Orientacións e recomendacións de uso
Recomendacións para o aproveitamento deste recurso na aula:
Recursos materiais necesarios
Ordenadores con conexión á rede, calculadora e caderno do alumnado.
Proposta de agrupamentos para actividades grupais
Coas actividades grupais preténdese que o alumnado traballe de forma cooperativa e colaborativa. Con isto aprenderán a coordinarse na realización de tarefas e aumentar a súa autonomía persoal. Búscase que os grupos sexan diversos e heteroxéneos, na procura do traballo en equipo, para que o alumnado aprenda a tomar decisións e accións conxuntamente, promovendo a “democracia de grupo”. Para iso, recoméndase ao profesorado que utilice este REA na súa aula tendo en conta as seguintes orientacións:
- Organiza ao teu alumnado en función das súas diferentes capacidades, para crear equipos de 4-5 membros nos que cada un pon o seu gran de area, dende os máis proactivos, líderes aos máis pasivos, non colaborativos etc.
- Asigna a cada membro do grupo unha función específica que lle permita poñer en valor as súas fortalezas.
- Crea un clima de traballo positivo e participativo, poñendo en valor os progresos e aconsellando nas dificultades.
Produtos finais
O produto final consiste na elaboración dun informe estatístico a partir de datos recollidos na web de MeteoGalicia, nunha estación meteorolóxica elixida polo alumnado, e acordada coa persoa docente.
Para iso apórtanse dúas fichas de apoio, a ficha I conecta coa información da web, xa que contén unha táboa feita no mesmo formato no que aparecen os datos nesta páxina. A ficha II contén a táboa para facer o tratamento estatístico e o diagrama de barras. Tamén hai un mapa de Galicia para situar o lugar a onde pertence esa información.
Ademais hai un modelo de presentación para o envorcado deste informe e a posterior presentación na aula.
Para conseguir rematar o reto hai que completar estes tres documentos.
Pode ampliarse coa elaboración dun informativo do tempo, para o que habería que xuntar os datos de toda a clase, pero sempre sería do tempo pasado, de observacións.
Enfoque multinivel do reto
Nunha primeira instancia, proponse só recoller datos de temperaturas máximas, mínimas e medias a 1,5m durante 15 días. Esta sería a versión máis sinxela do reto, e non debería supoñer ningunha dificultade para acadalo.
Esta información pode ampliarse con outras variables que figuren na web de Metogalicia, por exemplo, a cantidade de auga caída, o que subiría o nivel.
No caso de que o centro pertenza á rede de Meteoescolas, poden empregarse os datos propios. Nese caso habería que adaptar as fichas I e II.
Iso mesmo habería que facelo para usar outras webs, xa que o REA está enfocado nesta fonte.