DESCRICIÓN DA UNIDADE
INTRODUCIÓN
A presente unidade didáctica, a novena do proxecto "Mesma música; distinto son", deseñouse coa finalidade de levar a cabo unha aproximación efectiva do alumnado cara outras sonoridades e realidades musicais en tódolos sentidos. Mediante unha viaxe guiada como eixe vertebrador do proxecto, descubriremos outra forma de ordenar a música como é a escala pentatónica, realizaremos un achegamento sobre as diferentes culturas (orientais e occidentais) que fan uso dela ao tempo que coñecemos as súas culturas, danzas e instrumentos musicais. Deterémonos en lugares tan afastados como a China, EEUU ou mesmo Arxentina, e comprobaremos que a pesar de situarse tan lonxe no mapa, podemos viaxar a visitalos traballando coa súa música sen necesidade de coller un avión.
OBXECTIVOS DIDÁCTICOS
- Comprender a importancia do folclore musical como patrimonio cultural e a súa representación nas diferentes conmemoracións propias de cada unha das sociedades traballadas.
- Contextualizar o fenómeno musical nunha cultura concreta, e entender a repercusión da sociedade nesta disciplina artística (fabricación de instrumentos, tipo de música para as celebracións, danza, etc).
- Coñecer a escala pentatónica e a súa sonoridade, xunto coas notas que a forman e a súa utilidade como recurso para a improvisación musical.
- Identificar a relación xerárquica que manteñen as notas da escala e diferenciar a distancia (en tonos ou semitonos) que presentan.
- Coñecer instrumentos musicais propios doutras culturas como son o banxo (EEUU), a frauta de pan ou o erke (Arxentina).
- Bailar unha serie de pezas pertencentes a colección de Danzas do Mundo; "O Susana" (EEUU) e "Carnavalito" (Arxentina).
- Interpretar empregando a orquestra escolar Orff as partituras adaptadas destas danzas e realizar unha contextualización histórica de cada unha delas.
METODOLOXÍA
Aplicarase unha metodoloxía de autor específica por ámbitos, de forma que se recollen métodos didácticos pertencentes a correntes pedagóxicas distintas implementadas en función das necesidades específicas do proxecto. Estas aportacións metodolóxicas citadas son deseñadas e modificadas no eido de atribuirlle un compoñente lúdico de aprendizaxe, e adaptarse a cada realidade educativa. Nesta unidade (detallada en cada caso a súa localización ao final) podemos destacar as seguintes contribucións de autor:
- Danzas do Mundo - Varios autores: Jos Wuytak (1935 - ) e C. Orff (1895-1982) // "Oh Susana" (EEUU) e "Carnavalito" (Arxentina)
- Sonocolores- S. Aschero (1945 - ). // "Oh Susana" (partitura con pictogramas para acompañamento de tubos sonoros)
- Orquestra escolar Orff- (C. Orff (1895-1982) // "Carnavalito" (partitura adaptada para instrumentos escolares)
ORIENTACIÓNS METODOLÓXICAS
A figura docente está disposta neste proxecto como axente facilitador da aprendizaxe, de maneira que sexa o propio alumnado o protagonista do seu procedemento de ensino-aprendizaxe dende unha visión activa. O docente exercerá de mediador, con especial relevancia nos puntos de inicio (explicación das tarefas) e nas situacións de debate ou actividades grupais, tentando sempre limitar as súas intervencións na medida do posíbel.
O tempo de realización das propostas didácticas establecido, así como a distribución do espazo e a formación de grupos de traballo é orientativa, sendo susceptíbel de ser modificada a criterio docente en función das necesidades da súa realidade educativa.
Os métodos didácticos anteriormente citados poden ser tamén adaptados na práctica se así se considera, na procura de adecuar as actividades ao noso contexto próximo (dotación instrumental de aula, recursos materiais, coñecementos previos do alumnado...)
