Eixes da proposta didáctica
A área de Educación Plástica e Visual fundamentase na adquisición dunha serie de destrezas manuais pero tamén intelectivas mediante unha serie de procesos que contribúan non só á aprendizaxe de "saber facer" senón tamén a "saber ver": fronte á idea de que o obxectivo esencial do noso ámbito é que os alumnos aprendan a debuxar, esta materia desenvolve ante todo unha mirada analítica, crítica e creativa que enriqueza non só a súa sensibilidade cara á arte, senón cara a todo tipo de experiencias cotiás.
O curriculum actual incide na necesidade de traballar o sentido estético e analítico ante cuaquier fenómeno plástico, pero propón incorporar ás dinámicas de traballo asuntos transversais como o coñecemento e posta en valor do patrimonio local, a responsabilidade ecolóxica e social, a innovación e o traballo en equipo. E ante todo, fomentar a innovación e a experimentación como actitudes esenciais nun mundo tan cambiante como o actual: dado que as nosas ferramentas de traballo cambian e evolucionan constantemente, é crucial manter sempre viva a capacidade de ideación para utilizar a tecnoloxía como aliada para resolver novas problemáticas ou desafíos.
Este REA busca articular esta gama tan ampla de obxectivos establecendo unha secuencia de traballo que empeza pola análise do problema ao que se enfrontan, continúa co estudo de casos similares que poidan servir de inspiración, a aprendizaxe das técnicas que nos poden ser útiles para a resolución do reto, e finalmente a materialización das solucións atopadas.
O pedagogo John Dewey propoñía a experiencia inmediata do alumnado como un elemento fundamental para estimular o seu interese e implicación na aprendizaxe, e seguindo ese principio este REA traballa sobre a contorna cotiá e colectiva do/da estudante como marco de traballo sobre o que despregar o aprendido. Intégranse así aspectos afectivos, psicomotrices, de conciencia cívica e de aprendizaxe teórica-práctica no que os contidos e obxectivos do curriculum orbiten sobre a súa experiencia cotiá.
A situación de aprendizaxe está conectada cos seguintes Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS):
ODS 4 - Educación de calidade: busca garantir unha aprendizaxe inclusiva e significativa, promovendo competencias científicas e tecnolóxicas que fortalecen o coñecemento práctico e teórico.
ODS 5 - Igualdade de xénero: o reto busca conmemorar o 25 de novembro, Día contra a eliminación da violencia á muller.
ODS 9 - Industria, innovación e infraestruturas: Inclúe aspectos como a elaboración de carteis, fomentando a innovación e as habilidades artísticas.
ODS 17 - Alianzas para acadar os obxectivos: o uso de recursos educativos abertos fomenta a colaboración entre educadores e comunidades para un ensino mellor e accesible.