Saltar navegación

GUÍA DIDÁCTICA

DESCRICIÓN DO ODE

INTRODUCIÓN

O presente Obxecto Dixital Educativo (en adiante ODE) representa unha secuencia didáctica completa dentro do proxecto presentado baixo o título "ObraDOiro MuSIcal", e a súa secuenciación correspóndese coa unidade número un dentro da estrutura do mesmo.

Tal e como se detalla na guía didáctica do proxecto, o seu obxectivo principal é lograr unha aproximación efectiva do alumnado cara a industria musical, a prol de discriminar as principais profesións que integran o sector, recoñecer e valorar a labor de cada unha das persoas que interveñen neste proceso de principio a fin.

Nesta secuencia didáctica en concreto realizarase unha aproximación inicial que nos permita coñecer o proceso secuencial de creación dunha peza musical dende o inicio ata o final, mantendo unha perspectiva global e identificando as partes que interveñen e as súas funcións dentro do conxunto. Tamén faremos un breve achegamento ós personaxes máis recoñecidos do sector ao tempo que avanzamos por unha análise do panorama musical actual.

Na súa estruturación interna, esta unidade conta cunha sección inicial que actúa a modo de introdución e/ou contextualización dos contidos coñecida como “INTRO”, e presenta tamén unha sección final de ampliación denominada “¿SABÍAS QUE?”.

* As referencias sobre os distintos elementos curriculares que se amosan a continuación se elaboraron en base ó establecido para o nivel educativo de quinto curso de educación primaria no Decreto 155/2022, do 15 de setembro, polo que se establecen a ordenación e o currículo da educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia.

OBXECTIVOS 

A través desta unidade, o alumnado traballará os seguintes obxectivos de área:

OBX1. Descubrir propostas artísticas musicais e dancísticas de diferentes xéneros, estilos, épocas e culturas, a través da recepción activa, para desenvolver a curiosidade, a sensibilidade, o pensamento crítico e o respecto pola diversidade.

OBX3. Investigar sobre diferentes manifestacións culturais e artísticas musicais e dancísticas e os seus contextos, empregando diversas canles, medios e técnicas, para gozar delas, entender o seu valor, así como desenvolver o pensamento e unha sensibilidade artística propia.

OBX4. Expresar e comunicar de maneira creativa ideas, sentimentos e emocións, experimentando coas posibilidades do son, do corpo e dos medios dixitais, para producir obras propias.

OBX5. Participar do deseño, elaboración e difusión de producións culturais e artísticas musicais e dancísticas, tanto individuais coma colaborativas, poñendo en valor o proceso e asumindo diferentes roles na consecución dun resultado final, para desenvolver a creatividade, a noción de autoría e o sentido de pertenza.

No referente a obxectivos didácticos podemos detallar os seguintes:

  • Recoñecer as distintas profesións que compoñen o ámbito da industria musical e a súa labor concreta dentro do proceso produtivo.
  • Realizar unha aproximación significativa sobre os personaxes máis recoñecidos do sector en diferentes épocas e estilos.
  • Anizar empregando unha visión crítica e constructiva o panorama musical actual e o seu funcionamento. 

CONTIDOS

En relación ó establecido no currículo de referencia os contidos traballados son os seguintes:

Bloque 1. Educación musical: percepción e análise.

▪ Estratexias de recepción activa. // ▪ Profesións vinculadas á creación e interpretación musical. Coñecemento e valoración. // ▪ Propostas musicais de diferentes correntes estéticas, procedencias e épocas producidas por creadoras e creadores locais, rexionais, nacionais e internacionais. // ▪ Vocabulario específico de música. // ▪ Recursos dixitais de uso común para música.

Bloque 2. Educación musical: creación e interpretación.

▪ Aproximación ao uso responsable de bancos de imaxes e sons: respecto ás licenzas de uso e distribución de contidos xerados por outros. Plaxio e dereitos de autor. // ▪ Fases do proceso creativo: planificación, interpretación, experimentación e avaliación. // ▪ Avaliación, interese e valoración, tanto do proceso coma do produto final, en producións musicais.

Bloque 3. Educación en artes escénicas e performativas: percepción e análise.

▪ Vocabulario específico das artes escénicas e performativas. // ▪ Recursos dixitais de uso común para as artes escénicas e performativas. // ▪ Estratexias de recepción activa.

Bloque 4. Educación en artes escénicas e performativas: creación e interpretación.

▪ Aproximación ao uso responsable de bancos de imaxes e sons: respecto ás licenzas de uso e distribución de contidos xerados por outros. Plaxio e dereitos de autor. // ▪ Fases do proceso creativo: planificación, interpretación, experimentación e avaliación. ▪ Avaliación, interese e valoración, tanto do proceso coma do produto final, en producións escénicas e performativas.

METODOLOXÍA

metodoloxía a empregar nesta unidade fomenta a adquisición de coñecemento mediante o descubrimento guiado. O modelo de aprendizaxe plantexa unha visión constructivista da intervención pedagóxica para acadar un aprendizaxe significativo no alumnado.

método didáctico responde a unha metodoloxía específica por ámbitos, de maneira que se seleccionan contribucións de autor diversas en función das necesidades educativas que plantexa cada actividade. 

