Saltar navegación

3.1. Recomendacións de uso

Orientacións e recomendacións de uso

Recursos materiais necesarios

Instrumentación Orff: as partituras propostas inclúen o instrumental Orff básico e engádese a proposta concreta de instrumentos, que se pode cambiar por outros semellantes.

Percusión tradicional: toda a percusión coa que se poida contar será benvida, os instrumentos propostos inicialmente poden ser substituídos por outros. Se non se pode contar con percusión tradicional pódese utilizar os instrumentos de pequena percusión cos que conta o centro. Finalmente, sempre se pode valorar a utilización de obxectos cotiás, como sempre se fixo no folclore, por exemplo, a utilización de latas, cunchas ou incluso tixolas coma se fosen instrumentos, de xeito que o alumnado o vexa algo próximo e accesible desde a súa realidade.

Achégase un arquivo para poder imprimir coa impresora 3D do centro culleres inspiradas nas tradicionais de plástico. 

Unha alternativa podería ser traer culleres de casa e, se é preciso, facer un enganche ás culleres, para que sexa máis doado tocalas. Pódese coller un anaco de papel, recortar un cuarto dun A4 e enrolalo sobre si mesmo para que forme un pequeno cilindro. Colócanse as dúas culleres unha contra a outra e ponse este cilindro de papel no medio das culleres, na parte na que vai a man, e fíxase con cinta adhesiva. Desta maneira podemos ter un instrumento musical novo. Segundo o tamaño das mans do alumnado pódese valorar culleres sopeiras (a mellor opción con mans xa adolescentes) ou de sobremesa grande (para mans infantís) 

Paus: pódense mercar uns paus a prezo accesible no comercio local ou en tendas de material didáctico. Porén, de non contar con esta opción pódense utilizar chaves. 

Ademais, será necesario un espazo amplo e diáfano, para poder mover o alumnado con liberdade.

A colocación dos instrumentos é fundamental e debe estar meditada previamente en función do espazo co que contemos. Hai actividades nas que o alumnado estará cantando e/ou facendo percusións corporais e, posteriormente, introducimos os instrumentos. A situación idónea sería que os instrumentos estivesen apartados para non distraer ao alumnado e que os incorporásemos cando os fósemos utilizar.

O número de instrumentistas non é importante, malia que debería haber, polo menos, un por voz proposta na partitura, podendo haber dous por voz. Sempre debemos manter un número amplo de estudantes cantando e organizaremos as quendas de forma equitativa para que o alumnado interprete os instrumentos. Agás situacións xustificadas todo o alumnado debería pasar por todos os roles. É importante manter a clase organizada e ser o docente quen guíe os desprazamentos do alumnado para coller os instrumentos. Unha suxestión de colocación sería manter unha roda grande do alumnado que canta e, no centro, facer un corro pequeno de instrumentos, ao carón destes instrumentos, conformando outro corro, séntase o alumnado. Nas actividades que supoñen pouco tempo de uso dos instrumentos recoméndase ao alumnado sentar ou axeonllarse diante dos instrumentos; para as actividades instrumentais nas que o alumnado vaia estar máis tempo recoméndase o uso de coxíns, esteiras, cadeiras ou pequenas banquetas elevadoras e que todo o alumnado teña un instrumento. Se non se conta con instrumentos para todo o alumnado pódense compartir instrumentos grandes, incorporar outro instrumental de pequena percusión ou manter sempre estudantes cantando á vez que outros tocan.

Proposta de agrupamentos para actividades grupais

Neste REA propoñemos actividades para todo o grupo, para dous grupos (nos que a clase dividiríase en dúas metades dunha forma equitativa), grupos duns 4/5 e tamén individuais.

É importante que a división en grupos sexa feita polo docente ou, de ser o caso, facela de forma aleatoria. Por exemplo, pódese preguntar en alto os meses de nacemento, e agrupar o alumnado segundo esta premisa; ou ben utilizar cores de roupa. Desta forma, evitaremos que o alumnado sempre traballe coas mesmas persoas, integrar a todo o alumnado e que teñan que desenvolver prácticas de colaboración, escoita e creación con xente diferente.

