Orientacións e recomendacións de uso
Recursos materiais necesarios
Neste REA inclúense todos os documentos necesarios, en dous formatos, para o seu desenvolvemento, tanto para o alumnado, como para o profesorado.
- Editables (.odt e .odp): teñen como finalidade que o profesorado poida adaptar as actividades e tamén que o alumnado poida utilizalas para realizar os exercicios de forma directa no caso de dispor de ordenadores, aforrando ter que imprimilos.
- Formato .pdf: para que se poidan imprimir e proxectar sen alteración no seu estilo, e inclusive pódense utilizar con posteriores ferramentas e convertelas en interactivas.
Finalmente, recomendamos encarecidamente, no caso de querer imprimir o material, buscar alternativas ecolóxicas como o uso de papel reciclado, a impresión en borrador ou branco/negro para continuar poñendo o noso gran de area ao coidado do medioambiente.
Recursos complementarios
Esta guía ten como obxectivo proporcionar ao profesorado unha selección de libros recomendados que complementan a información proporcionada ao longo do REA:
- Elena Favilli (2016). Cuentos de buenas noches para niñas rebeldes: 100 historias de mujeres extraordinarias. Barcelona: Destino.
- Elmert, S. (2016). 100 mujeres que cambiaron el mundo. Editorial. RBA.
- Favilli, E., & Cavallo, F. (Eds.). (2017-2020). Cuentos de buenas noches para niñas rebeldes (Vols. 1-3). Destino Infantil y Juvenil.
- Uve, S. (2020). Supermujeres superinventoras. Barcelona: Editorial Planeta.
- Worsley, L. (2018). Grandes mujeres artistas. Editorial Phaidon
Proposta de agrupamentos para actividades grupais
As actividades en grupo están pensadas para unha clase de 20 alumnas e alumnos.
Porén, pódense realizar outros agrupamentos e adaptar todas as actividades sen que afecte ao REA segundo a ratio da aula na que se utilice o recurso.
A continuación, descríbese a proposta de actividades para realizar segundo os diferentes agrupamentos ao longo do REA:
- En pequeno grupo (4 integrantes, aproximadamente): "Banda deseñada: super artista en acción!", "ruta fotográfica" e "knolling".
- Gran grupo: "Visita virtual ao Museo Nacional Thyssen-Bornemisza" e o mural que se inicia na fase 1 e vai evolucionando ata a 5.
Produtos finais
Produto final: elaboración dun knolling sobre Georgia O'Keeffe
O produto final deste REA consiste na creación dun knolling sobre a figura de Georgia O'Keeffe. O knolling é unha técnica fotográfica que consiste en ordenar obxectos de forma xeométrica, xeralmente en ángulos de 90 graos, sobre unha superficie plana seguindo un plano cenital.
O plano cenital é un tipo de encadre no que a cámara se sitúa directamente por riba do suxeito ou obxecto, mirando cara abaixo. É como se a escena se capturase desde o teito, o que permite crear composicións visuais atractivas e ordenadas con elementos que van desde ferramentas ata obxectos cotiáns.
Ao longo do proxecto, o alumnado irá creando pezas para incorporar a esta composición final:
- Fotografías de flores ou elementos naturais recollidos na horta ou no xardín da escola (Fase 2: "Ruta fotográfica").
- Debuxos ou deseños 3D (Fase 3: "Paisaxes urbanas").
- Recomendación técnica: Para facilitar a montaxe, o tamaño ideal tanto para os debuxos como para a impresión das fotografías é de 10x15 cm.
Beneficios da aprendizaxe
Ao aplicar esta técnica, o alumnado non só adquire habilidades fotográficas, senón que tamén traballa os seguintes aspectos:
- Investigación artística: seleccionan obxectos que representan a vida, o estilo e a simboloxía das pinturas de O'Keeffe.
- Capacidade de observación: analizan detidamente as obras da artista para buscar elementos que as representen visualmente.
- Creatividade e pensamento espacial: a disposición xeométrica dos obxectos require unha planificación estética e equilibrio.
- Composición visual: a técnica ensina conceptos fundamentais de proporción e harmonía.
- Habilidades manuais e precisión: a organización coidadosa dos elementos esixe coordinación e detalle.
- Conexión interdisciplinar: establécense vínculos directos entre a arte, a historia e a cultura.
Avaliación e difusión
Dada a importancia da avaliación no proceso de ensino-aprendizaxe, inclúense nesta guía instrumentos para o profesorado e rúbricas de autoavaliación e coavaliación para o alumnado. No ámbito dixital, a formación céntrase no manexo de ferramentas de edición, a síntese de información e a comunicación visual de conceptos.
