Saltar navegación

3.1. Recomendacións de uso

Orientacións e recomendacións de uso

Recursos materiais necesarios

Materiais necesarios

Este REA proporciona todos os recursos materiais imprescindibles para o seu desenvolvemento, tanto para o alumnado como para o profesorado. Os materiais están dispoñibles en dous formatos:

  • Editables (.odt e .odp): Permiten ao profesorado adaptar as actividades segundo as súas necesidades e ao alumnado completar os exercicios directamente en formato dixital, evitando a impresión innecesaria.
  • Formato .pdf: Deseñados para unha visualización rápida, impresión e proxección sen alteracións de estilo. Ademais, poden ser utilizados con aplicativos posteriores para converterse en recursos interactivos. Estes documentos indícanse para abrir nunha nova xanela.

Para minimizar o impacto ambiental, recomendamos optar por alternativas ecolóxicas ao imprimir, como o uso de papel reciclado, a impresión en borrador ou en branco e negro. Así, contribuímos á preservación do medioambiente.

Proposta de agrupamentos 

A organización do traballo na aula en diferentes formatos dentro desta unidade didáctica responde a diversas necesidades pedagóxicas e favorece unha aprendizaxe máis completa e equilibrada.
A continuación, xustifícase a combinación de diferentes formatos:

  • Traballo en parellas: Favorece a interacción directa entre os alumnos, permitindo o apoio mutuo e a resolución de dúbidas de maneira colaborativa. É especialmente útil para actividades de reflexión, debate ou resolución de problemas, xa que potencia a argumentación, a escoita activa e a negociación de ideas. Ademais, facilita a inclusión ao permitir que os estudantes con máis dificultades teñan un referente próximo.
  • Traballo en grupos pequenos: A aprendizaxe cooperativa fomenta a participación activa, a responsabilidade compartida e o desenvolvemento de competencias sociais. Este formato é ideal para proxectos, resolución de casos prácticos ou actividades creativas que requiran intercambio de ideas e colaboración. Ademais, permite unha atención máis personalizada por parte do docente, que pode supervisar os diferentes grupos e intervir cando sexa necesario.
  • Traballo individual: É esencial para a autonomía do alumnado, xa que lle permite reflexionar sobre os contidos, reforzar os coñecementos e avanzar ao seu propio ritmo. Este formato resulta especialmente adecuado para tarefas de consolidación, avaliación ou aquelas que requiran unha maior concentración e esforzo persoal.
  • Traballo en grupo aula: Implica a participación de toda a clase nunha actividade conxunta, fomentando o sentimento de pertenza e a aprendizaxe colectiva. É útil para exposicións, debates, tormentas de ideas ou actividades nas que se queira construír coñecemento de maneira compartida. Ademais, favorece a expresión oral, a argumentación e o respecto ás opinións dos demais.

A combinación destes formatos permite adaptar a metodoloxía ás necesidades da materia e do alumnado, promovendo unha aprendizaxe máis dinámica, significativa e inclusiva. Esta diversidade metodolóxica tamén favorece a motivación do alumnado, xa que ofrece diferentes maneiras de participar e aprender segundo as súas habilidades e estilos de aprendizaxe.

Proposta para o fomento do hábito lector

A inclusión de material extra para o profesorado nunha unidade didáctica sobre a entrevista resulta fundamental para enriquecer o proceso de ensino-aprendizaxe e ofrecer un enfoque máis dinámico e contextualizado. O uso de libros de lectura como apoio permite ao alumnado achegarse ao xénero da entrevista desde unha perspectiva máis ampla, observando exemplos reais, analizando estruturas e identificando os elementos clave deste tipo de texto. Tamén facilita a súa adaptación ás necesidades do alumnado, promovendo unha aprendizaxe máis completa, motivadora e conectada coa realidade.

