Saltar navegación

2.3. Metodoloxía

Metodoloxía

Banner proxecto cREAgal

Este REA está dentro do  marco pedagóxico do proxecto cREAgal do que forma parte este recurso. Fai clic aquí para acceder á guía xeral do proxecto.

Desde o punto de vista metodolóxico, este REA é fundamentalmente activo e participativo, favorecendo o traballo individual e cooperativo do alumnado na aula para resolver as situacións que se lle propoñen. As situacións propostas buscan estar contextualizadas na vida diaria do alumnado e parten dos coñecementos previos adquiridos con anterioridade.

A materia de Educación Plástica Visual e Audiovisual pretende introducir ao alumnado de 1º da ESO no mundo da comunicación visual e audiovisual desde o debuxo, tanto artístico como técnico, para continuar analizando imaxes e principais técnicas de creación gráfico-plástica, coñecendo así as obras máis representativas da historia da arte. Preténdese non só, que o alumnado sexa capaz de ver, senón que tamén sexa quen de facer, de crear imaxes pertencentes aos diferentes campos da comunicación visual e audiovisual.

Para iso é necesaria unha metodoloxía que trate de reforzar os aspectos prácticos, adquiríndose os obxectivos a través das actividades da aula.

Os bloques de contidos están organizados de xeito que cada unidade pode empregar parte dos contidos adquiridos nas anteriores. O alumnado verase obrigado a utilizar o aprendido máis aquilo que debe aprender coa práctica, situándose a súa actividade entre o que sabe facer e o que pode chegar a facer coa axuda do profesorado.

Na materia de Educación Plástica Visual e Audiovisual podemos utilizar distintas metodoloxías. Velaquí algunhas suxestións:

1) Exposición, por parte do docente, da nova tarefa a realizar.

2) Avaliación inicial, se se considera necesario, co fin de coñecer as ideas previas que ten o alumnado sobre os contidos da unidade.

3) É moi exemplarizante e de gran axuda, amosar os traballos realizados por alumnado doutros cursos, para que vexan as múltiples posibilidades que ten unha proposta.

4) Exposición dos contidos que o alumnado debe entender para a realización dos exercicios onde intervirá unha metodoloxía investigadora e creadora, o traballo en grupo e, por suposto, o traballo guiado polo profesorado.

5) Elaboración dos exercicios durante as horas lectivas.

6) Reflexión persoal e conxunta sobre as resultas plásticas e sobre os coñecementos adquiridos.

7) Nos exercicios a realizar nas horas lectivas teranse en conta as seguintes pautas:

  • A exposición da tarefa a realizar e aplicación dos contidos explicados.
  • Os bosquexos previos e definitivos.
  • A correcta organización, limpeza e presentación no proceso e no resultado.
  • O aproveitamento eficaz do tempo así como o interese e a curiosidade mostrado polo alumnado.

O resultado será valorado en función do progreso do alumnado, na consecución da adquisición das competencias clave, a través da avaliación dos criterios establecidos mediante unha rúbrica, onde figurará unha ponderación en cada apartado.

O alumnado poderá participar na selección das actividades a realizar, sempre que as súas propostas respondan aos obxectivos dos bloques de contidos.

Creado con eXeLearning (Ventana nueva)