En certa medida evitaremos os agrupamentos baseados exclusivamente na amizade, priorizando a composición heteroxénea dos grupos segundo criterios metodolóxicos. Este enfoque favorece un maior rendemento, unha mellor produtividade nas tarefas e unha socialización máis rica, ao tempo que reforza competencias transversais como a cooperación, a responsabilidade compartida e a comunicación eficaz, como indicaba César Coll.

Produtos finais

Os produtos finais do REA consisten na creación colectiva dunha foliada, interpretada polo conxunto do grupo-clase e gravala. Para o seu desenvolvemento, o alumnado irá incorporando as distintas cancións e propostas musicais traballadas, integrándoas nunha narrativa común. O outro produto final será a recolleita realizada de forma individual polo alumnado.

A foliada combina música, voz, corpo e movemento, permitindo ao alumnado seleccionar, adaptar e relacionar os materiais aprendidos, ao tempo que constrúe un relato que comunica valores de respecto, diversidade cultural e convivencia, converténdose nunha experiencia artística con significado.

Este produto final é a gravación dunha foliada e pódese proxectar un día concreto. Este produto permite avaliar de maneira global e auténtica a adquisición das aprendizaxes, especialmente aquelas relacionadas coa interpretación musical, a coordinación grupal, a expresividade e a capacidade de comunicar a través da música, pechando o REA cunha experiencia compartida e significativa.

Enfoque multinivel do reto

O reto inclúe diversas actividades que se poden escoller, de forma que se poida adaptar a distintas realidades.

Ademais, as partituras propostas están pensadas para ser realizadas por alumnado con distinto nivel de habilidade musical e dancística. O profesorado pode deixar probar ao alumnado e logo axudalo a interpretar o papel co que máis cómodo se sinta, de forma que poida aprender, desenvolverse e participar en todo o proceso.

Este REA está pensado para ser realizado cando o docente xa coñece o seu alumnado e sabe cales son as súas habilidades. As partes cantadas están pensadas para todo o alumnado, salvo que teñan unha disfonía grave. En caso de ter entre o noso alumnado algún estudante con problemas vocais graves recoméndase un maior énfase no quecemento vocal. Nunca deben forzar a voz e pódese traballar con eles de forma individualizada, pero en clase sempre van interpretar as cancións de xeito colectivo. As tesituras propostas están pensadas para voces comúns, en xeral son ámbitos estreitos, pero poderíase cambiar algunha nota (por exemplo, se non chegan a un re agudo poderían manter a nota anterior ou ben facer un si ou un la grave, segundo coincidise a harmonía). En algúns casos poderíase propoñer baixar a tonalidade principal, para o que se facilita o arquivo Musescore, para poder realizarse os cambios que o docente considere. En calquera caso hai que pensar que o alumnado de 12-13 anos aínda non mudou a súa voz ou estará na primeira fase da muda da voz, polo que a súa voz natural está colocada arriba e o xeito de acostumalos a cantar de xeito saudable tamén inclúe que, salvo casos moi excepcionais, deben entoar na súa tesitura e non baixar a notas máis propias de voces adultas.

Por outra banda, inclúense no REA propostas de ritmos con distintos niveis de complexidade, desde patróns moi sinxelos (como os utilizados na xota) ata estruturas rítmicas máis elaboradas. Para graduar a dificultade pódese escoller unha maior ou menor variación de instrumentos musicais para interpretar as pezas propostas. A aplicación destas actividades non é prescritiva, senón adaptable ao contexto real da aula.

Correspóndelle ao docente avaliar o grao de competencia rítmica e motriz do seu alumnado e decidir, en función diso, o alcance da implementación: realización co grupo-clase completo, con grupos reducidos, ou a exclusión puntual da actividade cando non se considere axeitada. Esta toma de decisións responde a criterios metodolóxicos de axuste progresivo da dificultade, garantindo a participación significativa e evitando situacións de frustración ou sobrecarga.

Por último, cómpre sinalar que este REA incorpora ao mesmo nivel actividades de práctica vocal, instrumental e dancística, polo que o docente pode sinalar que algúns estudantes terán máis facilidade para unha destreza que para outras e valorar esta diferenciación de xeito que calquera poda ser integrado no proceso de ensino-aprendizaxe con equidade.

