Linguaxe Musical
A partitura
Unha vez que xa a sabemos, imos traballar un pouco coa partitura.
O compás.
Nesta partitura aparece un compás que xa coñecemos ben, o 2/4 e outro que non tanto, o 6/8.
O 6/8 é binario, igual que o 2/4, pero en lugar de 2 corcheas en cada pulso, entran 3.
O 6/8 mídese igual que o 2/4. Imos practicar a lectura entoada desta partitura, axudándonos co vídeo:
O cambio dun compás a outro, como xa vimos en unidades anteriores, recibe o nome de equivalencia, e neste caso é pulso=pulso.
Isto significa, que o pulso non se modifica, sempre ten a mesma velocidade; como podes ver no vídeoo o metrónomo mantense constante; pero no 6/8 leva 3 corcheas en cada pulso, mentres que no 2/4 só dúas, e isto provócanos a sensación de que a canción vai máis lenta. Sentídelo?
Practica a lectura entoada para asimilar correctamente o cambio de compás.
A forma
Lembra que a forma é a estrutura dunha canción.
Neste caso, a canción ten dúas partes diferenciadas en canto á música, marcada polo compás: a parte co 6/8 e a parte co 2/4; polo tanto, trátase dunha forma binaria.
Se nos fixamos na letra, poderiamos falar dun rondó, xa que temos un estribillo (o 2/4) que se mantén igual durante a canción, e varias estrofas (o 6/8), que van contando a historia da piñata.
O ditado
Imos practicar auditivamente o novo compás que estamos traballando: o 6/8. Faremos uns ditados: rítmico e melódico-rítmico.
Collede un lápis e unha folla pautada e aguzade os oídos!
Ditado rítmico:
Ditado rítmico-melódico:
Creando novas letras
Como xa fixemos noutra unidade, imos traballar a imaxinación. En grupos de 2 ou 3 compañeiros, inventaredes unha nova letra para esta canción.
Faredes unha estrofa e un estribillo; podedes seguir o tema da canción (a piñata) ou outro tema que queirades: o cole, a música, o verán, as vacacións, etc.
Deixade voar a vosa imaxinación!
Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Non-comercial Compartir igual 4.0