Y al final, ¡el Faro!
Desagregando o REA
O REA "Y al final, ¡el Faro!" fai un percorrido polos principais coñecementos dos sentidos da medida, espacial e socioafectivo que corresponden ao curso de 2º de ESO.
O fío condutor é o deseño e construción dun modelo de faro galego, ou dun faro inventado, empregando coñecementos de xeometría de figuras tridimensionais traballadas na aula. O modelo deberá incluír ao menos tres corpos xeométricos onde como mínimo teñamos un poliedro e un corpo redondo. Ademais, será preciso calcular as dimensións de cada parte aplicando fórmulas de áreas e volumes para respectar as proporcións e detalles de cada parte.
Isto permitirá poñer en valor o patrimonio dos faros existentes ao longo de toda a costa galega e o seu valor monumental.
O REA ten cinco fases ben diferenciadas:
- Descrición: "Vigilantes del mar".
- Exploración: "Sobre roca firme".
- Conexión: "La estructura del faro".
- O reto final: "Y al final, ¡el Faro!".
- Conclusión: "El legado de los vigilantes del mar".
Na fase 1 é onde se describe o reto a acadar, a construción en grupo dunha maqueta de faro inspirada nun faro da costa galega, e tamén onde se crean os grupos de traballo. Ademais comeza a historia dos “Vigilantes del mar” que fará de guía ao longo das seguintes fases. Esta fase é motivacional e integradora, moi enfocada cara ao sentido socioafectivo.
Na fase 2 faise un repaso polos principais coñecementos abordados no curso de 1º de ESO sobre xeometría plana e o cálculo de áreas e perímetros. O alumnado, ademais, fará un recorrido virtual por algúns dos faros máis destacados de Galicia e identificará diferentes figuras xeométricas.
Na fase 3 introdúcense novos contidos, e relaciónanse ca xeometría dos faros, como son os diferentes poliedros e os corpos de revolución.
Identifícanse o diferentes poliedros regulares (sólidos platónicos) e irregulares (prismas e pirámides), ademais dos corpos de revolución como o cilindro, cono e esfera. Tamén se coñecerán os elementos xeométricos que os conforman e o cálculo de áreas e volumes de cada un deles, pasando polo desenvolvemento de estratexias de aprendizaxe, observación, análise e investigación.
O coñecemento, representación e utilización en problemas contextualizados nos faros, das áreas e volumes de poliedros e da superficie e do volume dos corpos redondos son tamén contidos que se traballan nesta fase.
Na fase 4 ponse en práctica todo o aprendido, constrúese a maqueta do faro e calcúlanse as súas medidas e dimensións respectando proporcións e detalles. Ao mesmo tempo faise unha revisión da xeometría como instrumento de creación vinculado á arquitectura e ao patrimonio monumental dos faros galegos.
Na fase 5 ponse en valor o aprendido compartíndoo co resto da clase mediante a exposición das maquetas realizadas polos diferentes grupos.
Os substrato do REA
A acepción que subxace en todo o REA é a alta compoñente visual que ten a xeometría.
Por este motivo a mellor forma de usar este material e pararse en cada un dos elementos, dos compoñentes GeoGebra (applets) e das imaxes que contén e facer unha análise da súa beleza e estética dende o punto de vista matemático, poñendo en valor a posibilidade que nos ofrece o coñecemento do vocabulario e das propiedades das distintas formas para describir o que estamos vendo.
Trátase de aprender observando e analizando, tamén sentindo, pasando logo a describir os elementos atopados.
Hai unha forte vinculación entre cada un dos contidos e os elementos e imaxes que os representa, moitos deles, baseados ou representando un faro ou elemento dun faro real.
Ademais hai vídeos que motivan e fomentan a creatividade, así como imaxes e applets GeoGebra cunha intencionalidade concreta segundo o contido e o contexto traballado.
A modelización, manipulación e construción dunha maqueta dun faro farase mediante procedementos dixitais e manuais aplicando cálculos matemáticos. Para isto proponse o uso de, por exemplo, ferramentas dixitais como GeoGebra e materias como o papel, cartón e plastilina para os procedementos manuais.
O establecemento de conexións entre elementos reais, contidos e propiedades xeométricas, dos faros aporta fiabilidade e continuidade ao aprendido.
No REA as actividades están deseñadas para asentar o pensamento crítico e axudar á comprensión, conexión e memorización dos contidos a distintos niveis para que estean ao alcance de todo o alumnado.