GeoSoluciones SL
Este REA (Recurso Educativo Aberto) ten como obxectivo principal que o alumnado integre nos seus coñecementos parte dos bloques dos sentidos da medida, espacial e socioafectivo do currículo de 3º de ESO no contexto do traballo nunha consultoría de deseño.
Así mesmo, pretende incorporar estratexias de resolución de problemas e de traballo en equipo, a través de situacións reais e motivadoras que requiran distintos niveis de dificultade.
Este recurso sitúa ao alumnado no papel de traballadoras/es dunha empresa ficticia, GeoSoluciones SL, que recibe distintos encargos que requiren da aplicación da xeometría para o deseño, almacenamento e optimización de espazos.
O reto final consiste no deseño dunha colección de caixas con forma de tronco de pirámide ou tronco de cono, pensadas para poder amontoarse unhas dentro doutras cumprindo determinadas condicións. Este dispón de 3 niveis de complexidade.
As metas de aprendizaxe son:
- Recoñecer, describir e clasificar corpos xeométricos tridimensionais, relacionando as súas propiedades coa funcionalidade dos obxectos, analizando como a forma inflúe no aproveitamento do espazo, na capacidade e na eficiencia do almacenamento.
- Comprender e utilizar representacións espaciais, incluíndo desenvolvementos planos e modelos dixitais, para analizar e deseñar estruturas útiles con corpos xeométricos.
- Calcular áreas e volumes de corpos xeométricos (prismas, pirámides, corpos de revolución e corpos truncados), para resolver problemas reais.
- Desenvolver destrezas persoais identificando e xestionando emocións e asumindo erros.
- Desenvolver destrezas sociais participando activa e reflexivamente en actividades de traballo en equipo.