Foliada virtual
O REA Foliada virtual proponse para ser desenvolto dunha forma eminentemente práctica. As clases de música parten do corpo como un instrumento co que interiorizamos os distintos parámetros da linguaxe musical, creamos e comunicámonos. Esta aprendizaxe amplifícase co uso das TIC, coas que traballaremos a escoita activa e o desenvolvemento do oído interno. Este recurso é un proxecto creativo e interdisciplinar que integra escoita, interpretación, creación, movemento, reflexión e traballo cooperativo. Parte da música como linguaxe universal para explorar a nosa cultura, expresar ideas e contar historias. Ao longo das fases, combínanse momentos de exploración guiada con espazos de decisión autónoma e favorece a participación de todo o alumnado segundo as súas capacidades e intereses.
O núcleo temático céntrase na reflexión e valoración da cultura galega e como constrúe a súa identidade, promovendo unha observación atenta e respectuosa do medio que os rodea.
O REA presenta cinco fases:
Na fase 1 "Aires de festa" exponse o reto, que busca motivar o alumnado para que valore a riqueza cultural do noso territorio e como a través dela pode crear un novo artefacto cultural para expoñer diante da súa comunidade educativa ou de persoas alleas.
Na fase 2 "Collendo o compás" por unha parte revísase e refórzase o coñecemento do alumnado sobre algúns elementos que xa se estudaron previamente e que van aparecer ao longo do REA como son a forma musical, ou o compás. Complétase a fase cunha danza española, unha danza de paus, mobilizando o corpo, sitúase ao alumnado no centro da súa aprendizaxe facéndolle protagonista do que está aprendendo.
Na fase 3 "O son da foliada" o alumnado comezará a súa recolleita, interiorizando este tipo de traballo individual e ademais aprenderá características básicas de distintos xéneros musicais e dancísticos da música galega, reflexionando tamén sobre como se relacionan coas creacións actuais. Os contidos abórdanse a través de actividades interactivas ademais das de interpretación e creación. Nesta fase propóñense pezas musicais, danzas e práctica interpretativa a través da voz, instrumentos musicais de percusión afinada e tamén percusión tradicional. Ademais, facilítase a creación de culleres a través das impresoras 3D do centro educativo, de forma que o alumnado poida contar cun instrumento de música tradicional por alumna/o. Así pois, facilítase a opción de que o profesorado adapte á realidade de cada aula todas as actividades propostas, xa que a través delas, trabállase o oído interno, a voz, a técnica dos instrumentos escolares, a percusión corporal, a danza e o movemento. Ademais, foméntase que o alumnado traballe en grupo, de forma que fagan as súas propias creacións guiadas coas que desenvolvan a súa creatividade, ademais de ter que chegar a acordos e escoitarse os uns aos outros.
Na fase 4 "Gravando e creando" o alumnado parte do traballo previo de recolleita de folclore e do coñecemento adquirido sobre os diferentes xéneros da música tradicional galega, así como da práctica de ritmos, cancións e danzas. O reto consiste na creación dun produto audiovisual en formato de programa de televisión (“Foliada Virtual”), no que o alumnado deberá amosar os contidos traballados mediante interpretacións musicais e dancísticas, así como pequenas explicacións ou entrevistas que favorezan a difusión do patrimonio musical galego. Para o desenvolvemento da actividade, o alumnado organizarase en grupos de traballo, elaborará un guión que estruture o programa, realizará a gravación dos distintos elementos e, finalmente, levará a cabo a montaxe e presentación do produto final ao resto da clase.
Na fase 5 "Compartindo a foliada" o alumnado comparte o produto final, participando nunha foliada na que presenta o seu programa ao resto da clase. A través das presentacións, a visualización dos vídeos e a interpretación conxunta dunha peza, consolídase a aprendizaxe, foméntase a reflexión e ponse en valor o traballo realizado ao longo de todo o proceso.