2.5 A Revolución Industrial en España

España tivo un crecemento económico e un proceso industrial lento, incompleto e tardío, xa que no século XIX continuou a primar o mundo rural fronte ao urbano. No século XVIII fixéranse esforzos para modernizar o sistema económico. Os ilustrados procuraron melloras concretas en todos os eidos da economía: construción e conservación de camiños, modernización agraria, iniciativas para crear as primeiras industrias.

Os monarcas da casa Borbón promoveron a creación de instalacións e fábricas relacionadas co armamento e cos bens de consumo suntuario. Pero a realidade é que na fin do século XVIII, agás enclaves industriais illados, España seguía a ser rural, e os labregos do centro e do norte da península producían para o autoconsumo. O resto dos bens de consumo procedían de talleres artesanais que seguían utilizando técnicas preindustriais.

A industrialización foi tardía en case toda España. Un dos principais atrancos para o seu desenvolvemento foi a escasa demanda de produtos industriais. As rexións vivían case illadas, con escasos intercambios, polas dificultades de comunicación. Na península os camiños eran en xeral moi malos e realizar unha viaxe longa entre dúas rexións era unha auténtica aventura. Dese xeito, cada rexión abastecíase dos bens de consumo máis necesarios. Por outra banda, o nivel de renda dos campesiños e das clases populares urbanas non lles permitía aspirar ao consumo de bens non estritamente necesarios para a subsistencia.

Os feitos que tiveron lugar na primeira metade do século XIX tampouco axudaron a crear un tecido industrial. A Guerra da Independencia (1808-1814) destruíu a infraestrutura de camiños e fábricas máis importantes. A independencia das colonias americanas supuxo tamén a perda dun mercado que xeraba unha demanda importante de produtos manufacturados en España.

Actividades propostas

S23. No texto anterior hai algunhas expresións cun significado pouco coñecido. Emparelle as palabras e as expresións da esquerda co seu significado na dereita.

Expresións do texto

 

 

Significados

1

  • Bens de consumo suntuario

 

Producían bens para consumilos eles mesmos, non para os vender.

2

  • Enclaves industriais illados.

 

Cada rexión producía os bens que precisaba a súa poboación para vivir, e non os compraba fóra.

3

  • Producían para o autoconsumo.

 

Destruíu a rede de camiños que existían.

4

  • Técnicas preindustriais.

 

Producía unha gran demanda; é dicir, había moita xente que quería mercar os produtos feitos na Península.

5

  • Escasa demanda de produtos industriais.

 

Lugares illados onde se crean industrias sen moita relación co resto do territorio.

6

  • Cada rexión abastecíase dos bens de consumo máis necesarios.

 

Bens que non son imprescindibles, que son innecesarios, de luxo.

7

  • Destruíu a infraestrutura de camiños.

 

Técnicas de traballo propias dos artesáns, anteriores á organización da industria.

8

  • Xeraba unha demanda importante.

 

A poboación non demandaba, non esixía, porque non tiña con que mercalos, bens producidos na industria.

Obra colocada bajo licencia Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike 3.0 License