Metodoloxía
A creación deste REA (Recurso Educativo Aberto) englóbase no marco do proxecto cREAgal.
A expresión artística é connatural ao ser humano desde a orixe dos tempos e, pola súa importancia na vida, debe gozar da súa atención e do seu espazo. As diferentes manifestacións culturais e artísticas teñen unha presenza constante na contorna e na vida das persoas, formando parte intrínseca do seu propio ser e da súa actividade comunicativa e social, á vez que son parte esencial do patrimonio cultural.
A área e Educación Plástica e Visual desenvólvese a través dunha dobre dimensión: reflexiva e creativa. Por unha banda, o alumnado debe ser partícipe da comprensión da cultura na que vive para poder dialogar con ela, elaborar criterios útiles de entendemento e gozo e desenvolver progresivamente o sentido crítico. Deste xeito, é esencial traballar a confianza en se mesmo, a autoestima e a empatía. Tamén é moi relevante a valoración de producións culturais e artísticas diversas que enriquezan tanto o individuo como a sociedade, xa que o diálogo multicultural e o respecto á diversidade son ferramentas poderosas para a reconciliación, a cohesión social e a creación de sociedades pacíficas. É por iso que neste REA o reto que se propón que o alumnado descubra as posibilidades expresivas e estimular a súa capacidade creativa.
Por unha banda, no que respecta á proposta metodolóxica para a materia segundo a aplicación PROENS, pódense destacar as seguintes liñas:
- Funcionalidade: as aprendizaxes están dirixidas a unha aplicación práctica do aprendido.
- Ambiente cooperativo: traballo cooperativo en grande grupo, pequeno grupo e por parellas, traballando man con man.
- Uso de tecnoloxías de comunicación e información como recurso de aprendizaxe xa que ofrecen máis variedade e posibilidades de acceder a contidos reais.
- Potenciación das aprendizaxes significativas partindo sempre da realidade e do que se coñece para facilitar a súa comprensión.
- Ambiente de traballo cómodo para evitar a inhibición.
- Atención á diversidade do alumnado á hora de seleccionar contidos e respectar o ritmo de aprendizaxe.
- Metodoloxía baseada no descubrimento guiado e na participación e implicación activa do alumnado.
- Os erros serán considerados como parte do proceso de aprendizaxe e fonte de coñecemento.
- Continuación de traballo con rutinas e repeticións de actividades básicas para que o alumnado se sinta máis seguro.
Por outra banda e de forma complementaria á proposta anterior, atopamos a concreción metodolóxica deste REA cas seguintes liñas centrais:/p>
- O uso dunha temática significativa e relacionada coa súa realidade, que está vinculada a aspectos de interese para o alumnado e que contribúe a alcanzar os obxectivos de área a través do reto que se propón.
- Accesibilidade cognitiva a través de DUA, o permite a eliminación de barreiras ao incluír aspectos como lectura facilitada, contido alternativo en formato audio e tamén a posibilidade de apoio visual.
- Inclusión e diversidade na aula e a personalización da aprendizaxe dada a oferta de actividades multinivel, os modelos en formato ecolóxico e imprimible, opcións na representación, expresión e participación (tanto en formatos como en estilos).
- Atender aos distintos estilos e ritmos de aprendizaxe nas propostas de realización das distintas tarefas.
- Autonomía no proceso de ensino-aprendizaxe, no que o erro forma parte da aprendizaxe e o carácter competencial dos criterios de avaliación permiten atender tanto ao produto final esperado como aos procesos e actitudes. A autoavaliación e retroalimentación colectiva é construtiva e permite a mellora de xeito progresivo.
- Usar distintas modalidades de agrupamento: traballo individual, en pequeno grupo ou en gran grupo para favorecer as interaccións do grupo-aula.
- Promover a alfabetización mediática e da información, dedicándolle tempo á aprendizaxe e práctica de procura de información, de coñecemento da organización dos contidos (na biblioteca, en Internet, en sitios web específicos...) no proceso de construción do coñecemento de forma activa por parte do alumnado.
Finalmente, engadir que o proceso de desenvolvemento desta situación de aprendizaxe, pretende desenvolver no alumnado as capacidades perceptivas, expresivas e estéticas a partir do coñecemento teórico e práctico das linguaxes audiovisuais; potenciar a imaxinación, a creatividade e a intelixencia emocional; favorecer o espírito crítico ante obras e manifestacións culturais e adquirir as destrezas necesarias para empregar os elementos plásticos como recursos expresivos.