Saltar navegación

Fotonovela

gal / Abril, Semana do Libro

Desde lingua galega contribuiremos á creación do libro colectivo coa elaboración dunha fotonovela, un tipo de narración en que imos mesturar texto e imaxe.

Podemos crear nós o texto ou ben adaptar un relato que nos guste. Para comezar, escollemos esta segunda opción.

Imos aló!

Paso1. Lemos

Paso 1. Lemos

Actividade 1. Lemos

Imos comezar por facer un mergullo na biblioteca á procura do noso relato.

As posibilidades son inmensas, así que deixádevos guiar pola vosa profesora ou profesor.

Se non podedes ir á biblioteca, en internet atoparedes algúns portais que vos serán de axuda para dar coa narración idónea.

No blog A Retallaría están á vosa disposición relatos clásicos: Castelao, Dieste, Fole, Blanco Amor....

Tamén podedes atopar relatos entre a listaxe de narrativa da BVG (Biblioteca Virtual Galega).

E ademais, a asociación de tradutores ofrece a posibilidade de ler clásicos universais en galego en Bivir (Biblioteca Virtual de Literatura Universal en Galego).

Actividade 2. Seleccionamos

Pasamos a traballar en grupo. Debemos escoller, entre todos os relatos lidos, un que nos sexa doado transformar en fotonovela.

Comezade por ler cadaquén o voso relato ao resto do equipo e defendede a súa idoneidade para ser o seleccionado. Decatádevos de que estades xa realizando unha análise literaria: os personaxes, os espazos, o tempo, o interese do argumento, a facilidade de transformación...

Escollede un relato.

Paso2. Practicámos

Paso 2. Practicamos

Continuamos traballando en grupo.

Para que a nosa fotonovela sexa un éxito, cómpre que entendamos o mellor posible o relato sobre o que imos traballar.

Primeiro imos practicar. Farémolo co relato “Arroz negro”, de Fran Alonso. Lédeo atentamente e comentádeo: Que tipo de narrador aparece? Como están caracterizados os personaxes? Hai moito diálogo e é importante? En que época e espazo(s) se ambienta a historia? Como transcorre o tempo?

A continuación, debemos dividilo en escenas ou secuencias. Cada escena vaise corresponder cunha fotografía. Para a secuenciación:

  • Teremos en conta os diferentes ambientes, a aparición dos personaxes e o diálogo que nos interesa relacionar con cada fotografía.

  • Prestaremos atención á tensión narrativa, especialmente no clímax e no final do relato.

  • Escribide nun folio a vosa proposta de secuenciación. Especificade, de xeito esquemático, o que incluiriades en cada escena.

Rematada? Agora comparádea con esta da imaxe.                                                                   Imaxes arroz negro

Comentade entre vós as semellanzas e diferenzas de secuenciación e indicade os pros e contras de cada unha delas.

Moi ben!

                                                      O seguinte que debemos facer é un pequenísimo guión técnico. Podedes botarlle antes unha ollada a este bosquexo. Bosquexo fotonovela Neste caso, as tres primeiras fotografías están xa montadas, iso si, con moita liberdade creativa! Nas outras dúas aparecen só pequenas referencias que nos axudarán a concretar as fotos e introducir o texto.

Resumindo, recuperamos a secuenciación feita de “Arroz negro” e a cada unha das escenas engadímoslle agora:

  • Características que nos gustaría que tivese cada fotografía.

  • Voz do narrador (opcional) e diálogo de cada fotografía.

  • Distribución das fotografías no papel.

  • Non esquezades que deben aparecer os vosos nomes e mais o da persoa creadora do relato.

   Facede unha posta en común na clase, comparando as diferentes propostas.

Paso 3. TransformamosPaso 3. Transformamos

Chegou o momento. Imos retomar o relato seleccionado e... mans á obra!

Isto é o que debemos facer:

    - Lectura crítica do relato

    - Secuenciación

    - Guión Técnico

    - Conseguir as fotografías

    - Concretar o texto

         

Paso 4. EditamosPaso 4. Editamos

Antes de publicar, cómpre editar. En internet existen padróns de balde para montar as fotonovelas,  pero, como vistes, tamén se pode facer cun sinxelo procesador de textos.

Fixádevos que utilizamos recursos da banda deseñada ou cómic para a narración escrita. Se non sabedes que globo debedes utilizar ou tedes algunha dúbida, Cotovía ofrécenos información e actividades para dominar esta técnica.

E unha vez rematado, só queda darlle o formato final para que pase a ser parte do libro colectivo.

Lembrade que no apartado Que imos facer? tedes as ferramentas para a edición do libro.

Lembrade ademais que podedes facer un bookcrossing coas vosas creacións. Imprimídeas, fotocopiádeas e espalládeas polo instituto e polas rúas. Seguro que volas quitan das mans!

ACTIVIDADE DE REFORZO E AMPLIACIÓN

ACTIVIDADE DE REFORZO

Sabes o que é un/unha booktuber? Bótalle unha ollada a Nubes baixo ti ou a este pequeno vídeo 

Efectivamente, unha booktuber é unha persoa que fai unha recensión en youtube sobre un libro que leu. Anímaste? Despois podes compartilo no blog da biblioteca!

É ben doado. A túa recensión pode ser sobre o relato que escolliches para a fotonovela.

  • Prepara un pequeno guión que te axude a organizar as ideas.

    • Preséntate e presenta o relato do cal vas falar.

    • Comenta moi brevemente algo do seu autor ou autora.

    • Analiza o relato: o seu tema, a época e lugar onde está ambientado, os personaxes e, sobre todo, por que che gustou ou non.

    • Marca o final da túa intervención (para rematar, finalmente... ) cunha conclusión, recomendación ou despedida.

  • Sé natural. Coida a túa linguaxe corporal. Xoga coa proximidade da cámara.

  • E non esquezas gozar co que fas!

Ten conta o seguinte para gravar co móbil