Enfoque progresivo

O REA está concibido para que a introdución das cancións sexa realizada polo docente. Os vídeos e audios incorporados actúan como material de apoio, mais a imitación directa constitúe o eixo principal da aprendizaxe, favorecendo un enfoque vivencial no que o docente exerce un papel activo como modelo de referencia, tanto na percusión corporal como no canto e na interpretación instrumental. Neste caso, a palabra Guía, propia da música tradicional, cobra especial sentido, xa que o docente será este rol, polo menos nos primeiros estadios.

A aprendizaxe musical preséntase de forma progresiva, partindo da escoita activa, especialmente a través do traballo en eco, e avanzando posteriormente cara a situacións de prelectura ou lectura musical. Este enfoque permite afianzar a comprensión rítmica e melódica antes de introducir a representación gráfica, respectando os tempos naturais de asimilación do alumnado.

Nos procesos de creación, priorízase o traballo autónomo do alumnado, ao tempo que se establece un acompañamento docente orientado a garantir que as propostas sexan realistas, coherentes e vinculadas aos contidos previamente traballados. Esta orientación resulta clave para que o proceso creativo se converta tamén nun espazo de aprendizaxe e mellora, especialmente na construción de narrativas musicais.

Recoméndase permitir que os pequenos grupos desenvolvan as súas propostas con liberdade, mantendo unha escoita atenta por parte do docente, que lle permita intervir cando sexa necesario para reconducir, enriquecer ou clarificar ideas. As intervencións deben basearse na escoita activa do alumnado, fomentando a súa participación e sustentándose sempre no respecto mutuo e na comunicación.

Como criterio xeral, resulta máis eficaz partir de propostas sinxelas e incorporar progresivamente novos elementos, favorecendo un proceso de construción gradual no que a complexidade emerxa de forma natural e controlada.

Revisión sobre o material gravable

Quérese recordar que, segundo a Orde de 4 de xaneiro de 2024, nos centros docentes de niveis non universitarios está vixente a prohibición de uso de teléfonos móbiles e outros dispositivos electrónicos, non permitíndose o emprego libre destes dispositivos durante a xornada escolar. Se ben é certo que os centros poden establecer excepcionalmente normas para a correcta utilización dos dispositivos indicados como ferramenta pedagóxica, esta será sempre supervisada polo profesorado. Aínda así, non se pode permitir que o alumnado estea utilizando o seu teléfono móbil para realizar gravacións, aínda que sexa unha actividade educativa, xa que non se cumpre a Lei Orgánica 3/2018, de 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

Así pois, para as gravacións débense utilizar as ferramentas institucionais (como poden ser as videocámaras que ten o centro), os teléfonos móbiles do centro que quedan custodiados nel ou ben, en último caso, o teléfono móbil dun docente, xa que este podería custodiar esa gravación e ser responsable do uso que faría dela, malia que esta non é a opción recomendable de uso habitual.

Lendas de percusión

Realízase unha proposta de escrita para a percusión tradicional galega nun sistema de notación monolineal que se pode observar na seguinte lenda.Imaxe da lenda da percusión tradicional galega

Esta lenda atópase nun arquivo modificable para facilitar a súa posible adaptación polo profesorado:

Soamente no caso do tambor e alumnado zurdo debemos substituír os golpes da man dereita polos da man esquerda e viceversa, no resto de instrumentos non ten ningún efecto a man executante na aplicación da lenda. No tambor recoméndase un agarre de baquetas moderno pola súa rapidez, uso previo e non necesidade de adaptación, mais se o alumnado está familiarizado co agarre tradicional tamén será o máis natural que o use.

Os arranxos foron escritos pensados cun criterio musical pedagóxico que facilite a rotación dun instrumento ao outro, por iso se poden observar similitudes entre os diferentes instrumentos, como entre as culleres e a pandeireta. Realizouse unha gradación na dificultade das partes, queda a criterio docente o seu reparto.

Está á disposición do profesorado o modelo baleiro para a escrita dunha percusión tradicional galega neste sistema monolineal proposto:

Creado con eXeLearning (Ventana nueva)