana Moreiras. Memoria técnica (CC BY-SA)
  1. Problema/necesidade de partida: estudo inicial.
  2. Proposta de solucións e escolla da máis axeitada. 
  3. Deseño técnico: Bosquexo enriquecido e Planos (perspectiva, vistas, esquemas eléctricos) 
  4. Planificación e execución: follas de proceso.
  5. Orzamento. 
  6. Avaliación 
  7. Bibliografía e/ou referencias web.

Estudo inicial

O estudo inicial é a primeira sección da memoria técnica e constitúe a base sobre a que se desenvolverá todo o proxecto. Neste capítulo expóñense os elementos fundamentais que xustifican a necesidade dunha solución técnica, así como as condicións de partida.

Contidos habituais:

  • Descrición do problema ou situación a mellorar: expónse de forma clara e obxectiva cal é a problemática: pode tratarse dunha carencia, unha demanda concreta, unha situación ineficiente ou un reto tecnolóxico ou social.
  • Xustificación da necesidade da intervención: explícase por que é necesario abordar esta situación, cales son as consecuencias de non actuar e que beneficios se esperan cunha posible solución.
  • Análise das necesidades funcionais e técnicas: estúdanse as necesidades da persoa usuaria ou destinataria (confort, accesibilidade, eficiencia...), así como os requisitos técnicos mínimos para resolver o problema.
  • Limitacións e condicionantes iniciais: inclúense aspectos como o orzamento dispoñible, o tempo para a execución, as dimensións do espazo, os materiais posibles, normativas legais, ou condicións ambientais.
  • Referencias ou proxectos similares: pode mencionarse brevemente se existen solucións previas ao problema, outras iniciativas semellantes ou estudos de caso inspiradores.

Exemplo aplicado (vivenda bioclimática)

O problema detectado é a escasa eficiencia enerxética das vivendas tradicionais no medio rural galego. A solución técnica debe responder ás necesidades de illamento térmico, aproveitamento solar e confort interior, dentro dun orzamento reducido e empregando materiais locais. A actuación debe adaptarse a unha edificación existente, mantendo elementos patrimoniais.

Proposta de solucións

Neste capítulo preséntanse as distintas opcións posibles para resolver o problema detectado no estudo inicial. Trátase dunha fase creativa pero fundamentada, na que se exploran alternativas e se valoran as súas vantaxes e inconvenientes. Poden empregarse técnicas como o Brainstorming, Mapa de ideas, SCAMP....

Contidos habituais:

  • Xeración de ideas ou alternativas técnicas: descríbense polo menos dúas ou tres solucións posibles. Cada unha debe explicarse brevemente: en que consiste, como se aplicaría, e que recursos require (materiais, tecnoloxía, espazo...).
  • Criterios de selección: establécense os criterios que se van empregar para comparar as propostas: poden incluír o custo, a sustentabilidade, a dificultade técnica, o impacto estético, o tempo de execución, a adaptabilidade ó entorno, etc.
  • Táboa comparativa (opcional pero moi útil): inclúe unha táboa onde se valoren as diferentes propostas segundo os criterios seleccionados. Isto axuda a visualizar cal é a opción máis equilibrada.
  • Selección da solución definitiva: xustifícase a elección dunha das propostas como a máis axeitada. A elección debe basearse nos criterios establecidos, e non só na preferencia persoal.
  • Melloras ou adaptacións á solución escollida: pode explicarse se a proposta elixida foi mellorada a partir das outras ou adaptada dalgunha idea inicial.

Exemplo aplicado (vivenda bioclimática)

Fórmanse tres propostas:
a) Restauración mínima mantendo materiais orixinais.
b) Rehabilitación con fachada ventilada e paneis solares.
c) Demolición parcial e nova estrutura pasiva con madeira local.

Valóranse aspectos como: eficiencia enerxética, impacto visual, sustentabilidade, custo e tempo de execución.

