Saltar navegación

1. Descrición xeral

Troula Park

Este REA (Recurso Educativo Aberto) está destinado ao alumnado de 5º de Educación Primaria. Trata especificamente os contidos relacionados coas novas tecnoloxías e a súa influencia na sociedade actual, achegando os nenos e nenas ás profesións STEM desde unha perspectiva de xénero.

A situación de aprendizaxe parte dun centro de interese moi motivador: os parques de atraccións, co gallo da excursión de fin de curso de Uxía, a personaxe que fía o proxecto. Desde este contexto preséntase o reto, que consiste na creación dunha maqueta dun parque de atraccións.

Partiremos dos coñecementos previos do alumnado para deseñar experimentos guiados sobre máquinas simples e compostas, empregando as fases da investigación científica. Así mesmo, aplicaranse estratexias de procura de información segura en Internet e normas de etiqueta dixital que fomenten o benestar dixital.

A través dunha metodoloxía de indagación e resolución de problemas, con actividades multiniveladas, individuais e grupais, o alumnado terá como obxectivo a elaboración por equipos dunha atracción e a súa integración nunha maqueta final. Este recurso permite profundar na identificación e funcións das máquinas de uso cotián vinculadas a hábitos de vida sostibles, fomentando o pensamento crítico e a actitude emprendedora.

Ademais, prodúcese un achegamento ao pensamento computacional mediante a programación das diferentes atraccións que conforman o parque. A creación do produto final lévase a cabo de forma guiada, impulsando a creatividade e culminando nunha exposición pública onde cada equipo explicará a súa creación ante unha audiencia.

As metas de aprendizaxe son:

1. Coñecer estratexias de procura de información seguras e eficientes.

2. Identificar os diferentes tipos de máquinas: simples e compostas.

3. Valorar a importancia do desenvolvemento tecnolóxico e da ciencia na sociedade actual.

4. Coñecer estratexias para unha comunicación axeitada coas tecnoloxías dixitais.

5. Deseñar e fabricar unha maqueta.

6. Expoñer e explicar a nosa maqueta ao resto do alumnado.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)