Saltar navegación

1. Descrición xeral

¡No te lo vas a creer!

Este Recurso Educativo Aberto (REA) corresponde á unidade 9 da materia de Lingua Castelá e Literatura (unidades modelo en PROENS) e garda unha conexión transversal coa unidade 5 de Ciencias Sociais titulada "A vida social e política", así como coa unidade 3 de Educación en Valores Cívicos e Éticos “Eu como son ser humano, social e democrático”.
Este REA está pensado para que o alumnado combine o coñecemento teórico cunha aprendizaxe práctica centrada na noticia. Dentro da situación de aprendizaxe proposta, o alumnado deberá redactar e gravar unha noticia en formato de telexornal. Durante este proceso, explorarán distintos tipos de noticias, medios de comunicacións e a súa evolución no tempo, repasarán as categorías gramaticais engadindo as palabras invariables. Ademais, traballarán coas palabras compostas e a súa ortografía. Por iso, propóñense actividades multinivel que permiten adaptar os contidos, procesos e produtos ás necesidades e características individuais do alumnado. Isto implica ofrecer diferentes graos de complexidade nas tarefas, opcións variadas na presentación dos resultados (oral, escrita, audiovisual...) e itinerarios flexibles que aseguran a participación activa de todo o grupo. Deste xeito, promóvese unha aprendizaxe inclusiva, equitativa e personalizada, favorecendo tanto o progreso individual como a colaboración entre iguais.

O desenvolvemento deste REA fomenta tanto o traballo individual como o traballo en grupo, promovendo as relacións interpersoais respectuosas, a escoita activa, a capacidade de consenso e a tolerancia.

Este REA tamén contribúe á formación dunha cidadanía crítica e informada, aliñándose cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) da Axenda 2030. En concreto, promove:

  • ODS 4: Educación de calidade, ao fomentar unha aprendizaxe activa baseada na análise dos medios de comunicación e na produción de contidos informativos propios.
  • ODS 5: Igualdade de xénero, ao impulsar o uso dunha linguaxe inclusiva e a reflexión sobre a presenza (ou ausencia) de mulleres e estereotipos nos medios.
  • ODS 16: Paz, xustiza e institucións sólidas, ao traballar a alfabetización mediática, a escoita activa, a obxectividade informativa e o respecto polas normas democráticas na comunicación.

Así, este proxecto non só mellora as competencias lingüísticas e mediáticas do alumnado, senón que contribúe a educar persoas comprometidas cunha sociedade máis equitativa, responsable e crítica.

As metas de aprendizaxe son:

  • Comprender o concepto de noticia: identificar que é unha noticia e o seu propósito en diferentes contextos.
  • Comprender as características da comunicación oral nos medios dixitais.
  • Analizar medios de comunicación como a radio e a televisión: recoñecer os códigos e normas que rexen a súa linguaxe, a estrutura da noticia audiovisual ou as funcións da persoa presentadora e da persoa reporteira.
  • Coñecer os diferentes formatos de prensa escrita, oral e dixital.
  • Reflexionar sobre o inmediato da información.
  • Desenvolver a capacidade de expresarse oralmente con claridade e corrección: aplicar técnicas de entoación, ritmo e fluidez propias da linguaxe oral nos medios.
  • Empregar un vocabulario adecuado ao contexto inmediato: identificar e utilizar palabras propias do ámbito da radio, televisión e prensa.
  • Recoñecer e usar as palabras invariables: identificar preposicións, conxuncións e adverbios nos textos informativos e empregalas correctamente na produción escrita.
  • Formar e escribir correctamente palabras compostas.
  • Fomentar o pensamento crítico ante a información mediática: analizar a intención das mensaxes, a obxectividade ou subxectividade das noticias e a presenza de estereoripos ou linguaxe discriminatoria.
  • Valorar o traballo propio e o alleo: compartir producións orais e escritas en grupo e desenvolver a capacidade de autoavaliación e coavaliación.
  • Empregar fontes de información variadas e fiables.
  • Respectar as normas de convivencia na comunicación grupal: fomentar a escoita activa, o respecto das quendas de palabra e o uso dunha linguaxe inclusiva.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)