Escóllese a opción (b) por ofrecer o mellor equilibrio entre respecto polo patrimonio e mellora do confort, cun investimento asumible.

Deseño técnico

Este capítulo recolle o desenvolvemento técnico e detallado da proposta elixida. Non se trata só dunha idea xeral, senón da súa concreción: medidas, materiais, procesos e funcionamento.

Contidos habituais:

  • Bosquexo enriquecido: faise un debuxo a man alzada que contén explicacións técnicas precisas do proxecto: forma, dimensións, disposición de elementos, funcionamento básico, e calquera característica destacable.
  • Materiais e compoñentes: relaciónanse os materiais que se van empregar, indicando as súas propiedades, razóns da elección (eficiencia, sustentabilidade, dispoñibilidade...) e posibles alternativas.
  • Debuxos técnicos e esquemas: planos, croquis ou diagramas: planta, alzado, seccións, esquemas eléctricos ou de funcionamento, se os houber. Pódense empregar ferramentas CAD ou bosquexos manuais con escala.
  • Funcionamento e xustificación técnica: explícase como funciona o proxecto: por exemplo, como se calefacta ou ilumina, como circula o aire, como se articula un mecanismo ou como se garante a eficiencia.
  • Medidas de seguridade e sustentabilidade: indícanse aspectos relacionados coa prevención de riscos (eléctricos, térmicos, estruturais...) e co impacto ambiental: consumo enerxético, uso de materiais reciclables ou locais, etc.

Exemplo aplicado (vivenda bioclimática)

  • A vivenda terá forma rectangular de 9x6m, orientada a sur cunha galería acristalada.
  • Os muros serán de termoarcilla con illamento interior e SATE no exterior.
  • A cuberta terá 18 cm de la de roca e teito ventilado de madeira de castiñeiro.
  • Incluirase un sistema de ventilación mecánica con recuperación de calor.
  • O funcionamento bioclimático baséase na captación solar pasiva e na inercia térmica dos materiais.
  • Os PLANOS foron deseñados con LibreCAD e inclúen planta baixa, sección transversal e esquema de circulación do aire.

Proceso

Este capítulo aborda a organización temporal, técnica e material necesaria para levar a cabo o proxecto. Debe incluír as fases previstas, os recursos humanos e materiais, así como a previsión de tempos e tarefas.

Contidos habituais:

  • Follas de proceso: divídese a execución en etapas ou fases lóxicas: preparación, execución, remates, verificación... Cada fase inclúe unha descrición breve das tarefas que a compoñen, as ferramentas e recursos humanos e técnicos: quen realiza cada tarefa (alumnado, profesorado, técnicos...), que ferramentas se necesitan e en que momento do proceso.
  • Cronograma de tarefas: inclúe unha táboa (ou gráfica Gantt) onde se indican as tarefas e o tempo estimado para cada unha. É fundamental para controlar os prazos.
  • Distribución de materiais: estímase o momento en que serán necesarios os materiais (compra, transporte, almacenaxe), así como calquera consideración loxística.
  • Posibles dificultades e solucións: anticipación de problemas potenciais (climáticos, técnicos, de coordinación…) e propostas de solución ou prevención.

Folla de proceso da execución do proxecto (vivenda bioclimática escolar)

Fase Tarefas principais Duración estimada Responsables
1. Preparación Medición do terreo
Estudo solar
Deseño técnico
Compra de materiais
1 semana Alumnado + profesorado
2. Execución estrutural Cimentación
Montaxe de muros
Estrutura e cuberta
2 semanas Alumnado + persoal técnico
3. Instalacións e acabados Instalación eléctrica e ventilación
Colocación de ventás
Pintura ecolóxica
1,5 semanas Alumnado
4. Verificación final Probas de estanqueidade
Medición de eficiencia
Avaliación e melloras
3-4 días Profesorado + grupo avaliador

Orzamento

Neste capítulo preséntase unha estimación razoada do custo total do proxecto. Non é necesario un cálculo exacto, pero si unha aproximación realista baseada en fontes consultables, como prezos medios, catálogos ou orzamentos de referencia.