COMPETENCIAS CLAVE
- Comunicación lingüística (CCL): estará presente en tódolos intercambios orais que se desenvolvan na aula nos seus diferentes rexistros (espazos para o debate, exposicións). De forma concreta en tódalas actividades que potencian o uso da linguaxe en relación coa música; a interpretación de cancións ou o coñecemento dun vocabulario técnico axeitado para referirse a conceptos relacionados co contido desta unidade.
- Aprende a aprender (CAA): mediante a inmersión do alumnado nun método de aprendizaxe activo, que implica a interiorización de conceptos tratados na aula dende unha perspectiva máis ampla, que permite a súa implementación en diferentes contextos. Desta maneira, o coñecemento de danzas populares e as cancións que compoñen a parte práctica da unidade poden ser realizadas polo alumnado en contextos diversos como propostas lúdicas do tempo de lecer, favorecendo ó aprendizaxe significativo.
- Competencias sociais e cívicas (CSC): derivada dun comportamento axeitado nas distintas situacións de ensino-aprendizaxe durante o desempeño das tarefas, o traballo cooperativo e a aceptación e distribución dos roles de traballo en equipo durante a práctica musical conxunta, e as actividades que implican relación entre iguais como os espazos de debate ou as dinámicas interactivas.
- Sentido de iniciativa e espírito emprendedor (CSIEE): amósase tanto na práctica musical individual como colectiva, a través dunha predisposición por parte do alumnado para realizar as actividades. Nesta epígrafe destacar a improvisación empregando a escala pentatónica como recurso creativo.
- Conciencia e expresións culturais (CCEC): presente na inclusión no repertorio traballado de obras de orixe cultural diverso, coa súa correspondente contextualización didáctica. Tamén reforzada mediante a ampliación do coñecemento relativo a contidos da unidade (instrumentos folclóricos, danzas típicas e demais elementos representativos).
- Competencia dixital (CD): adquirida no emprego de aplicacións e plataformas específicas na rede para o desenvolvemento das actividades plantexadas nesta unidade. No caso da improvisación, o recurso é o creador de melodías do Laboratorio musical de Google.
AVALIACIÓN
O procedemento de avaliación desta unidade didáctica está baseado na aprendizaxe por descubrimento guiado, de maneira que é o discente o que realiza a súa autoavaliación interactiva e recibe en tempo real a retroacción correspondente a través da propia plataforma. Neste senso, empregaranse instrumentos de avaliación de índole variada para enriquecer e potenciar a capacidade de resolución de problemas e o pensamento lóxico. Os instrumentos a empregar nesta unidade detállanse a continuación:
- Actividade de resposta única (soamente unha opción é correcta a escoller entre varias)
- Actividade de verdadeiro ou falso
Así mesmo, algunhas das propostas didácticas que se presentan como tarefas, debido ao carácter práctico desta disciplina artística, son deseñandas para executarse na aula e polo tanto cómpre aplicar un sistema de avaliación que reforce a observación directa por parte docente. Nesta epígrafe englobamos as actividades como a práctica musical conxunta (Orquestra escolar Orff- "Carnavalito"), a danza e o baile de coreografías "Oh Susana" e "Carnavalito", espazos de debate ou foros e propostas interactivas para levar a práctica dentro da aula como é o caso da improvisación. Preséntanse tamén actividades complementarias de ampliación e reforzo, e contidos relacionados coa unidade nun formato despregable baixo o título "Sabías que?"
RECURSOS MATERIAS
A continuación detállanse os materiais que precisaremos para completar as diferentes tarefas propostas dentro esta unidade didáctica.
Orquestra escolar Orff- Práctica musical conxunta da partitura "Carnavalito"
- Frauta doce
- Xilófono contralto
- Xilófono baixo
- Pandeiro
- Maracas
- Temple blocks
- Caixa chinesa
LICENZAS
Nesta epígrafe adxúntase o documento "Banco de recursos", no que se detallan todos os aspectos relativos á propiedade intelectual e atribución dos materiais empregados para deseñar esta unidade didáctica, xunto cos enderezos para poder consultar os repositorios web onde se atopan aloxados.