Linguaxe Musical
A partitura
Unha vez que xa a sabemos, imos traballar un pouco coa partitura. Se te fixas, aparecen as figuras que coñecemos e tamén indicacións de tempo e matices. Ademais aparecen elementos novos, que son explicados nos apartados que seguen.
Pon moita atención!
O pulso e o compás.
Para poder comprender os elementos rítmicos da música, necesitas coñecer un concepto:
- O pulso: é a unidade básica que se emprega para medir o tempo. Un bo exemplo é o punteiro do teu reloxo: el marca pulsos cada segundo. Se tes reloxo, podes comprobalo.
Imos facer un exercicio que nos permita xogar co pulso: en parellas, cada un de vós palmeará á vez un tempo lento. Despois de varias repeticións, un de vós dará unha palmada cada dúas do compañeiro (é dicir, marcará só o primeiro pulso de cada dous); despois o faremos cada tres, e cada 4. Podedes ver o vídeo para axudarvos.
A agrupación de varios pulsos é o que se chama compás. O exercicio anterior permítenos observar que podemos agrupalos cada 2, 3 ou 4 pulsos, dando lugar aos compases que traballaremos: 2/4, 3/4 e 4/4. Nesta partitura, como ves, será o 3/4.
O compás represéntase coma unha fracción, e como xa estudastes en matemáticas, está formado por dous elementos:
- O numerador: indica o número de pulsos: 2, 3 ou 4. Nesta partitura é o 3.
- O denominador: indica a figura que ocupará ese pulso. Nesta partitura é o 4. Para poder saber o que significa este número, faremos un xogo de lóxica onde a redonda será a base, facéndonos a seguinte pregunta (lembra as figuras que coñecemos: redonda (4 pulsos), branca (2 pulsos), negra (1 pulso) e corchea (medio pulso):
cantas...........(a figura que queiramos saber) hai nunha redonda?
Na partitura o pulso ven marcado pola negra. Así que a pregunta sería: cantas negras hai nunha redonda? Hai 4 negras. Por iso o número que aparece no denominador é un 4.
Así que o compás de 3/4 significa que en cada compás entran 3 negras.
Compróbao na partitura!
Actividade sobre os compases
Le e completa segundo o que aprendimos dos compases:
A ligadura
Como o seu nome indica, é un signo musical que serve para unir dous ou máis sons. Hai dous tipos:
- A ligadura de unión: une dous ou máis sons iguais.
- A ligadura de expresión: une dous ou máis sons diferentes, e serve para que as frases musicais non se corten.
A que aparece na partitura, é a ligadura de unión, e permite que un son se una con outro do mesmo nome e altura. Polo tanto, unha branca ligada a unha negra dura 3 tempos, e unha negra ligada a unha corchea dura 1 tempo e medio.
Xa sabedes facelo?
As alteracións
As alteracións son signos que modifican a altura das notas.
Existen 3 diferentes (escoita os audios para entendelo mellor):
- Sostido (#): sube medio ton o son.
- Bemol (b): baixa medio ton o son.
- Becuadro (
) : anula o sostido e o bemol.
Existen diferentes tipos de alteracións:
- Alteracións propias: son as que aparecen ao principio da obra, entre a clave e a indicación de compás, e afectan a toda a partitura.
- Alteracións accidentais: son as que aparecen no medio da partitura e só afectan a nota á que preceden e ás iguais que estean no mesmo compás.
Aquí vai un exemplo cos distintos tipos de alteracións:
Na partitura as alteracións que aparecen, despois do que acabamos de falar, como cres que se chaman?
Os signos de repetición
Na música aparecen moitas veces fragmentos que se repiten. Para facilitar a escritura, temos uns signos que nos indican estas repeticións.
Como podedes ver na partitura, neste caso, emprégase unha dobre barra con dous puntos:
Indícanos que hai que repetir o fragmento dende o comezo ata a dobre barra.
Existen outros signos que iremos coñecendo a medida que vaian aparecendo.
A forma musical
A forma dunha partitura é a súa estructura. As formas máis empregadas son as formas binarias ou ternarias, que como o seu nome indica, teñen dúas ou tres partes, respectivamente.
Para indicar as distintas partes dunha partitura, empréganse as consoantes en maiúsculas: A, B, C, D, etc. Se dúas partes son iguais, pero teñen pequeñas diferencias (diferente letra e igual música, o final diferentes, etc), chamarían A e A´(a prima).
A forma máis habitual na música de hoxe en día, é a forma rondó: ABACAD, é dicir, estrofa e estribillo.
Outra das formas, que imos coñecer é o canon.
Nesta partitura, que forma cres que pode ter? Imos fixarnos na música.
A forma desta canción sería: AA B A, A´A´ B´ A.
Compróbao coa partitura e co audio da canción!
Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Non-comercial Compartir igual 4.0