Finalmente, é fundamental dar visibilidade aos produtos realizados. Recoméndase compartir os knollings co resto da comunidade educativa a través das ferramentas corporativas (Aula Virtual, sitio web do centro, Agueiro...) ou mediante a organización dunha exposición física con impacto social.
Enfoque multinivel do reto
O obxectivo, é proporcionar unha variedade de recursos, tal como figuran no presente REA, para que o alumnado poida escoller o seu nivel de competencia. Seguindo os principios do DUA, propóñense opcións para a acción e a expresión das aprendizaxes como un principio didáctico, para proporcionar oportunidades de aprender e amosar a aprendizaxe acadada.
O deseño dos retos está pensado para que teña diferentes niveis de dificultade, proporcionando opcións para que o alumnado poida escoller o nivel axeitado a súa capacidade. A continuación descríbense tres niveis de dificultade para cada reto:
Nivel 1: Básico.
Obxectivo: familiarizarse coa obra e os temas recorrentes da artista mentres aprenden os principios básicos de organización visual.
- Seleccionarán poucos (entre tres e cinco) elementos relacionados coa vida e obra de Georgia O'Keeffe (exemplo: flores, ósos, paisaxes do deserto, pinturas, ferramentas de arte) dunha lista predefinida proporcionada pola docente.
- Con axuda dun modelo cuadriculado onde organizarán estes obxectos nunha composición simétrica e ordenada, respectando ángulos de 90 graos.
- Ofreceranse fichas ilustradas ou imaxes das pinturas máis famosas de O'Keeffe como inspiración.
Nivel 2: Intermedio.
Obxectivo: desenvolver a capacidade de interpretar conceptos artísticos e tomar decisións visuais baseadas no estilo dun artista.
- Deberán seleccionar algúns (entre dez e doce) elementos inspirados na vida e obra de Georgia O'Keeffe. Os elementos poden incluír:
- Flores específicas (como mapoulas e lirios, representando a súa obra)
- Ósos ou cranios de animais (como nas súas paisaxes do deserto)
- Tons de cor terra ou area (paleta de cores característica das súas paisaxes)
- Crearán a súa composición de knolling de maneira libre, pero deberán xustificar a organización e a selección dos elementos nunha breve explicación escrita ou oral.
Nivel 3: Avanzado
Obxectivo: fomentar unha análise máis profunda do estilo artístico e a interpretación persoal do alumnado.
- Explorarán o simbolismo na obra de Georgia O'Keeffe e crearán un knolling máis complexo con moitos (entre quince e vinte) elementos.
- Estes elementos incluirán materiais que representen tanto aspectos visuais como simbólicos da súa obra:
- Elementos orgánicos (flores, follas, ósos)
- Elementos abstractos (cores e formas xeométricas que lembren o seu estilo)
- Imaxes ou referencias relacionadas coa súa biografía (a súa casa en Novo México, paisaxes da súa contorna).
- Cada estudante deberá organizar os elementos de maneira estética e equilibrada, e explicar como o seu knolling representa a obra e os temas recorrentes de O'Keeffe.
Fomentarase a colaboración entre o alumnado asignando tarefas en grupos heteroxéneos, onde o alumnado máis avanzado poida apoiar ao alumnado que presente máis dificultades.
As fotografías empregadas durante a "ruta fotográfica" poderán ser incorporadas ao knolling como elemento. Por exemplo, se fotografiaron flores, a propia fotografía da flor, pode ser un elemento a incluir no knolling.
Promóvense diferentes formas de avaliación para medir o progreso e o logro do alumnado, tanto ao longo do REA, nas distintas fases, coma ao rematar os retos. Inclúense rúbricas para levar a cabo autoavaliación, coavaliación e heteroavaliación do reto.
Recursos dixitais
O reto está pensado para mellorar as súas destrezas visuais e tamén dixitais, polo que precisan manexar con destreza unha cámara fotográfica e a edición das fotografías, para o que se recomendan as seguintes ferramentas dixitais presentes na "Maqueta Abalar":
Transversalidade
Cando o alumnado pode conectar diferentes áreas do coñecemento, son quen de comprender mellor os conceptos e de aplicalos na súa vida acotío. Por iso, este REA atópase relacionado cós obxectivos fundamentais das áreas de:
Ciencias Sociais:
- "OBX6. Recoñecer e valorar a diversidade e a igualdade de xénero, mostrando empatía e respecto por outras culturas e reflexionando sobre cuestións éticas, para contribuír ao benestar individual e colectivo dunha sociedade en continua transformación e ao logro dos valores de integración europea."
