As aparencias enganan
"As aparencias enganan" é un REA (Recurso Educativo Aberto) deseñado para o alumnado de 6º de Educación Primaria, cun enfoque práctico e cooperativo.
O obxectivo principal deste REA é que o alumnado adquira os coñecementos necesarios sobre a nutrición e o impacto do consumo de determinados tipos de alimentos na saúde, para informar e concienciar ao resto da comunidade educativa, especialmente o resto do alumnado. Este reto permite aplicar coñecementos previamente traballados sobre os diferentes aparatos do corpo humano que traballan na función de nutrición, entre os que se atopan o circulatorio, o respiratorio, o dixestivo e o excretor. Tamén se traballarán técnicas de indagación científica para coñecer as propiedades e composición dos alimentos e habilidades de pensamento computacional á vez que se fomenta o traballo en equipo para a resolución de problemas.
A situación de aprendizaxe permitirá ao alumnado explorar as características e as propiedades dos alimentos e os seus nutrientes para despois aplicalo á práctica a través da análise das merendas que toma o alumnado do centro educativo para valorar se forman parte dunha dieta equilibrada o polo contrario son malos para a súa saúde. O alumnado traballará tanto de forma individual como en pequeno e gran grupo, realizando experimentos e actividades interactivas que lles permitan aplicar os novos coñecementos adquiridos.
Durante o proceso de análise dun alimento, os estudantes formularán preguntas sobre a súa composición e realizarán predicións sobre como os seus nutrientes poden influír no desenvolvemento da persoa que o consume. Logo comunicarán os resultados obtidos a través da creación de diferentes produtos, comunicando as súas conclusións de forma clara e precisa utilizando a linguaxe científica.
O traballo cooperativo será fundamental ao longo deste REA, xa que o alumnado deberá colaborar ao longo do mesmo para a realización das distintas actividades e experimentos e, por suposto, para a creación do produto. Entre todos deberán escoller o tipo de produto, planificar a súa realización e buscar diferentes opcións para difundilo a toda a comunidade educativa, utilizando recursos dixitais e tecnolóxicos para crear solucións innovadoras. Ao final do proceso, os estudantes presentarán os seus produtos e comunicarán os pasos seguidos e os resultados obtidos, explicando como resolveron o reto de concienciar a xente de que os alimentos que consumen non son o que parecen, e que aínda que poidan ser atractivos e saborosos, non son bos para a súa saúde.
Metas de aprendizaxe do REA "As aparencias enganan":
- Coñecer os diferentes aparatos, órganos e sistemas que interveñen na función de nutrición.
- Distinguir os diferentes tipos de nutrientes e as súas funcións.
- Identificar os aspectos básicos dunha dieta equilibrada.
- Recoñecer a información das etiquetas dos alimentos.
- Adoptar hábitos de vida saudables para previr accidentes e enfermidades
- Traballar en equipo para deseñar, probar e mellorar prototipos utilizando recursos dixitais e técnicas de pensamento de deseño e computacional.
- Presentar e comunicar os proxectos finais, explicando os procesos e avaliando posibles melloras ou novos retos para futuros proxectos.
Trátase dunha secuencia de aprendizaxe na que se propón, mediante unha contextualización motivadora conectada coa realidade do alumnado, a superación, de forma cooperativa, dun reto ou dunha problemática mentres se traballan os contidos propios da área.
Ao longo da mesma, e de maneira interdisciplinar, expóñense os coñecementos, destrezas, valores e actitudes mediante un enfoque competencial e abordando os mesmos a través de metodoloxías activas.
As situacións de aprendizaxe do proxecto cREAgal estrutúranse en cinco fases:
- A primeira fase está centrada na motivación do alumnado, a identificación da temática e descrición do reto.
- A segunda fase trata de activar os coñecementos previos do alumnado.
- Na seguinte fase, a terceira, lévase a cabo unha conexión entre as aprendizaxes, habilidades e destrezas que xa posúe o alumnado coas novas aprendizaxes.
- Na cuarta fase, o alumnado desenvolverá o reto proposto poñendo en xogo todo o aprendido.
- Por último, a quinta fase, está reservada para a valoración xeral da actividade, a coavaliación de retos, a propia autoavaliación e a recompilación de propostas de mellora.