Introducindo o REA "Batalla de concellos!"
O REA "Batalla de concellos!" ten como finalidade o desenvolvemento da competencia lingüística en lingua galega partindo da experiencia diaria co espazo onde habita o alumnado. Ten unha clara relación coa área de Ciencias Sociais e é moi recomendable facelo coincidir no tempo co traballo que nesta área se fai sobre o concello.
As diferentes fases do REA están pensadas para achegar a información e as estratexias que se van precisar para acadar os retos propostos e están pensadas tendo en conta o DUA para desta maneira chegar á totalidade do alumnado, independentemente das súas características.
Pretende aproveitar os coñecementos e a motivación que o traballo sobre o ámbito vital máis próximo nos pode achegar. Deberemos deixar liberdade ao alumnado para que escollan os elementos que desexan na súa localidade.
Partimos dunha situación que empregue a tecnoloxía non como un fin en si mesmo senón como un apoio e un complemento que en moitos casos será imprescindible e en outros unha opción máis. Buscamos aproveitar os recursos que xa hai nos centros e partimos sempre de equipamento Abalar/eDixgal.