Danza
Danzas Tradicionais de Polonia
As danzas tradicionais son unha parte moi importante da cultura de cada país.
Ao longo da historia, as danzas tiveron diferentes fins: formaban parte de antigos rituais máxicos; permitían relacionarse entre si; e, sobre todo, eran para divertirse.
O tipo de danzas viña influenciado polo carácter do pobo (serios, alegres, etc.) e tamén polo chan que había na rexión.
En Polonia hai moitas danzas, debido a que cada pequena rexión tiña as súas propias.
Hai unha que é importante en todo o país: a Polka: danza que se fai en parellas en compás binario, e que consiste en alternar pasos xirando sobre si mesmos. Esta danza provén do mundo rural.
Co paso do tempo, as danzas rurais e as da corte comezaron a mesturarse dando lugar a un conxunto de danzas, chamadas danzas nacionais. As máis importantes son:
- Polonesa: a máis antiga, consiste nun desfile lento en compás de 3/4, na que as parellas avanzan en fila unha tras outra. Cada paso coincide cunha negra do compás, e no último paso flexiónase o xeonllo. É a danza máis solemne, e coa que se comezaba sempre os bailes.
- Krakowiak: é da zona de Cracovia, pero se interpreta en todo o país. É unha danza alegre, en compás binario, e destaca o seu triple zapateo ao final de cada frase. Hai unha parella que é á que seguen as demais.
- Mazurca: é da zona de Mazovia. É de compás ternario e trátase da danza máis complicada do país, xa que require moita destreza e velocidade de movementos. Fíxose popular a través do himno nacional do país, "A Mazurca de Dabrowski".
- Oberek: danza moi rápida en ritmo ternario, que consiste en xiros executados por parellas sen cambiar de posición. Acompáñase con cantos, palmas e zapateo. A muller sempre fai o mesmo paso, mentres que o home inclúe pisadas máis marcadas, movementos en coscas e saltos.
- Kujawiak: provén das danzas de vodas da rexión de Kujawy. Consiste en andar pausado e xiros, coas pernas flexionadas en 3/4. Parécese á mazurca, pero esta é moito máis lenta. Soen estar en tonalidade menor, polo que son máis tristes.
Estas danzas convertéronse nun símbolo nacional, e serviron como inspiración a artistas como o músico Frederik Chopin, que as usou como base para as súas composicións.
Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Non-comercial Compartir igual 4.0