Saltar navegación

2.- Glosario

GLOSARIO (ver/ocultar todas as palabras)

A - D

Autonomía: Capacidade dun territorio para dotarse dun ordenamento político.

Bandeira: Pano, case sempre en forma de rectángulo, dunha ou máis cores e ás veces con escudo, que é símbolo dunha nación, partido, rexemento etc., ou que é sinal de algo.

Comunidade Autónoma: División administrativa ou territorial con institucións comúns propia do Estado español.

Concello: Corporación constituída polo alcalde e os concelleiros, que ten ao seu cargo a administración dun municipio.

Congreso dos Deputados: Cámara baixa do Parlamento, propia dos países en que este está formado por dúas asembleas de representantes e integrada polos deputados, que ten como principal responsabilidade a redacción das leis e do control do goberno.

Conselleiro/a: Persoa que está á fronte dunha consellaría.

Consellería ou Consellaría: Cada un dos departamentos en que se divide a Administración da Xunta de Galicia e dos demais gobernos das autonomías.

Cortes: O Congreso e o Senado.

Deber: O que un está obrigado a facer.

Decreto: Orde ou resolución dun goberno, tribunal ou autoridade competente na materia en cuestión.

Decreto Lei: Disposición con rango de lei dada polo Goberno en caso de necesidade.

Deputación provincial: Corporación elixida para dirixir e administrar os intereses dunha provincia.

Deputado/a: Membro do Congreso.

Dereita ou Dereitas: Colectividade política de carácter conservador, que defende as súas tradicións.

Dereito: Conxunto de leis que regulan as relacións entre os membros dunha sociedade ou dun país.

E - H

Eleccións: Acción e efecto de escoller unha ou máis persoas para un cargo, particularmente político, por medio de votos.

Emenda: Proposta de cambio total ou parcial no texto dunha lei.

Esquerda ou Esquerdas: Colectividade política de carácter reformista e non conservador.

Estado: Ente xurídico que personifica a nación dentro e fóra do territorio soberano onde está asentada de forma estable e onde exerce a administración.

Estado de alarma: Situación declarada polo Goberno mediante decreto, motivada por catástrofes ou crises e que fai imposible manter a normalidade mediante os poderes ordinarios.

Estatuto: Conxunto de disposicións legais que definen a situación dunha determinada colectividade.

Funcionario/a: Persoa que desempeña un cargo ou emprego público.

Garda Civil: Corpo armado do Estado español encargado da seguridade e da orde no medio rural.

Gobernar: Dirixir [unha colectividade, especialmente un país ou nación] por medio de leis ou disposicións.

Goberno: Conxunto de ministros que gobernan un país.

Golpe de Estado: Acción subversiva que consiste en facerse co poder político dun país por medios ilegais.

Grupo: Conxunto de persoas organizado e unido na defensa duns intereses comúns, na realización dunha actividade etc.

Grupo mixto: Grupo parlamentario formado por todos os deputados e deputadas que non cumpren os requisitos esenciais para formar un grupo parlamentario propio.

Himno: Composición musical destinada a ser cantada en honra e loanza de algo ou de alguén e que se converte en símbolo dunha comunidade de persoas, dun ideal etc.

I - L

Lei: Regra obrigatoria de carácter xeral establecida pola autoridade correspondente.

Lexislación: Conxunto de leis.

Liberdade: Dereito e posibilidade de poder actuar unha persoa segundo os propios criterios e de decidir por ela mesma aquilo que lle atinxe, sen estar sometida ás imposicións doutros.

M - O

Maioría absoluta: Maioría que esixe a metade dos votos emitidos máis un.

Maioría cualificada: Maioría representada por unha fracción de votos superior á metade, como dous terzos ou tres cuartos.

Maioría de idade: Situación da persoa que alcanza a idade legal para ter todos os dereitos e responsabilidades civís.

Maioría relativa: Maioría representada por un número de votos inferior á maioría absoluta, pero superior ao conseguido polo resto das candidaturas ou opcións.

Ministerio: Cada un dos departamentos da Administración central dun país, que está a cargo dun ministro e que se ocupa dun aspecto específico do goberno do Estado.

Ministro/a: Persoa que forma parte do goberno dun país e que ten ao seu cargo un ministerio.

Moción: Proposición que se fai nunha asemblea para deliberar sobre ela e sometela posteriormente a votación.

Moción de censura: Procedemento polo que os partidos poden esixir nun parlamento ou nun pleno municipal a responsabilidade política ao poder executivo respectivo.

Nación: Comunidade humana, instalada nun territorio definido, que pode estar ou non politicamente organizada como estado, e que se caracteriza por ter unhas tradicións históricas e culturais comúns, os mesmos intereses económicos e unha unidade lingüística ou relixiosa.

Nacionalidade: Comunidade política con identidade propia que pode integrar e formar parte do Estado.

Oligarquía: Réxime político ou forma de goberno en que o poder está nas mans dun grupo reducido de persoas que pertencen a unha clase social privilexiada.

P - T

Parlamento: Asemblea dos representantes do pobo, formada por unha ou dúas cámaras, que se encarga de redactar as leis e de controlar a acción do goberno.

Parlamento (edificio): Edificio onde ten a súa sede esta asemblea.

Partido: Grupo organizado de persoas que teñen as mesmas opinións ou os mesmos intereses.

Plebiscito: Consulta mediante votación á que se somete o pobo para aprobar ou refutar unha cuestión que concirne á estrutura do Estado ou do goberno. Sinónimo: Referendo.

Pobo: Conxunto de persoas que viven nun lugar determinado e teñen en común a lingua, as tradicións ou as institucións.

Poder fáctico: Sector cunha grande influencia social e capacidade para condicionar de feito a política dun país. Exemplo: Os medios de comunicación e a banca son dous dos poderes fácticos máis influíntes.

Poderes públicos: Conxunto das autoridades que gobernan un estado.

Policía municipal: A que ten como misión facer cumprir as ordes das autoridades municipais, regular o tráfico da cidade ou vila etc.

Policía nacional: Corpo encargado de manter a orde pública e garantir a seguridade cidadá.

Provincia: Entidade local do Estado español, con personalidade xurídica propia, formada pola agrupación de municipios.

Referendo: Votación directa dos cidadáns dun país para dar a súa opinión sobre unha cuestión importante.

Rei, Raíña: Xefe soberano que, nalgúns estados, herda o poder do seu antecesor.

Senado: Cámara alta do Parlamento, propia dos países en que este está formado por dúas asembleas de representantes e integrada polos senadores, que ten como funcións a representación dos territorios e a revisión das leis procedentes do Congreso para aprobalas, modificalas ou rexeitalas.

Senador/a: Membro do Senado.

Sufraxio: Procedemento mediante o cal unha persoa expresa a súa vontade, en especial sobre unha cuestión política, e xeralmente por medio do voto.

U - Z

Voto: Declaración da propia vontade nunha asemblea, reunión, elección etc., respecto a algo que se propón ou se consulta ou a alguén que se elixe para un cargo, mediante a cal unha persoa escolle unha das posibilidades que se presentan.

Voto de censura: Voto que emiten os compoñentes dunha cámara ou dunha corporación para negarlle a confianza ao goberno ou á xunta directiva.

Xefe de Estado: Máximo dignitario do Estado. O rei é o xefe de Estado en España.

Xuíz ou Xuíza: Funcionario encargado de administrar xustiza e aplicar as leis.

Xustiza: Conxunto de organismos encargados de exercer ese poder, e persoas que os representan.