Orientacións e recomendacións de uso
Algunhas recomendacións para o uso deste recurso na aula son:
Recursos materiais necesarios
Ao longo deste REA o alumnado precisará usar ferramentas dixitais que se atopan no equipamento Abalar/E-Dixgal:
- Procesador de textos.
- Programas de retoque e edición de vídeo.
- Programas de deseño gráfico.
Ademais, será fundamental o emprego de recursos en papel como o caderno do alumno, fichas descargables imprimibles.
Proposta de agrupamentos para actividades grupais
Ao longo deste REA son constantes as propostas de traballo grupal para o alumnado. Recoméndanse sempre grupos de catro, xa que é un número que encaixa moi ben pensando nos agrupamentos dos diferentes retos propostos. En calquera caso é decisión do profesorado empregar grupos de diferente número ao longo das diferentes fases.
Produtos finais
Os produtos finais que aparecen no REA son orientativos: podemos modificar o os formatos das diferentes partes en función das realidades do noso contexto de traballo.
Trátase de que o profesorado escolla e decida en función das súas necesidades e/ou preferencias tratando de respectar a filosofía da proposta, é dicir, adquirir e mobilizar os coñecemento e habilidades precisas tanto a nivel lingüístico como tecnolóxico que lle permitan elaborar os produtos propostos.
Os produtos finais deberían ser difundidos a través da web do centro.
Enfoque multinivel do reto
Propóñense actividades multinivel que o alumnado pode seleccionar en función das súas habilidades ou intereses. É competencia do profesorado orientar e recomendar unha ou outra proposta en función da información que ten sobre o seu alumnado.
Á hora de realizar o reto final, pode haber diferentes enfoques, as propostas poderían ser:
- Realizar o guión do debate por escrito e expoñelos nun mural onde se poidan ler e consultar.
- Gravar un pódcast durante a realización do debate na aula. Poderase publicar a través da web do centro ou aula virtual para a súa difusión á comunidade educativa.
- Realizar o debate en vivo, mentres que as compañeiras e os compañeiros poden participar con roldas de preguntas.
Estes produtos finais son adaptables á realidade da aula e ás posibilidades que se ofertan, así como aos materiais dispoñíbeis para a súa realización.