Orientacións e recomendacións de uso
Algunhas recomendacións para o uso deste recurso na aula son:
Recursos materiais necesarios
O REA está deseñado para permitir ao profesorado adaptar as propostas de traballo para o alumnado aos recursos dispoñibles.
Para a presentación do REA e as tarefas individuais e de grupo das fases 2: un equipo informático.
Para as actividades individuais multinivel da fase 3 e para as intervencións artísticas da fase 4 materiais de taller indicados no REA (papel, ceras, lapis, pinceis etc).
Recomendacións segundo os tipos de recursos:
- Sen medios dixitais: uso de técnicas secas, húmidas, volume... Hai que ter en conta o compoñente creativo e manipulativo da área, polo que se fomentará todo isto.
- Co uso de servizos en Internet: para o traballo de cada unha das fases do REA.
Proposta de agrupamentos para actividades grupais
A primeira proposta de tarefa de grupo do REA vai dirixida a todo o grupo-clase, co dobre obxectivo de motivar e activar os coñecementos previos do alumnado
Na fase 2 organízanse grupos heteroxéneos para descubrir o que sabemos sobre técnicas secas, húmidas e volume. Recoméndase que eses grupos traballen xuntos ao longo de todo o REA.
No REA non se fai mención ao número de alumnas e alumnos que integran cada grupo pois dependerá da totalidade do alumnado. De ser posible o número debería estar en torno a 6, aínda que iso supoña a redución de grupos.
Produtos finais
O REA consiste na realización de intervencións urbanas de pequeno formato na vila e a contorna do alumnado, procurando a mellora de espazos deteriorados, empregando as diferentes técnicas secas e húmidas e a representación do volume.
Enfoque multinivel do reto
Tanto os retos como as tarefas individuais preséntanse multiniveladas, con varias opcións. O alumnado pode escoller segundo o seu criterio calquera das actividades individuais, no diario de aprendizaxe existen apartados específicos para que a alumna e o alumno expliquen, se así o consideran, os motivos da elección.
O reto de organizar e levar a cabo unha intervención artística na rúa preséntase coa liberdade de que é o alumnado o que escolle o tipo de intervención a realizar.
O profesorado pode orientar e recomendar actividades.
Diario de aprendizaxe
O diario de aprendizaxe ofrécese como unha proposta de guía de reflexión (non avaliable) para o propio alumnado. Busca que recapaciten sobre as súas aprendizaxes e a maneira na que eles aprenden (estreitamente ligado ca competencia aprender a aprender). Pero é tamén para o profesorado xa que aínda que non sexa unha actividade avaliable, a revisión dos diarios de aprendizaxe pode servir para guiar e reorientar a nosa práctica docente e adaptarse mellor ás características do noso alumado.
No diario, respóndense cuestións relativas ás aprendizaxes adquiridas e ao proceso e valoración das mesmas. O alumnado ao rematar cada unha das fases ten unha "chamada" ao diario. Debido ao carácter especial da nosa área o diario está pensado para poder utilizalo de diversas maneiras, (tanto de maneira dixital como a man e de maneira completa ou segmentada por fases) como o docente decida:
- Opción A: o diario pódese imprimir en formato "libriño" en A5, un tamaño razoable e funcional se decidimos que os nosos alumnos e alumnas o leven ao taller (espazo de traballo) e poidan cubrir nun momento da sesión a fase que se considere.
- Opción B: o diario pódese imprimir por fases e ser entregado segmentado como se fose unha ficha a realizar ao finalizar cada fase.
- Opción C: o diario pódese realizar e editar directamente no ordenador, coma unha tarefa á realizar na casa ou no seu tempo libre e posteriormente ser entregado ao rematar cada fase (se é segmentado) ou ao finalizar á situación de aprendizaxe (arquivo enteiro).
Búscase ter o maior tempo de manipulación motriz, polo carácter da área, así que, aínda que a reflexión e análise sexan parte da aprendizaxe, débese pensar a mellor maneira de utilizalo en base as características do noso alumnado, a tipoloxía, infraestrutura e características do noso centro e material tecnolóxico dispoñible (no centro e fogares do alumnado).
Tratamento da diversidade
O REA do alumnado ten as opcións de lectura facilitada, audio e apoio visual como complemento para todo aquel alumnado que necesite máis opcións de comprensión que a principal que se ofrece. A maiores, debemos recordar que as sesións motrices tamén deben ter en conta o deseño DUA, polo que se recomenda elaborar as sesións tendo en conta as características do voso grupo clase.