EXPERIMENTO II: Arco da vella caseiro

Ocultar

Aínda que sabemos que o arco da vella é un fenómeno relacionado coa luz que podemos observar nos días con chuvia e sol, podes facer un na túa casa con obxectos da vida cotiá. No seguinte vídeo explicámosche como: 

Pilar Barros e Susana Camiña. Arco da vella caseiro (CC BY-SA)



EXPLICACIÓN

Como vimos no experimento anterior, a luz é unha forma de enerxía que se propaga en liña recta e en todas direccións por medio de ondas electromagnéticas. A luz visible é o espectro que percibe o ollo humano.  

Os corpos que emiten luz poden clasificarse pola súa natureza en:

1. Fontes de luz naturais: son as que se atopan na natureza. O Sol é a máis importante, pero tamén son fontes de luz naturais as estrelas, os lóstregos, o lume e algún seres vivos, como os vagalumes.

2. Fontes de luz artificiais: son fontes que utilizan outra forma de enerxía para xerar luz, normalmente enerxía eléctrica como un televisor ou unha lámpada, ou química, como por exemplo unha lanterna.

Que ocorre cando a luz choca cun obxecto? Cando os raios de luz chocan cun obxecto pode ocurrir que:

  • A luz pasa a través do obxecto. 
  • O obxecto reflicte a luz.
  • A luz é absorbida polo corpo, transformándose noutra forma de enerxía.

Tendo en conta o que acabamos de expoñer, podemos clasificar os obxectos polo seu comportamento respecto á luz en:

  1. Transparentes: estes obxectos deixan pasar toda a luz a través deles. Por exemplo, unha xerra de cristal.
  2. Translúcidos: deixan pasar parte da luz; outra parte é absorbida ou reflectida. Certos tecidos, como por exemplo liño, son translúcidos.
  3. Opacos: toda a luz é reflectida ou ben absorbida, por exemplo un libro.

A reflexión da luz é un fenómeno que se produce cando os raios de luz chocan cunha superficie, desviándose  retrocedendo a súa traxectoria. Segundo as características da superficie na que inciden os raios, distínguense dous tipos de reflexión:

  1. Reflexión especular: cando a luz se reflicte nunha superficie pulida, lisa, e os raios desvíanse paralelamente.
  2. Reflexión difusa: cando a superficie presenta irregularidades, os raios son reflectidos en diferentes direccións formando ángulos distintos.

Outro aspecto relacionado coa luz reside nas diferentes cores que percibimos pola vista... por que cada obxecto do noso redor ten unha cor determinada? A cor é unha percepción visual provocada pola luz.

Dentro das ondas electromagnéticas, hainas visibles ao ollo  humano e outras que non o son, como os raios ultravioletas, os infravermellos ou os raios X.  Grazas ao ollo, que é o órgano do sentido da vista, podemos percibir as ondas con diferentes lonxitudes e que representan as cores, grazas a activación dunhas células que se atopan na retina. Cando un corpo é iluminado e podemos velo dunha cor determinada, significa que esa materia reflicte as ondas electromagnéticas correspondentes a esa cor. Cando observamos, por exemplo, un tomate vermello, quere dicir que absorbe todas as frecuencias excepto aquelas que se corresponden coa súa cor.

Cando observamos o arco da vella quere dicir que a luz ao atravesar un medio transparente desvíase dentro de ese medio (refracción) e volve desviarse cando sae del, manifestando as cores que podemos percibir pola vista. No arco iris distínguense sete cores: vermello, laranxa, amarelo, verde, azul, morado e violeta.

No noso experimento, cando a luz incide na auga cambia a velocidade, provocando que se dobre e se reflicta en diversos ángulos, creando un arco iris debido ás diferentes lonxitudes das ondas.

As cores e a vista

Ocultar

Denomínase daltonismo a unha alteración na percepción visual das cores. As persoas  que a sofren, teñen dificultades para distinguir as cores, ou ben cústalles discernir entre as cores vermella e verde. Recibe este nome polo químico que a identificou, John Dalton.

Sabías que...

Ocultar

O disco xiratorio de Isaac Newton (1642-1727) é un círculo dividido en sectores coloreados coas cores da luz que podemos observar no arco da vella, e que, entre outros experimentos, serviu para que o físico demostrase que as cores están na luz branca. Así, se facemos xirar velozmente o disco, as cores mestúranse ata ver todo  círculo de cor branca.

Podes ver como facer un disco newtoniano no seguinte enlace:

https://www.youtube.com/watch?v=VKFBpoAKfsM