GUÍA PARA O PROFESORADO

INTRODUCIÓN

Este recurso foi deseñado para ser utilizado na área de Ciencias da Natureza, nos niveis de 5º e 6º de educación primaria. A planificación desta secuencia está organizada para aplicar a metodoloxía da clase invertida (flipped classroom, véase https://www.theflippedclassroom.es/what-is-innovacion-educativa/), aínda que se pode adaptar facilmente a outras propostas metodolóxicas máis clásicas. Por medio desta secuencia o alumno comprenderá dun xeito máis vivencial conceptos fundamentais presentes no medio natural.

OBXECTIVOS

Segundo os obxectivos establecidos no Decreto 105/2014 polo que se establece o currículum para a etapa de educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia, a través deste recurso didáctico o alumnado desenvolverá os seguintes obxectivos:

  • Coñecer e apreciar os valores e normas de convivencia, aprender a obrar de acordo con ela, prepararse para o exercicio da cidadanía e respectar o pluralismo.
  • Desenvolver hábitos de traballo individual e de equipo, actitudes de confianza nun mesmo, o sentido crítico, a iniciativa persoal, a curiosidade, o interese e a creatividade.
  • Coñecer e utilizar de xeito apropiado a lingua galega.
  • Coñecer aspectos fundamentais das Ciencias da natureza.
  • Utilizar diferentes representacións e expresións artísticas e iniciarse na construción de propostas visuais e audiovisuais.

CONTIDOS

  • A luz: propiedades e fontes.
  • Refracción da luz. Elementos da refracción.
  • Reflexión da luz. Tipos de reflexión.
  • Procesos relacionados coa luz do Sol: a fotosíntese e os eclipses.
  • Clasificación dos obxectos segundo a luz.
  • A luz e a vista.
  • O disco xiratorio de Newton. 

CRITERIOS DE AVALIACIÓN

  • Recoñecer as propiedades da luz e as súas fontes.
  • Comprender que sucede na refracción da luz e que elementos interveñen.
  • Distinguir os tipos de reflexión.
  • Clasificar os corpos segundo o seu comportamento ante a luz.
  • Comprender a relación entre as cores e a luz.
  • Expresarse con corrección de forma oral e escrita.
  • Desenvolver as destrezas necesarias  para traballar en equipo.

ESTÁNDARES DE APRENDIZAXE

  • Recoñece as propiedades da luz e clasifica as fontes de luz pola súa natureza.
  • Identifica o fenómeno da refracción e os seus elementos.
  • Distingue entre refracción e reflexión.
  • Clasifica os corpos polo seu comportamento ante a luz.
  • Comprende a relación entre as cores dos obxectos e a luz.
  • Exprésase con corrección de forma oral e escrita.
  • Amosa as destrezas necesarias cando realiza unha tarefa en grupo.

ORIENTACIÓNS METODOLÓXICAS

Como se avanzou na introducción desta guía, a proposta para este recurso consiste en desenvolver na aula a metodoloxía da clase invertida, de xeito que sexa o alumno o que individualmente navegue polo recurso e interactúe con el a través das actividades con autocorrección. Despois desta primeira aproximación aos contidos, propoñemos unha serie de actividades para realizar unha posta en común das impresións, dúbidas e conclusións que poidan xurdir entre o alumnado e realizar tarefas en grupo e tamén individualmente. A maioría das tarefas están deseñadas para levarse a cabo a través do traballo cooperativo e teñen como finalidade abrirse ao resto da comunidade educativa. 

ATENCIÓN Á DIVERSIDADE

Este recurso é aberto, é dicir, posúe a característica de ser modificable, de xeito que o docente pode adaptalo segundo as necesidades do alumnado. O carácter multimedia facilita a comprensión dos contidos ao estimular varios sentidos á vez;   como suxestión, pódese ir revisando o visionado e parando en cada fase para insistir en cada etapa do experimento e repetir a secuencia as veces que sexa necesario, no caso de alumnado con dificultades de comprensión. Por outra banda, inclúese un apartado "sabías que..." para que aquel alumnado con inquietudes sobre este tema poida ampliar os seus coñecementos e seguir investigando.

ACTIVIDADES

ACTIVIDADE 1: posta en común do visionado do primeiro experimento e resolución de dúbidas. O alumnado, organizado en grupos de catro ou cinco alumnos, levará a cabo un traballo de investigación sobre a lonxitude de onda de cada cor, as cores primarias, como se mesturan para conseguir cores secundarias... Como suxestión, en colaboración coa área de educación plástica pode realizarse un obradoiro sobre mesturas de cores primarias para obter outras cores realizados polos alumnos para outros cursos inferiores. Dúas sesións.

ACTIVIDADE 2: posta en común do visionado do segundo experimento e resolución de dúbidas. Individualmente no caderno cada alumno fará un esquema do ollo indicando as súas partes e a función de cada parte respecto á luz, para o que previamente deberán buscar información. Unha sesión.

ACTIVIDADE 3: o alumnado organizado en equipos de catro ou cinco alumnos buscarán información sobre que é unha lente óptica, que aparellos hai con lentes e para que serve cada un; con toda a información elaborarán un díptico por equipo. Dúas sesións. 

INSTRUMENTOS PARA A AVALIACIÓN

  • Folla de rexistro coa participación durante as clases, exposición de dúbidas e reflexión sobre os vídeos.
  • Entrega de traballos (traballo de investigación sobre a cor, esquema do ollo e díptico sobre as lentes).
  • Rexistro do traballo individual dentro do grupo.
  • Rexistro da coavaliación dos compañeiros. 

Para facilitar este apartado da tarea docente, recomendamos consultar a lista de rúbricas correspondentes a educación primaria do Proxecto EDIA, e adaptalas ás actividades propostas e o grupo de alumnos: http://cedec.educalab.es/rubricas/

TEMPORALIZACIÓN

Esta secuencia didáctica está pensada para desenvolverse en cinco sesións.

RECURSOS

RECURSOS DIXITAIS: ordenador (mínimo un equipo por grupo); procesador de textos e acceso a internet. Para levar a cabo a clase invertida, cada alumno debe ter un ordenador e acceso á rede na súa casa.  

RECURSOS MATERIAIS: material do alumno; botes de pintura coas cores primarias para facer o obradoiro de cor.