Contidos habituais:

  • Partidas orzamentarias principais: o orzamento adoita dividirse en capítulos ou partidas, como:
    • Materiais de construción
    • Man de obra
    • Instalacións (eléctrica, ventilación, etc.)
    • Ferramentas e alugueres
    • Transporte e loxística
    • IVE ou impostos
  • Táboa de orzamento: inclúe os conceptos, cantidades, prezo unitario e custo total por partida.
  • Fonte dos prezos: pódense indicar fontes consultadas: webs, provedores locais, ferraxerías, etc.
  • Observacións adicionais: explicación de posibles variacións de prezo, marxe de erro ou elementos non incluídos (como mantemento, imprevistos…).

Orzamento estimado do proxecto (vivenda bioclimática escolar)

Partida Cantidade / medida Prezo unitario (€) Subtotal (€)
Termoarcilla + morteiro 80 m² 25 €/m² 2.000 €
Illamento (la de roca) 60 m² 15 €/m² 900 €
Madeira castiñeiro local 2 m³ 600 €/m³ 1.200 €
Ventás dobre vidro (4 unidades) 4 ud. 250 € 1.000 €
Sistema de ventilación mecánica 1 unidade 1.200 € 1.200 €
Man de obra especializada 2 persoas / 5 días 120 €/día 1.200 €
Ferramentas e consumibles Lote 300 €
Transporte Lote 200 €
Subtotal 8.000 €
IVE (21%) 1.680 €
TOTAL ESTIMADO 9.680 €

Fonte dos prezos: estimación orientativa baseada en provedores locais, webs de bioconstrución e tarifas educativas.

Avaliación

Este capítulo analiza o grao de cumprimento dos obxectivos do proxecto, a eficacia da solución implantada e as melloras potenciais. É unha reflexión crítica e fundamentada que permite consolidar aprendizaxes e detectar puntos débiles.

Contidos habituais:

  • Criterios de avaliación: defínense indicadores claros que permiten avaliar o éxito do proxecto. Algúns exemplos:
    • Funcionalidade (cumpre a súa función?)
    • Eficiencia enerxética
    • Adecuación ó contexto e ó usuario final
    • Sostibilidade dos materiais
    • Calidade estética ou técnica
    • Axuste ó orzamento e prazos
  • Resultados obtidos: descrición dos logros conseguidos e datos ou observacións que os apoien. Pódese engadir unha táboa de control ou rexistro de medidas (por exemplo, consumo enerxético, temperatura interior...).
  • Valoración do proceso: reflexión sobre como foi o traballo en equipo, a organización, a repartición de tarefas, o uso das ferramentas, o cumprimento do cronograma...
  • Propostas de mellora: recóllense aspectos que se poderían mellorar se se repetise o proxecto: materiais alternativos, optimización do deseño, tempo, ferramentas, etc.

Táboa de valoración (vivenda bioclimática escolar)

Criterio Resultado observado Valoración
Funcionalidade O espazo resulta cómodo, versátil e adaptado a grupos diversos ✅ Moi positiva
Eficiencia enerxética Mantén 19–21 °C sen calefacción tradicional grazas ó illamento e á ventilación ✅ Positiva
Sostibilidade Uso de materiais locais e reciclables (madeira, morteiro de cal, vidro) ✅ Positiva
Estética e integración paisaxística A estrutura non destaca visualmente e emprega materiais acordes ó rural galego ✅ Moi positiva
Axuste ao orzamento Pequenos desvíos no custo por cambio de provedor ⚠️ Mellorable
Organización do equipo Boa coordinación e reparto de tarefas, especialmente en fases técnicas ✅ Positiva

Conclusión: a solución foi eficaz e adaptada ás necesidades reais. O alumnado aplicou coñecementos técnicos e ambientais, e traballou de forma colaborativa. Para mellorar, sería conveniente prever mellor os custos e explorar novos materiais.

