Música de oriente
- Duración:
- 00:15
- Agrupamento:
- Ilimitado
Chamámoslle música pentatónica ao tipo de obras musicais que están compostas empregando a técnica da pentafonía. Debido a súa sonoridade adoita asociarse co mundo oriental (China, Xapón...) pero o certo é que moita da música que coñecedes utiliza este tipo de recursos sonoros. Pero... que ten de especial? Non perdades ollo!
CÓDIGO PENTATÓNICO
A música pentatónica, a diferencia da que estamos afeitos/as a escoitar vén empregando soamente cinco notas da escala musical. Se non me trabuco nos cálculos, isto supón que temos que eliminar dúas das sete notas da escala normal (7-5 =2). Pero... que notas escolleremos para eliminalas? Comprobarémolo deseguido!
As "escollidas"
Esas dúas notas das que falabamos non son seleccionadas ao chou, para nada! O certo é que son esas e non outras polo lugar que ocupan na escala. Comentabamos nunha das anteriores unidades didácticas a relación da escala musical cunha escaleira, pola similitude que existe entre as notas que a forman e os chanzos que suben ou baixan, recordades? Pois ben, aínda que semelle unha tolería as sete notas da escala non están todas a mesma distancia musicalmente falando! É dicir, algúns chanzos son máis grandes ca outros. Pero... cales? Seguimos!
O PIANO
O piano é o instrumento perfecto para visualizar estas diferenzas. Imos comprobalo amodiño botándolle un ollo ó seu teclado. Notades algo peculiar na distribución das teclas brancas e negras... ou é cousa miña?
Desciframos o código
A distribución das notas da escala musical no teclado do piano é sempre a mesma: as negras agrúpanse sempre en parella primeiro e formando un trío despois (2 + 3). Se os chanzos da escaleira foran todos iguais, cada unhas das teclas brancas tería despois a súa tecla negra correspondente... non si? A resposta é a seguinte:
Polo xeral a distancia que existe entre cada nota da escala, imaxinando que son eses chanzos da escaleira é de un metro, soamente que na música falamos de tonos. Polo tanto, entre cada nota musical normalmente obtemos un tono de diferencia. Pero a escala musical non é perfecta, e temos dous casos nos que os chanzos da escaleira están un pouquiño máis preto, a medio tono para ser exactos. Esta peculiaridade sonora ten lugar entre o terceiro e o cuarto chanzo, e de novo entre o sétimo e o oitavo. Para non caer nas disonancias que se poidan formar, en tódalas escalas pentatónicas suprimirase a 4ª e a 7ª nota. Na escala de Do maior (a que empregamos habitualmente e que non ten alteracións), isto acontece entre as notas MI e Fa (do terceiro ao cuarto escalón) e as notas Si e Do (do sétimo ao oitavo). Polo tanto e para evitar problemas, na escala pentatónica de DO maior evitaremos empregar estas dúas notas: o FA e o SI.
Podedes ver un exemplo de como quedaría na seguinte imaxe:

Iván Suárez (adaptación). Teclado música piano (orixinal) (CC BY)
Polo tanto, a escala pentatónica de DO maior quedaría da seguinte maneira:
Como vedes, soamente empregaremos cinco notas: DO-RE-MI-SOL e LA. Parece pouca cousa... pero mirade que sonoridade tan característica ten esta escala!
Por certo, etas foron as notas empregadas para darlle forma a esta melodía pentatónica. Comprobade que son soamente cinco!
A música pentatónica é unha moi boa ocasión para improvisar, xa que as notas que compoñen a escala difícilmente poder crear disonancias cando as emparellamos. Ímolo demostrar na seguinte actividade, na que improvisaremos empregando a escala pentatónica sobre unha base musical.
Para levalo a práctica podemos facelo de dúas maneiras:
- Coa axuda dun xilófono ou metalófono (ao que previamente lle quitaremos as láminas (ou placas) que corresponden coas notas FA e SI)
- De forma dixital, empregando o Laboratorio Musical de Google ao que accededes picando AQUÍ
No caso de apostar pola opción de traballar en rede, podedes botarlle un ollo ao funcionamento da plataforma seguindo en tempo real a melodía da epígrafe anterior:
Déixovos agora a música para o acompañamento na improvisación, onde poderedes escoller entre varios estilos musicais. Iso si, procurade crear ritmos e melodías que se axusten ó tempo da música respectando a pulsación... e non esquezades pasar un bo anaco!