Estas son as recomendacións lectoras: 

  • Freire, E. (2019): Pioneras: Mujeres que abrieron camino. Editorial Anaya.
  • Ignotofsky, R. (2017): Mujeres de ciencia: 50 pioneras intrépidas que cambiaron el mundo. Editorial Nórdica Libros.
  • Cívico, I., & Parra, S. (2015): Las chicas son guerreras. Editorial Montena.
  • López, A., & Lozano, L. (2017): Inventoras y sus inventos. Editorial Flamboyant.
  • Yousafzai, M. (2017): El lápiz mágico de Malala. Editorial Alianza.
  • Bayarri, J. (2017): Marie Curie, la actividad del radio. Editorial Anaya.
  • Domínguez, N. (2021): Pequeñas grandes mujeres. Editorial Planeta.
  • Cruz, C. (2022): 100 mujeres que cambiaron el mundo. Editorial DK.
  • Mauricio, E. & Taboada, C. (2016): Un ronsel de ardora: Pequena biografía de Ángeles Alvariño. Editorial Lela Edicións.

Transversalidade

Este REA de Lingua Castelá pode abordarse de maneira transversal en conexión con unidades doutras materias, especialmente de Ciencias socias e de Educación para valores cívicos e éticos, favorecendo unha aprendizaxe máis global, significativa e contextualizada.

A linguaxe é unha ferramenta fundamental para a construción do coñecemento en todas as áreas do currículo, polo que integrar os contidos lingüísticos con outras disciplinas permite ao alumnado desenvolver competencias comunicativas ao tempo que reforza a comprensión e expresión dos distintos saberes.

A transversalidade tamén favorece o desenvolvemento do pensamento crítico e a capacidade de síntese, pois require que o alumnado relacione información de diferentes fontes e disciplinas. Ademais, impulsa a aprendizaxe competencial, promovendo a aplicación práctica das habilidades lingüísticas en contextos reais e variados.

Enfoque multinivel do reto

Este Recurso Educativo Aberto, xunto coa diversidade de actividades e suxestións de adaptación incluídas nesta guía, ofrece ao profesorado a flexibilidade necesaria para modificar as propostas iniciais e axustalas á realidade das súas aulas. Así, poden conectar cos intereses e motivacións do seu alumnado e introducir variacións nas actividades e exercicios co obxectivo de potenciar a participación, o rendemento e a aprendizaxe dos discentes.

As actividades están deseñadas para o traballo en grupo, fomentando a cooperación, o apoio mutuo e a colaboración entre o alumnado, o que favorece unha participación máis equitativa e enriquecedora.

Ademais, concédese un papel fundamental á metacognición e á reflexión sobre a aprendizaxe. A autoavaliación, a coavaliación e a análise do aprendido intégranse a través de rúbricas, listas de control e ferramentas sinxelas como o semáforo de autoavaliación, así como mediante o diario de aprendizaxe.

Categorías gramaticais

A aprendizaxe da gramática pode ser un proceso complexo e abstracto para o alumnado. Unha forma de facelo máis atractivo e efectivo, é utilizar imaxes e símbolos que representen as diferentes categorías gramaticais.

Beneficios das imaxes e símbolos:

  • Fixación dos contidos: as imaxes e símbolos axudan a visualizar e comprender mellor os conceptos gramaticais.
  • Motivación: o uso de materiais visuais fai que a aprendizaxe sexa máis atractiva e divertida.
  • Manipulación: o alumnado pode recortar e manipular as imaxes e símbolos, o que lles permite unha aprendizaxe máis activa e participativa.

Para o caso de que sexa a primeira vez que o alumnado traballa a gramática utilizando figuras que representan as categorías gramaticais, pode colocarse na clase un cartel coa correspondencia entre figuras e categoría. Recomendamos tamén ter figuras manipulables, doadas de facer con calquera material: plastilina, plástico, cartolina, goma eva... ou impresas en 3D, que facilitarán o traballo na aula.

No apartado “3.2. Recursos e solucións do REA” podedes acceder a recursos e material de axuda para a gramática manipulativa.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)