Metodoloxía
O enfoque metodolóxico de cREAgal (Recursos Educativos Abertos) en música é activo, inclusivo e baseado en retos, utilizando a música e a danza como ferramentas transversais para o desenvolvemento integral do alumnado, fomentando a aprendizaxe colaborativa, a autonomía e a reflexión, o que axuda a conectar cos intereses dos estudantes a través de situacións de aprendizaxe que superan as visións tradicionais na procura da equidade educativa, desde as pautas da aprendizaxe creativa e o Deseño Universal para a Aprendizaxe. Os arranxos musicais incluídos no REA preséntanse con niveis progresivos de dificultade seguindo pautas da andamiaxe de Vigotsky, ofrecendo múltiples puntos de acceso ao alumnado. Proponse desde patróns rítmicos e melódicos sinxelos ata estruturas máis complexas, permitindo que cada estudante participe segundo o seu nivel de competencia e avance de maneira gradual. A gradación facilita a adaptación das actividades, posibilitando a interpretación co grupo-clase completo, con grupos reducidos ou mediante roles diferenciados, garantindo así a implicación activa, a expresión musical e o progreso de todo o alumnado.
Características principais do enfoque cREAgal en Música:
- Aprendizaxe baseada en retos: esta aprendizaxe propón situacións que desafían ao estudante a resolver problemas concretos, integrando a música de forma significativa.
- Transversalidade: a música intégrase en diversas materias e contextos, non só como un fin interpretativo.
- Inclusión e personalización: busca atender a diversidade do alumnado e os seus intereses, pero tamén achegalo á súa identidade e conectala con outras identidades.
- Fomento da autonomía: inclúe ferramentas como o diario de aprendizaxe para que o alumno reflexione sobre o seu propio proceso, desenvolva a competencia de "aprender a aprender" e constrúa o seu camiño.
- Contexto cultural: integra saberes populares e locais, conectando o currículo coa realidade dos estudantes.
- Visión crítica: anima a cuestionar unha visión tradicional da música e a valorar a música na súa diversidade social e cultural.
O alumnado ao que se dirixe este REA atópase nunha etapa de representación simbólica (Bruner, 2006), equiparable á fase das operacións formais descrita por Jean Piaget e aplicada ao ámbito musical por Hargreaves (2002). Neste intre evolutivo comezan a consolidarse os primeiros trazos do pensamento abstracto, o que permite avanzar cara a procesos de análise, simbolización e relación entre conceptos musicais. Este desenvolvemento debe ser estimulado a través da práctica musical grupal e de actividades de escoita activa, complementadas con propostas de debate guiado e un ensino eminentemente competencial.
Para desenvolver este REA achegamos os principios das metodoloxías activas de ensino musical. Por unha banda, principios do método Kodàly, de partir da música tradicional para o desenvolvemento do oído interno e a conexión emocional coa nosa identidade. Ademais, a metodoloxía Orff vai estar presente ao longo de todo o recurso, propoñendo actividades nas que a palabra, o ritmo e a creación danse a man para facer unha situación de aprendizaxe participativa, colaborativa e significativa. O proceso de ensino debe partir da sensación e da experimentación persoal para, a través del, achegarse aos contidos teóricos.
O punto de partida do traballo son as melodías e os ritmos, a través deles achegámonos á palabra e ao movemento e finalmente favorecemos a exploración. A adquisición dos elementos básicos da linguaxe musical apóiase no uso de instrumentación sinxela, da voz, da percusión corporal e das coreografías. Posteriormente, o estudante vai relacionando estes elementos coa lectura musical e a forma e a textura das pezas.
As ferramentas TIC son un apoio á aprendizaxe musical, nunca un fin. A fin debe de ser sempre a participación no feito musical. Por este motivo, as actividades propostas buscan reforzar, ampliar e desenvolver contidos previamente expostos e que se van tamén a ofrecer ao alumnado a través doutros medios.
Por outra banda, para garantir unha aprendizaxe significativa, o recurso incorpora diferentes tipos de actividades:
- Actividades de iniciación: que permiten coñecer as ideas previas do alumnado, activar coñecementos que cultiven a curiosidade e que se favoreza unha visión positiva da aprendizaxe.
- Actividades de desenvolvemento: facilitan a posta en práctica e asimilación de novos contidos, integrándoos na experiencia persoal do estudante.
- Actividades de ampliación e afondamento: permiten ampliar e aplicar os coñecementos adquiridos en novos contextos.
- Actividades de consolidación e síntese: reforzan e estruturan as aprendizaxes, garantindo a súa comprensión sólida.
- Actividades de reforzo: deseñadas para apoiar a quen require maior acompañamento no seu proceso de aprendizaxe.
- Actividades de avaliación: permiten recoller evidencias da aprendizaxe significativa e competencial, valorando o proceso e os produtos realizados e incorporando a autoavaliación para favorecer a reflexión e a autorregulación do alumnado.
Bibliografía:
- Alsina, P., Díaz, M., Giráldez, A., & Ibarretxe, G. (2009). 10 ideas clave: el aprendizaje creativo. Editorial Graó.
- Bruner, J. S. (2006). In Search of Pedagogy. Selected Works of Jerome Bruner. Routledge.
- Hargreaves, D. J. (2002). Música y desarrollo psicológico. Editorial Graó
- Vygotsky, L. S. (1978). El desarrollo de los procesos psicológicos superiores. Crítica.