Eixes da proposta didáctica
A proposta didáctica, centrada na entrevista e na creación dunha exposición que teña como tema central ás mulleres pioneiras da nosa contorna, estrutúrase en distintos eixes de aprendizaxe. A través deles, o alumnado adquirirá diversas habilidades e coñecementos que o conducirán ao desenvolvemento das competencias clave.
Lectura e análise de entrevistas en diversos formatos, no que o alumnado terá que:
- Identificar as características da entrevista (persoa entrevistadora, persoa entrevistada, preguntas, respostas) e os tipos de entrevistas (biográfica, investigación…).
- Comprender o propósito e as funcións que teñen as entrevistas.
- Coñecer as diferentes formas de difusión dunha entrevista.
Comprensión de textos escritos, no que o alumnado terá que:
- Desenvolver habilidades para comprender textos de diversa índole, inferir significados e recoñecer detalles.
- Aprender a extraer a información principal dunha entrevista usando técnicas de lectura rápida, palabras chave, etc.
- Comprender o que están lendo en relación ao REA á hora de poder realizar reflexións, exercicios concretos que se lles solicita, etc.
Produción de textos escritos, no que o alumnado terá que:
- Preparar as entrevistas a partir das estruturas proporcionadas pola persoa titora.
- Desenvolver habilidades na formulación de preguntas, que sexan claras e concisas, que teñan significado e relevancia e non presenten linguaxe discriminatoria.
- Fomento da creatividade á hora de formular as preguntas correctas para cada situación.
Comprensión de textos orais, no que o alumnado terá que:
- Extraer información para a realización do traballo que corresponda
- Analizar e practicar escoita activa para sintetizar e inferir as ideas principais dos textos
Producir textos orais, no que o alumnado terá que:
- Aprender técnicas de exposición oral á hora de realizar a entrevista.
- Practicar a dicción, entoación e a fluidez previas á hora de realizar a gravación.
- Traballar en equipo de forma cooperada de formas que os diferentes entrevistadores sigan unha mesma liña.
Produción de contidos audiovisuais e uso de ferramentas TIC, na que o alumnado terá que:
- Aprender como se utilizan os diferentes recursos informáticos á súa disposición
- Aprender o manexo básico dun editor de vídeo para a montaxe da entrevista.
- Saber buscar material con licenzas libres para o programa, de tal forma que se respecten os dereitos de autor.