Documentación e presentación final

Todo o material anterior debe presentarse nun documento de texto convenientemente paxinado e indexado. Non deben empregarse máis de dúas tipografías nin, alén dos títulos, un tamaño maior de 12. 

As imaxes han de estar convenientemente etiquetadas, indicando autoría e dereitos de uso. Só poden empregarse imaxes propias ou aquelas etiquetadas como CC.

Debes ser quen de inserir o documento no teu portfolio, como che explicaremos no capítulo seguinte.

    Lectura facilitada

    Memoria técnica

    Como en calquera proxecto tecnolóxico, debes facer e presentar unha memoria técnica.

    Índice da memoria

    1. Estudo inicial: explica o problema que queremos resolver.
    2. Propostas de solución: pensar diferentes ideas e escoller a mellor.
    3. Deseño técnico: facer bosquexos, planos e elixir os materiais.
    4. Proceso: planificar os pasos para construír a solución.
    5. Orzamento: calcular canto vai custar o proxecto.
    6. Avaliación: comprobar se funciona ben e que se pode mellorar.
    7. Bibliografía: indicar onde atopamos a información.

    Portfolio dixital

    Un portafolio dixital (ou portfolio dixital) é unha ferramenta en liña que recolle e organiza evidencias do traballo, aprendizaxes, habilidades ou logros dunha persoa, de forma visual e interactiva. Pode ter usos educativos, profesionais ou persoais.

    Para que nos serve?

    • No ensino: recoller o voso traballo ó longo do curso ou proxecto, visibilizando así as vosas competencias, e promovendo a autoavaliación.
    • No mundo profesional: presentar o traballo a posibles clientes ou empresas, especialmente en sectores creativos, educativos, TIC...

    Destacan as seguintes ferramentas para crealos:

    • Educativas: Agueiro, Google Sites, Genially, Mahara…
    • Profesionais: Canva, Adobe Portfolio, Wix, WordPress, Notion…
    • Artísticas ou creativas: Behance, Dribbble, ArtStation…

    No seguinte bloque de contidos déixoche un videotitorial que explica paso a paso como facer o blog con Wordpress, o software máis empregado internacionalmente.

    Ides crear un portfolio nos mesmos grupos/parellas cos que fixestes a maqueta e o branding. Trátase de simular un portfolio profesional da vosa empresa ficticia, pero incluíndo as evidencias educativas de todo o proceso: documentación técnica, imaxes, vídeos, etc. Ti decides que apartados vai ter o teu portfolio, pero aquí tés unha posible guía:

    Portada

    • Nome da empresa ficticia
    • Logotipo (creado por vós)
    • Eslogan (relacionado coa arquitectura sostible)
    • Nome dos membros do equipo
    • Imaxe da maqueta ou render 3D como imaxe de portada

    Presentación da empresa

    Contido:

    • Pequena historia da empresa (inventada)
    • A que se dedica: arquitectura bioclimática, deseño sostible, innovación, rehabilitacións, recuperación de espazos públicos...
    • Valores que defende: ecoloxía, respecto pola paisaxe, innovación tecnolóxica...

    Exemplo: “BIO_ESPazos naceu co obxectivo de crear vivendas que dialoguen co medio, aproveitando a tecnoloxía para coidar o planeta e ofrecer confort.”

    Proxecto presentado: maqueta bioclimática 3D

    Contido:

    • Nome do proxecto (poético, técnico ou comercial)
    • Obxectivos do deseño: eficiencia enerxética, integración na paisaxe, materiais sostibles...
    • Galería de imaxes: deseño en CAD, fotos da maqueta impresa
    • Posibles usos ou clientes potenciais

    Produto de marca: merchandising

    Contido:

    • Que merchandising creamos? (chaveiro, cartel, logotipo, bolsa, chapa, cartel publicitario, maqueta promocional...)
    • Xustificación do deseño gráfico: tipografía, cores, mensaxe
    • Relación co estilo da empresa
    • Fotos ou mockups do produto final

    “Creamos unha bolsa de tea reutilizable co logotipo e eslogan da empresa. Usamos cores verdes e un estilo minimalista que reflicte a nosa filosofía por...”

