De oriente a occidente
Para continuar con esta unidade didáctica, seguiremos a pista da pentafonía dende China ata EEUU, e aterraremos neste novo continente na procura de música pentafónica ao outro lado do charco. Poderá suceder que dúas culturas tan afastadas e tan diferentes compartan unha cousa tan peculiar como esta? Pois si, a música non entende de barreiras e ímolo demostrar!
Primeiro escoitaremos un anaco da súa coñecida melodía, para entrar un pouco en situación:
Recoñecedes a melodía pero non saberíades dicir cal é o nome da canción, verdade? Non vos preocupedes, ímolo remediar!
Oh Susana!
A canción "Oh Susana" foi composta por Stephen Foster no ano 1847 e adicada a súa difunta irmá Charlotte Susannah para lembrar a súa honra. O seu reducido tamaño (un total de dezasete compases e unha duración de trinta segundos) xunto coa súa melodía tan pegañenta supuxeron o caldo de cultivo perfecto para a creación dunha das pezas máis soadas de toda a historia americana. Tal foi o seu éxito, que está considerado como o primeiro "single" do país, e tivo especial relevancia nos campos de algodón, na minería ou nas primeiras fábricas e chegou a establecerse unha danza propia asociada a canción, que todo o mundo bailaba nas celebracións nacionais.
Aquí tedes un vídeo no que aparece unha das primeiras gravacións que se realizaron, aló polo ano 1927 e da man de Vernon Dalhart. Xa choveu, a que si?
LETRA
Nesta epígrafe podedes botarlle un ollo a letra da canción, escrita na súa versión orixinal en inglés.
O instrumento que escoitamos no primeiro fragmento é un banxo (banjo), de orixe africana e popularizado pola poboación africana inmigrante dentro dos Estados Unidos. O seu funcionamento é moi curioso, xa está composto polas cordas (xeralmente cinco) xunto cunha caixa de resonancia ou parche coa que facer percusión ao tocar. Dous polo prezo de un! Pode fabricarse en moitos materiais, pero o máis común é atopalo en madeira e sobre todo en metal, que lle aporta unha sonoridade metálica típica do estilo country. Mirade como soa!