ORIENTACIÓNS METODOLÓXICAS

figura docente está disposta neste proxecto como axente facilitador da aprendizaxe, de maneira que sexa o propio alumnado o protagonista do seu procedemento de ensino-aprendizaxe dende unha visión activa.  O docente exercerá de mediador, con especial relevancia nos puntos de inicio (explicación das tarefas) e nas situacións de debate ou actividades grupais, tentando sempre limitar as súas intervencións na medida do posíbel.

O tempo de realización das propostas didácticas establecido, así como a distribución do espazo e a formación de grupos de traballo é orientativa, sendo susceptíbel de ser modificada a criterio docente en función das necesidades da súa realidade educativa. 

Os métodos didácticos anteriormente citados poden ser tamén adaptados na práctica se así se considera, na procura de adecuar as actividades ao noso contexto próximo (dotación instrumental de aula, recursos materiais, distribución des espazos...)

COMPETENCIAS CLAVE

Competencia en comunicación lingüística (CCL): estará presente en tódolos intercambios orais que se desenvolvan na aula nos seus diferentes rexistros (espazos para o debate, exposicións) no coñecemento e uso dunha linguaxe técnica precisa adecuada a esta disciplina artística e no uso de linguaxe musical.

Competencia persoal, social e de aprender a aprender (CPSAA): mediante a  inmersión do alumnado nun método de aprendizaxe activo, que implica a interiorización de conceptos tratados na aula desde unha perspectiva máis ampla, que permite a súa implementación en diferentes contextos. De igual xeito derivada dun comportamento axeitado nas distintas situacións de ensino-
aprendizaxe durante o desempeño das tarefas. Unha actitude prosocial e participación activa, así como o coñecemento das regras de convivencia, o respecto aos seus iguais, a tolerancia ás diferentes opinións e a distribución do traballo.

Competencia plurilingüe (CP): Amósase na audición activa de obras musicais en lingua estranxeira, xunto coa aproximación a vocabulario específico propio do ámbito da produción musical que tamén emprega terminoloxía en inglés.

Competencia cidadá (CC): presente no tratamento de información relacionada coas profesións que integran o panorama musical actual, a labor que desempeñan e o seu recoñecemento. Tamén o coñecemento de diferentes culturas e tradicións, épocas e xéneros musicais contribúen na adquisición desta competencia.

Competencia dixital (CD): adquirida no emprego de aplicacións e plataformas específicas na rede para o desenvolvemento das actividades.

Competencia emprendedora (CE): en liña co eixe do proxecto, a posibilidade por parte do alumnado de adquirir o desempeño competencial suficiente para completar o proceso de produción musical de maneira autónoma, representa un recurso moi relevante para xestionar as súas inquedanzas e iniciativas nun futuro próximo. O coñecemento da industria musical e as profesións relacionadas, supón unha posibilidade de emprendemento tanto a nivel individual como colectivo, xa sexa como integrante dunha agrupación musical ou ben dende a perspectiva lúdica da produción sonora.

Competencia en conciencia e expresión culturais (CCEC): mediante a selección dun repertorio amplo e variado, podemos facer un enfoque sociocultural a través dos diferentes períodos que conforman a historia da música e tratar as distintas manifestacións artísticas en función da súa situación xeográfica, xéneros  e artistas máis representativos.

AVALIACIÓN

procedemento de avaliación desta unidade didáctica está baseado na aprendizaxe por descubrimento guiado, de maneira que é o discente o que realiza a súa autoavaliación interactiva e recibe en tempo real a retroacción correspondente a través da propia plataforma. Neste senso, empregaranse instrumentos de avaliación de índole variada para enriquecer e potenciar a capacidade de resolución de problemas e o pensamento lóxico. Os instrumentos a empregar detállanse a continuación:

  • Actividades de selección múltiple (varias das opcións propostas como resposta poden ser correctas)
  • Actividade de encher os espazos (completar os ocos nunha oración coa palabra axeitada)
  • Lista desordenada (enumerar os elementos nunha listaxe)
  • Actividade de resposta única (soamente unha opción é correcta a escoller entre varias)
  • Preguntas de verdadeiro ou falso

Así mesmo, algunhas das propostas didácticas que se presentan como tarefas, debido ao carácter práctico desta disciplina artística, son deseñandas para executarse na aula e polo tanto cómpre aplicar un sistema de avaliación que reforce a observación directa por parte docente. 

RECURSOS MATERIAIS

Para levar a cabo as diferentes propostas didácticas desta unidade precisaremos soamente dun dispositivo con conexión a internet para facer as actividades complementarias que requiran de conexión á rede.

A continuación amósase a listaxe de referencias multimedia empregadas para a elaboración desta ODE.

Iván Suárez Prada. Referencias multimedia ODE1 (CC BY-NC-SA)

Feito con eXeLearning (Nova ventá)