Orientacións e recomendacións de uso
Recursos materiais necesarios
Os recursos materiais necesarios para que o alumnado desenvolva con éxito a proposta didáctica son:
- O caderno de aprendizaxe.
- Os materiais do propio REA.
- Un dispositivo electrónico onde poder utilizar aplicacións de ofimática para buscar información.
- Material de papelería (bolígrafos, caderno...)
Entendemos que este material está dispoñible en todos os centros e resulta de fácil manexo por parte do profesorado.
Proposta de agrupamentos para actividades grupais
Dividirase a aula en tres grupos. É importante que o profesorado teña en conta, á hora de designar os grupos, os seguintes aspectos:
- Procurarase un reparto equilibrado do alumnado, tendo en conta a diversidade de intereses, ritmos e formas de aprender, para evitar descompensacións entre grupos.
- As tarefas repartiranse con claridade, evitando que unha única persoa asuma a maior parte do traballo.
- Ao distribuír as tarefas, garantirase que cada estudante poida participar activamente e contribuír de maneira significativa ao proceso.
- O traballo grupal realizarase nun ambiente de coordinación e cooperación. Todos os integrantes deben poder achegar algo, e todos deben ter en conta a opinión dos demais.
- Cada grupo designará unha persoa coordinadora, que se encargará da interlocución co profesor ou profesora.
- Promoverase unha composición equilibrada por sexos, asegurando un ambiente coeducativo, igualitario e libre de prexuízos, actitudes discriminatorias ou nesgos machistas.
Produtos finais
O produto final do REA “Un mundo cheo pero desigualmente repartido” consiste na procura de información que permita ao alumnado, organizado en grupos, estruturar unha serie de datos informativos ofrecidos no propio reto.
Preténdese que o alumnado se achegue dun xeito práctico ao coñecemento das características principais da xeografía da poboación, da xeografía urbana e das desigualdades e a cooperación, contidos centrais da materia de Xeografía e Historia de 2º de ESO.
Cada grupo presentará aos demais o seu informe explicando as conclusións ás que chegaron durante as súas pescudas. Esta exposición é en si mesma parte avaliable do produto final, en aspectos como a organización do grupo para a presentación, o axuste ao tempo establecido, ou a fluidez e calidade da comunicación.
Finalmente cada un dos grupos deberá valorar o traballo dos seus compañeiros e compañeiras de grupo.
Enfoque multinivel do reto
O deseño do REA está pensado para responder ás distintas necesidades do alumnado, permitindo adaptar o proceso aos diferentes ritmos e modos de aprender.
Na selección das actividades individuais buscouse ofrecer propostas variadas, de maneira que cada estudante poida contar con tarefas axeitadas aos seus intereses e á súa maneira de traballar.
As actividades grupais foron concibidas para incorporar tarefas diversas, favorecendo que dentro de cada grupo se poidan repartir funcións que permitan a participación equilibrada de todas as persoas e unha contribución significativa ao traballo común. O profesorado acompañará aos grupos para garantir unha organización clara e cooperativa.