Sobre este REA
O REA "Sol, auga e follas" ten como finalidade ensinar os principios básicos de climatoloxía, de hidrografía e de bioxeografía. O alumnado traballará os contidos cun enfoque competencial, práctico e significativo, posto que se lle propón unha situación de aprendizaxe dun contexto xeográfico próximo.
Os diferentes bloques do REA están pensados tendo en conta o DUA, por canto se presentan diferentes versións da información, accesibles a alumnado con distintos graos de dificultade. Do mesmo xeito, propóñense actividades multinivel que permitan atender á diversidade do alumnado.
Pretendemos que alumnado coñeza e comprenda os contidos traballados e que logo sexa capaz de aplicar correctamente eses coñecementos para superar un reto final consistente na elaboración de pósters nos que se recollan en imaxes os diferentes tipos de climas, augas e vexetación natural. Este reto actúa como elemento motivador ao longo da unidade, na cal o alumnado terá ocasión de comprobar como é quen de interrelacionar os distintos elementos conformadores dunha paisaxe.
Así pretendemos que o profesorado que queira utilizar este recurso na aula teña unha nova posibilidade e enfoque educativo, presentando unha situación motivadora para a aprendizaxe de aspectos básicos da Xeografía como son a climatoloxía, a hidrografía e a bioxeografía.