Orientacións e recomendacións de uso
Recursos materiais necesarios
Os recursos materiais necesarios para que o alumnado desenvolva con éxito a proposta didáctica son:
- O diario de aprendizaxe, en formato físico ou dixital.
- Un dispositivo electrónico onde poder utilizar aplicacións de ofimática para buscar información, visualizar imaxes e realizar as actividades propostas no REA.
- Para o reto final, dependendo da opción escollida: material de papelería (pegamento, cartolina, rotuladores, pinturas etc.) e un ordenador que permita a realización das actividades interactivas.
Non se require material específico ou especializado para a realización de ningunha das actividades e todos os medios deberían estar dispoñibles en calquera tipo de centro educativo.
Proposta de agrupamentos para actividades grupais
Para as actividades relacionadas co reto final, o alumnado dividirase en grupos, cada un encargado dunha actividade específica.
Que o profesorado se encargue de organizar os grupos garantindo un reparto equilibrado, tendo en conta tanto o número de persoas como as capacidades, intereses e ritmos de cada estudante, para favorecer a participación de todo o alumnado e unha carga de traballo axustada dentro do grupo.
Para a posta en común dos resultados das actividades, recoméndase facelo a través do grupo-clase, aínda que é posible facelo a través de grupos máis pequenos.
Produtos finais
Este REA propón unha aventura gamificada ambientada no mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Miño durante a Idade Media. O alumnado debe resolver o misterio da desaparición de Malaquías, o frade bibliotecario encargado de elaborar un gran códice que recompila os principais feitos históricos da Península Ibérica desde o século V ata 1492.
O recurso combina investigación histórica, traballo cooperativo, lectura comprensiva e produción escrita. A narrativa enmarca todo o proceso: Malaquías deixou o seu labor incompleto e desordenado, e os estudantes deben substituír temporalmente as súas funcións para poder atopalo e continuar a súa obra.
Resolución do reto “Onde está Malaquías?”: os grupos enfrontan probas e pistas asociadas aos contidos históricos para “liberar” os sete cadeados que reteñen ao monxe.
Unha vez recuperado Malaquías, o alumnado confecciona as novas páxinas do códice utilizando LibreOffice con tipografía medieval. Deben sintetizar a información, organizar o contido e ilustrar o manuscrito, simulando o traballo dos copistas.
O obxectivo central é que o alumnado entenda os principais procesos históricos da Idade Media na Península ao tempo que realiza unha tarefa de síntese rigorosa, creativa e colaborativa. O misterio funciona como fío condutor motivador e asegura que cada actividade contribúe tanto á resolución da trama como á construción do códice final.
Enfoque multinivel do reto
As actividades do REA contemplan diferentes niveis de dificultade para o alumnado. Do mesmo xeito, o reto final propón tres modalidades alternativas para escoller:
Opción A: salvando a Malaquías (onde se terán que resolver sete retos para liberalo).
Opción B: a procura da información (onde se terá que facer un resumo dos contidos traballados no REA).
Opción C: rematando o códice (onde se terá que rematar o códice do mosteiro simulando o traballo manual dos monxes que elaboraban os libros medievais).