Y al final, ¡el Faro!
Este REA (Recurso Educativo Aberto) ten como obxectivo principal que o alumnado adquira e consolide coñecementos do currículo de 2º de ESO de corpos xeométricos a través da posta en valor do patrimonio galego, centrándose na estrutura e función dos faros da costa galega.
Para iso, traballarase o sentido da medida mediante a determinación das dimensións dos diferentes elementos que forman os faros e o cálculo das súas áreas e volumes; o sentido espacial a través da interpretación e representación tridimensional das formas xeométricas presentes nos faros; e o sentido socioafectivo promovendo as vantaxes do traballo en equipo para a resolución de problemas.
Para acadalo, propoñemos que o alumnado, organizado en grupos, leve a cabo o deseño e construción da maqueta dun faro, aplicando os conceptos traballados ao longo do REA. O proxecto deberá integrar:
- A análise das formas xeométricas presentes nos faros reais.
- O cálculo das áreas e volumes das distintas partes do faro.
- A representación gráfica e manipulativa dos corpos xeométricos empregados.
As metas de aprendizaxe son:
- Recoñecer e clasificar corpos xeométricos e os seus desenvolvementos planos.
- Construír corpos xeométricos, empregando distintas técnicas e ferramentas dixitais e manuais.
- Comprender e aplicar as fórmulas para o cálculo de áreas e volumes dos principais corpos xeométricos.
- Desenvolver habilidades de representación tridimensional e visualización espacial.
- Utilizar estratexias de resolución de problemas relacionadas con situacións da vida real.
- Reflexionar sobre o impacto da xeometría na arquitectura, en particular, dos faros.
- Aprender a traballar en equipo, asumindo roles e responsabilidades para acadar un obxectivo común.
- Poñer en valor o patrimonio arquitectónico e marítimo galego, recoñecendo a importancia dos faros como elementos históricos e funcionais.