Saltar navegación

5.- Actividades de ampliación e motivación

Animación: Consumo responsable no noso cole ou casa!

En grupos de 4 membros realizaredes unha animación na que uns personaxes creados por vós discutirán a situación do centro e decidirán normas para lograr que o noso colexio ou fogar forme parte dun consumo máis responsable e sostible.

O consumo responsable non se basea só na elección de produtos e servizos pola súa calidade e prezo, senón tamén polo seu impacto ambiental e social, e pola conduta das empresas que as elaboran. Significa tamén consumir menos, optar por consumir só o que sexa necesario, e estar atentos a como a publicidade nos inflúe na creación de necesidades superfluas.

Posibles ámbitos onde incidir (preguntas guía):

- Reciclamos o lixo no centro?. Hai suficientes bidóns para reciclar?

- As merendas son saudables?. Hai excesivo plástico ou papel nos envoltorios dos alimentos que levamos na merenda?

- O consumo de papel na aula é axeitado?... Hai excesivas fotocopias?.... Utilizamos os folios por ambos lados?.

- O patio está limpo?... Que tipo de lixo atopades?...

- O menú do comedor é axeitado?... Que fan co que sobra?...

- Vedes no colexio algún caso de obsolescencia programada?... E nas vosas casas?...

- Como vestimos?... Estades obsesionados coa moda?... Inflúevos a publicidade na elección da roupa que levades?... E o feito de que sexa de marca ou non?...

- Cantos teléfonos móbiles hai nas vosas casas?... Cada canto os cambiades?... Non funcionaban os vellos cando mercaron os novos?... É necesario cambiar de móbil cada 18 meses?... A onde van a parar os teléfonos ou electrodomésticos vellos?...

- Nas casas comprades alimentos en exceso que logo tedes que tirar ao lixo por pasar a data de caducidade ou ter mala cara?... Reciclades?.... Mercades algún alimento ecolóxico?...

- Andades moito?... Empregades o transporte público ou sempre ides no coche dos vosos pais?...

- Cantas bombillas tedes nas vosas casas?... Son todas de baixo consumo?...

- No voso ocio sodes consumistas?... Pensade en cantas actividades de ocio podedes facer sen que conleven ningún tipo de gasto...

- Cando ides á praia ou ao monte.. queda pegada do voso paso?... Deixades todo tal cual o atopasstes?...

Estas son tan só algunhas ideas coas que traballar na vosa animación. Elexide unha, varias ou engadide vós algunha . O obxectivo da animación é concienciar aos vosos compañeiros de cara a un consumo responsable.

Ferramenta:

A animación realizarémoola coa APP Tontastic 3D da que temos versión para Android, IOS (Ipad) e Chromebooks.

Toontastic 3D é gratuito e moi sinxelo de usar. Ofrece moitos personaxes e escenarios para contar as historias. Ademais, ten un editor para deseñar os nosos propios personaxes ou personalizar os existentes. Podemos incluso usar a cámara para engadir as nosas fotos.

 

Os pasos a seguir serían:

1º.- Elaboramos un guión co que queremos contar e que personaxes e escenario precisamos.

2º.- Elaboramos unha escaleta onde concretamos o guión anterior en planos e secuencias.

3º.- Abrimos o Toontastic 3D

3.1.- Eleximos o número de partes da historia. Recomendamos a "Short Story" de 3 partes . Se a historia é máis complexa podedes elexir algunha opción con máis escenas.

3.2.- Accedemos a cada unha das partes da historia para poder editala.

3.3.- Eleximos un dos escenarios da aplicación ou creamos un propio.

3.4.- Eleximos os personales da nosa historia. Se non atopamos algún que non se axuste ao noso guión podemos debuxalo ou modificar un dos existentes.

3.5.- Iniciamos a historia arrastrando os personaxes no escenario e gravando as nosas voces. Mellor que cada membro do grupo se encargue dalgún dos personaxes. Se lle corresponden dous procurade cambiar as voces.

4.- Poñémolle os créditos na animación e gravámola no dispositivo.

Titorial de como crear unha animación con Toontastic3D