Saltar navegación

EXPERIMENTO I: O lapis crebado

Fíxate neste experimento xa que, aínda que é moi fácil, ilustra moi ben un dos fenómenos máis coñecidos relacionados coa luz, a refracción. 

Pilar Barros e Susana Camiña. O lapis crebado (CC BY-SA)

EXPLICACIÓN

A luz é unha forma de enerxía, a enerxía luminosa, que emiten os corpos luminosos. Estes corpos desprenden unha radiación, unha emisión de partículas chamadas fotóns, e poden facelo sen necesidade dun medio material, é dicir, a luz pode propagarse tamén nun espazo baleiro.

A luz propágase en liña recta e en todas direccións; cada unha desas liñas de luz denomínase raio de luz. A velocidade da luz, ao contrario que sucede coas ondas sonoras, diminúe se aumenta a densidade do medio polo que propaga. A luz viaxa a unha velocidade de aproximadamente de 300.000 km/h. Como a distancia do Sol á Terra é de aproximadamente 150 millóns de quilómetros, a luz do Sol tarda 8 minutos e 20 segundos en chegar á Terra.

A refracción da luz é un fenómeno que consiste no cambio de dirección dos raios cando pasan dun material a outro material distinto, con diferente densidade. Para que se produza a refracción a luz debe incidir de forma oblicua sobre a superficie que limita ambos medios.

Imos ver e explicar os elementos da refracción mediante o seguinte esquema:

Esquema da refracción
Pilar Barros e Susana Camiña. Esquema da refracción (CC BY-SA)

-Normal: é a liña imaxinaria perpendicular á superficie. 

-Raio incidente: é o raio que incide na superficie.

-Raio refractado: é o raio cando cambia de medio, modificando a dirección e a velocidade.

-Ángulo de incidencia (i): é o ángulo que forma o raio incidente e a normal.

-Ángulo de refracción (r): é o ángulo que forma o raio refractado e a normal.

Como se desvían os raios? Se a luz pasa dun medio menos denso a outro máis denso, os raios desvíanse aproximándose á normal. Pola contra, se os raios pasan dun medio máis denso a un medio menos denso, os raios desvíanse afastándose da normal.

No noso experimento, a luz desvíase ao cambiar de medio, do aire á auga, e por iso o lapis parece crebado.

Lembramos que...

Como sabes, a luz do Sol é un elemento imprescindible para que as plantas poidan realizar a fotosíntese, ademáis da auga e sales minerais, así como do dióxido de carbono presente no aire. Durante este proceso as plantas producen máis osíxeno do que consomen durante a respiración, osíxeno que outros moitos seres vivos necesitamos para vivir.

Sabías que...

O eclipse de Sol prodúcese cando a Lúa se interpón entre a Terra e o Sol, ocultando todo o Sol ou parte deste. En cambio, no eclipse de Lúa é a Terra a que está entre o Sol e a Lúa. No seguinte vídeo podes ver diferentes tipos de eclipses:

https://www.youtube.com/watch?v=mDhRjsNoB7Y