A elección dunha artista muller como Georgia O'Keeffe contribúe a visibilizar o papel das mulleres na arte e a promover a igualdade de xénero. Por outra banda, investigar sobre a vida e obra de O'Keeffe implica penetrarse nun contexto cultural e histórico diferente, fomentando o respecto por outras culturas. Ao analizar as obras de O'Keeffe e reflexionar sobre o seu significado, o alumnado desenvolve habilidades de pensamento crítico.
Ciencias da Natureza:
- "OBX6. Resolver problemas a través de proxectos de deseño e da aplicación do pensamento computacional para xerar cooperativamente un produto creativo e innovador que responda a necesidades concretas."
Ciencias da Natureza e Ciencias Sociais, que, a pesar de pertencer a áreas distintas, converxen para acadar un propósito común:
- OBX5 para Ciencias da Natureza: "Utilizar dispositivos e recursos dixitais de forma segura, responsable e eficiente, para buscar información, comunicarse e traballar de maneira individual, en equipo e en rede, e para reelaborar e crear contido dixital de acordo coas necesidades dixitais do contexto educativo."
- OBX1 para Ciencias Sociais "Utilizar dispositivos e recursos dixitais de forma segura, responsable e eficiente, para buscar información, comunicarse e traballar de maneira individual, en equipo e en rede.
A utilización de ferramentas dixitais para a investigación e a creación da exposición promove o desenvolvemento do pensamento computacional e habilidades de deseño. A procura de información, a comunicación e a creación de contidos dixitais son habilidades crave que se desenvolven neste REA.
Matemáticas:
- "OBX5. Recoñecer e utilizar conexións entre as diferentes ideas matemáticas, así como identificar as matemáticas noutras áreas ou na vida cotiá, interrelacionando conceptos e procedementos, para interpretar situacións e contextos diversos."
Ao crear composicións xeométricas, o alumnado aplica conceptos matemáticos como a proporción, o ángulo e a simetría.
Lingua Galega e Literatura e Lingua Castelá e Literatura:
- "OBX5. Producir textos escritos e multimodais, con corrección gramatical e ortográfica básicas, seriando correctamente os contidos e aplicando estratexias elementais de planificación, textualización, redacción, revisión e edición para construír coñecemento e para dar resposta a demandas comunicativas concretas."
O alumnado elaborará textos escritos para investigar sobre O'Keeffe e para explicar o seu traballo, a través dunha banda deseñada.
Esta relación, permitirá á persoa titora poder traballar de xeito transversal estes obxectivos dende as distintas áreas.
Paisaxes urbanos: integración do deseño 3D
No marco do tratamento interdisciplinar das distintas áreas, proponse incorporar ás sesións de matemáticas o deseño e a impresión 3D de edificios que serán utilizados no reto final (knolling) na área de Educación Plástica e Visual. Isto terá cabida, se o centro dispón dunha dotación de recursos de Polos Creativos, permitindo que esta actividade integre de xeito significativa das competencia matemática e competencias básicas en ciencia e tecnoloxía e a competencia dixital.
O obxectivo é que o alumnado empregue conceptos matemáticos como medidas, proporcións, escalas e figuras xeométricas para deseñar modelos tridimensionales de edificios. Estes modelos serán posteriormente impresos utilizando impresoras 3D (dispoñibles nos centros ou nos CFR) e servirán como elementos crave na composición final do knolling, inspirada en Georgia O’Keeffe. Beneficios da actividade:
• Multidisciplinariedad: o alumnado aplica coñecementos matemáticos nun contexto artístico, enriquecendo a súa aprendizaxe.
• Competencia dixitail: foméntase o uso de tecnoloxías emerxentes como o deseño e a impresión 3D.
• Creatividade e resolución de problemas: o alumnado desenvolve habilidades creativas e de resolución de problemas a través do deseño e a produción de modelos físicos.
Desenvolvemento da actividade:
1. Deseño de Edificios:
• Nas sesións de matemáticas, o alumnado traballará en parellas ou grupos pequenos para deseñar edificios sinxelos utilizando programas de deseño 3D como Tinkercad.
• Abordaranse conceptos matemáticos relacionados con xeometría, escalas e proporcións, fomentando a aprendizaxe práctica destes contidos.
2. Impresión 3D:
• Unha vez finalizados os deseños, os edificios imprimiranse utilizando as impresoras 3D.
• O profesorado guiará ao alumnado no proceso de preparación dos arquivos para impresión e o manexo básico das impresoras 3D, se as impresoras están no centro educativo.
3. Integración no reto (knolling):
• Os edificios impresos serán utilizados no knolling, onde crearán composicións artísticas organizadas e fotografarán as súas obras, inspirándose nas formas e cores de Georgia O’Keeffe.
Este enfoque permite unha mellor utilización dos recursos dispoñibles e asegura que o knolling teña un maior impacto, integrando aprendizaxes de distintas áreas curriculares.