    Perfil profesional simulado: CV

    Contido:

    • Foto tipo retrato ou avatar
    • Presentación persoal en ton profesional
    • Habilidades técnicas (CAD, impresión 3D, deseño gráfico…)
    • Habilidades brandas (traballo en equipo, creatividade, responsabilidade...)

    No subapartado 3.1 tés consellos e ferramentas para redactar o teu CV.

    Complementos

    Opcionalmente,

    • Enlace ó vídeo promocional, presentación ou pitch comercial
    • Agradecementos e colaboracións

    Documentación técnica e avaliación

    Esta parte é esencial!

    • Memoria técnica do proxecto, incrustada como PDF
    • Avaliación:
      • Que aprendín sobre arquitectura bioclimática?
      • Que foi o máis difícil e como o superei?
      • Que melloraría? Que repetiría?
      • En que me vexo capaz de aplicar isto fóra da escola?
      • Que me pareceu o material aportado pola profe?

    Representación visual ou unha maqueta dixital que amosa como quedaría un deseño aplicado nun produto real. É moi usado en deseño gráfico, publicidade e creación de marca.

    Lectura facilitada

    Que é un portafolio dixital?

    Un portafolio dixital é unha páxina web onde podes gardar e ensinar o teu traballo. Serve para mostrar o que sabes facer, como traballas e que aprendiches.

    Para que serve?

    • No instituto: para gardar e ensinar os teus traballos e aprendizaxes.
    • No traballo: para amosar o teu traballo a empresas ou clientes.

    Ferramentas para facelo

    • Educativas: Agueiro, Google Sites, Genially, Mahara...
    • Profesionais: Canva, Adobe Portfolio, Wix, WordPress, Notion...
    • Creativas: Behance, Dribbble, ArtStation...

    O que ides facer

    En grupos ou parellas (os mesmos da maqueta), ides crear un portafolio profesional simulado.

    Será coma se fósemos unha empresa real. Incluiremos documentos, imaxes, vídeos e o que fixemos durante o proxecto.

    Apartados recomendados

    1. Portada

    • Nome da empresa
    • Logotipo e eslogan
    • Nome das persoas do grupo
    • Imaxe da maqueta ou deseño

    2. Presentación da empresa

    Escribide unha breve historia da empresa (inventada):

    • Que fai (vivendas sostibles, deseño, recuperación de espazos...)
    • Que valores defende (ecoloxía, innovación...)

    3. Proxecto presentado

    • Nome do proxecto
    • Obxectivos do deseño
    • Imaxes: deseños, maqueta...
    • Quen podería usalo

    4. Produto de marca (merchandising)

    • Que produto fixestes (bolsa, chaveiro, cartel...)
    • Por que usastes ese deseño (colores, mensaxe...)
    • Fotos ou simulacións do produto final

    5. Perfil profesional

    • Foto ou avatar
    • Presentación breve
    • Habilidades técnicas (CAD, 3D...)
    • Habilidades persoais (traballar en grupo, responsabilidade...)

    6. Complementos (opcional)

    • Vídeo promocional
    • Agradecementos

    7. Documentación técnica e avaliación

    • Subir a memoria técnica (como PDF)
    • Responder a estas preguntas:
      • Que aprendiches?
      • Que foi o máis difícil?
      • Que farías diferente?
      • Para que che pode servir isto no futuro?
      • Que che pareceu o material da profe?

    Tarefa: Creación dun portfolio con Wordpress

    com/watch?v=-9WPu3UhbU8

    Creado con eXeLearning (Ventana nueva)