2- Bloque central
É, xeograficamente, o máis amplo. Esténdese polo nordeste e interior da Provincia da Coruña, polo interior da de Pontevedra, e por case a totalidade das provincias de Lugo e Ourense (agás a súa franxa máis oriental). A lingua empregada neste bloque é, se cadra, a que presenta os trazos máis heteroxéneos. Este carácter pouco unitario vén dado porque é dentro dos límites do bloque central onde moitos fenómenos van marcando a transición de solucións entre o oeste e o leste do noso país. Das catro áreas deste bloque, dúas presentan trazos dialectais específicos de relevancia: a área mindoniense e a lucu-auriense.
Trazos fonéticos
- Presencia de gheada na zona occidental.
- Ausencia case total de seseo, isto é, distinción entre /θ/ e /s/.
- Ditongo oi(t): noite, troita, loita, moito, coiro.
- Mantemento do ditongo ai diante de x: caixa, baixo.
-
Comezo da palabra ca-: (salvo no centro-sur de Ourense, que é cua-): catro, cando, cal.
Trazos morfosintácticos
- Solución das terminacións latinas –ANU, -ANA en –ao, -á ( ao para o masculino e –á para feminino (o) irmao, (a) irmá).
- Solución da terminación latina –INU en iño: paxariño, peixiño.
-Plural dos nomes acabados en –n en –s: camiós.
- Plural dos nomes acabados en –l en –les: caracoles.
Pronomes:
- Alternancia pronomes ti/tu : pronome persoal suxeito tu, agás na zona occidental.
- Distinción entre te e che.
- Uso da contracción llo (referido a el/ela) e llelo (referido a eles/a elas), agás en Ourense que se emprega llo.
Formas masculinas dos demostrativos e do pronome persoal de 3ª persoa iste, ise, aquil, il, na área lucu-auriense; formas neutras isto, iso, aquilo no norte da Coruña.
Verbos:
- Segunda persoa do sing. do Pr. Perf. Ind. da 2ª conxugación do tipo comiches.
- Presente de sub. con –e tónico aberto (andemos, collemos, partemos)
- Segundas persoas do plural do tipo Cantades (cantandes no sur de Ourense).
- Uso das formas irregulares tedes, vides, salvo en Ourense (tendes, vindes).
Neste bloque encontramos o pronome "ti" na zona máis occidental e no resto "tu". O plural das palabras rematadas en -n faise en -s (camión: camiós).
Nas áreas
Só dúas das catro áreas deste bloque presentan trazos dialectais específicos de relevancia.
- Área mindoniense: pronomes nosoutros/-as. Presenta maior orixinalidade no léxico.
-Área lucu-auriense: formas dos demostrativos iste, ise, aquil, pronome persoal il.
Escoita
Eran catro irmaos. Il era o máis pequeno e non lle gustaba herdar os zapatos dos maiores.
Onde está Xoán?
Como se denomina a área lingüística na que está Xoán?

