Orientacións e recomendacións de uso
Algunhas recomendacións para o uso deste recurso na aula son:
Recursos materiais necesarios
O REA está deseñado para permitir ao profesorado adaptar as propostas de traballo para o alumnado aos recursos dispoñibles.
Para a presentación do REA e as tarefas individuais e interactivas das fases 2 e 3, así como para o uso da lista de cotexo da fase 4 ou do xerador de códigos QR da fase 4: un equipo informático.
Para a elaboración da xornada deportiva intercentros, da fase 4, non se determina o procedemento de elaboración. Recomendacións segundo os tres tipos de recursos:
- Sen medios dixitais: uso materiais específicos da área de Educación Física ou outros habituais de aula como cartolina, tesoiras, pegamento e outros materiais.
- Con aplicacións sen conexión a Internet: uso de LibreOffice Draw para a elaboración dos carteis que se empregarán para coñecer normas a seguir nos espazos naturais. Hai que ter en conta que este tipo de aplicacións non permite o traballo compartido sobre o mesmo produto.
- Co uso de servizos en Internet: utilización da plataforma da aula virtual, AbalarBox ou Polotno como soporte para o traballo colaborativo de creación dos produtos dixitais ou doutro tipo de materiais necesarios como poden ser infografías ou carteis.
Proposta de agrupamentos para actividades grupais
A primeira proposta de tarefa de grupo do REA vai dirixida a todo o grupo-clase, co dobre obxectivo de motivar e activar os coñecementos previos do alumnado.
Na fase 2 organízanse grupos heteroxéneos para descubrir o que sabemos sobre contidos relacionados con primeiros auxilios, actividades deportivas e espazos naturais. Recoméndase que eses grupos traballen xuntos ao longo de todo o REA.
No REA non se fai mención ao número de alumnas e alumnos que integran cada grupo pois dependerá da totalidade do alumnado. De ser posible o número debería estar en torno a 6, aínda que iso supoña a redución de grupos.
Produtos finais
O REA consiste na organización dunha xornada deportiva intercentros nun espazo natural co obxectivo de que o alumnado fomente a actividade deportiva ao aire libre e nun espazo natural.
Para iso o alumnado deberá investigar os institutos próximos á súa contorna que pode invitar a esta xornada. Tamén deberá investigar sobre os espazos naturais nos que a podería organizar.
A maiores, o alumnado atoparase con pequenos retos ao longo da fase 4. A suma deses retos permitiralles ter organizada a súa xornada. Encargaranse de poñerse en contacto cos centros, decidir o espazo natural no que farán a xornada deportiva, organizar toda a loxística (desprazamento, comidas, horarios, descansos, actividades...), así como o protocolo a seguir en caso de urxencias.
Unha suma de pequenos retos que lle permitirá ao alumnado chegar ao produto final: unha xornada deportiva intercentros no medio natural.
Enfoque multinivel do reto
Tanto os retos como as tarefas individuais preséntanse multiniveladas, con varias opcións. O alumnado pode escoller segundo o seu criterio calquera das actividades individuais, no diario de aprendizaxe existen apartados específicos para que a alumna e o alumno expliquen, se así o consideran, os motivos da elección.
O reto de organizar unha xornada deportiva intercentros está formado por pequenos retos que o alumnado poderá escoller en función das súas habilidades.
O profesorado pode orientar e recomendar actividades.
Diario de aprendizaxe
O diario de aprendizaxe ofrécese como unha proposta de guía de reflexión (non avaliable) para o propio alumnado. Busca que recapaciten sobre as súas aprendizaxes e a maneira na que eles aprenden (estreitamente ligado ca competencia aprender a aprender). Pero é tamén para o profesorado xa que aínda que non sexa unha actividade avaliable, a revisión dos diarios de aprendizaxe pode servir para guiar e reorientar a nosa práctica docente e adaptarse mellor ás características do noso alumado.
No diario respóndense cuestións relativas ás aprendizaxes adquiridas e ao proceso e valoración das mesmas. O alumnado ao rematar cada unha das fases ten unha "chamada" ao diario. Debido ao carácter especial da nosa área o diario está pensado para poder utilizalo de diversas maneiras, (tanto de maneira dixital como a man e de maneira completa ou segmentada por fases) como o docente decida:
- Opción A: o diario pódese imprimir en formato "libriño" en A5, un tamaño razoable e funcional se decidimos que os nosos alumnos e alumnas o leven ao pavillón ou ximnasio (espazo de xogo) e poidan cubrir nun momento da sesión a fase que se considere.
- Opción B: o diario pódese imprimir por fases e ser entregado segmentado como se fose unha ficha a realizar ao finalizar cada fase.
- Opción C: o diario pódese realizar e editar directamente no ordenador, coma unha tarefa á realizar na casa ou no seu tempo libre e posteriormente ser entregado ao rematar cada fase (se é segmentado) ou ao finalizar á situación de aprendizaxe (arquivo enteiro).
Búscase ter o maior tempo motriz polo que, aínda que a reflexión e análise sexan parte da aprendizaxe, débese pensar a mellor maneira de utilizalo en base ás características do noso alumnado, a tipoloxía, infraestrutura e características do noso centro e material tecnolóxico dispoñible (no centro e fogares do alumnado).
Sesións de Educación Física de compromiso motor
As sesións de EF con compromiso motor estarán centradas na práctica xogos e tarefas de cooperación, de traballo da condición física e dos diferentes tests que se poden aplicar para valorala, e de hábitos saudables, como xogos para traballar unha alimentación saudable.
A planificación das sesións que se describen no apartado "2.2. Temporalización" debe entenderse como unha proposta de organización que logo o docente deberá concretar segundo as características do alumnado, recursos e instalacións dispoñibles.
Modelos de sesión para a elaboración de sesións desta situación de aprendizaxe:
Acceso ao documento en formato editable.
Tratamento da diversidade
O REA do alumnado ten as opcións de lectura facilitada, audio e apoio visual como complemento para todo aquel alumnado que necesite máis opcións de comprensión que a principal que se ofrece. A maiores, debemos recordar que as sesións motrices tamén deben ter en conta o deseño DUA, polo que se recomenda elaborar as sesións tendo en conta as características do voso grupo clase.