Saltar navegación

3.1. Recomendacións de uso

Orientacións e recomendacións de uso

Algunhas recomendacións para o uso deste recurso na aula son:

Recursos materiais necesarios

O REA está deseñado para permitir ao profesorado adaptar as propostas de traballo para o alumnado aos recursos dispoñibles.

Para a presentación do REA e as tarefas individuais e de grupo: un equipo informático.

Para a creación das infografías e maquetas non se determina o procedemento de elaboración. Contémplanse tres escenarios posibles:

Sen medios dixitais: uso de cartolina, tesoiras, pegamento e outros materiais comúns da aula.
Con programas sen conexión a Internet: uso de LibreOffice Draw para a elaboración das infografías. Hai que ter en conta que este tipo de programas informáticos non permite o traballo cooperativo sobre o mesmo arquivo. 
Co uso de servizos en Internet: utilización da plataforma AbalarBox como soporte para o traballo cooperativo de creación dos produtos dixitais. AbalarBox ten un módulo que permite crear presentacións que resulta axeitado para a elaboración das infografías. Existe tamén a posibilidade de utilizar a plataforma Agueiro.

Proposta de agrupamentos para actividades grupais

Na Fase 2 créanse os equipos estables para todo o proxecto, utilízase unha dinámica para o repartimento do alumnado dentro dos grupos. 

Ao longo do REA fanse propostas de tarefas para o traballo cooperativo en equipo. A análise, valoración e avaliación das producións dos grupos faise tamén en grupo.

Será necesario adaptar a configuración dos grupos (número de membros) e ampliar ou unificar temas segundo as características de cada centro educativo.

Produtos finais

Con este REA o que se busca é preparar a  participación do grupo clase na Feira de Ciencia, empregando os contidos de Ciencias da Natureza de 5.º de Educación Primaria, concretamente a Unidade Didáctica "Onde viven os seres vivos?". Todo o alumnado debe ter o coñecemento e competencia para expoñer o traballo do seu equipo.

Este REA comeza coa invitación a participar na Feira de Ciencia, o reto consiste na preparación da participación nesa Feira.  O alumnado creará unhas maquetas e as infografías que as acompañen, para mostrar que é un ecosistema, as súas características, os tipos que existen...

Enfoque multinivel do reto

Este REA xa está multinivelado co reto proposto, pois tanto as maquetas e as infografías, poden elaborarse con máis ou menos detalle. O docente poderá adaptar a dificultade ó alumnado que ten, por exemplo, as infografías recollerán mais ou menos información dependendo da capacidade do alumno ou alumna, do mesmo xeito ocorrerá coas maquetas.

Tanto o reto como as tarefas individuais preséntanse multiniveladas.

Actividades individuais:

No REA recóllense actividades individuais con diferentes características, procedemento de resolución, tipoloxía e nivel de dificultade. O alumnado pode escoller segundo o seu criterio calquera das actividades propostas, no diario de aprendizaxe existen apartados específicos para que a alumna e o alumno reflexione sobre as tarefas que desenvolveu en cada fase.

O profesorado pode orientar e recomendar actividades.

Reto:

Para superar o reto o alumnado deberá crear unha exposición coas maquetas dos ecosistemas para compartir co resto de comunidade educativa.

Para a elaboración da maqueta do ecosistema non se determina a obriga de utilizar un determinado tipo de material ou un soporte definido. O alumnado, e a persoa docente, poderán escoller a complexidade da maqueta e as características do material utilizado. Con esta planificación foméntase a autonomía e a creatividade, ao tempo que non se condiciona o resultado do reto á dispoñibilidade duns recursos concretos.

Proposta de alternativas para a construción da maqueta (diorama) sobre os ecosistemas:

  1. Uso de material de refugallo. Trátase da opción prioritaria posto que permite afondar en valores de coidado e protección da natureza.
  2. Emprego de recursos de modelado, por exemplo, plastilina.
  3. Produción de pezas mediante impresión 3D ou corte LÁSER.

Diario de aprendizaxe

O diario de aprendizaxe ofrécese como unha proposta de guía de reflexión (non avaliable) para o propio alumnado. Busca que recapaciten sobre as súas aprendizaxes e a maneira na que eles aprenden (estreitamente ligado ca competencia aprender a aprender). Pero é tamén para o profesorado xa que aínda que non sexa unha actividade avaliable, a revisión dos diarios de aprendizaxe pode servir para guiar e reorientar a nosa práctica docente e adaptarse mellor ás características do noso alumado.

No mesmo se responden cuestións relativas ás aprendizaxes adquiridas e ao proceso e valoración das mesmas. O alumnado ao rematar cada unha das fases ten unha "chamada" ao diario. Debido ao carácter especial da nosa área o diario está pensado para poder utilizalo de diversas maneiras, (tanto de maneira dixital como a man e de maneira completa ou segmentada por fases) como o docente decida:

Opción A: O diario pódese imprimir en formato "libro" en A5, un tamaño razoable e funcional se decidimos que os nosos alumnos e alumnas o leven e o poidan cubrir nun momento da sesión a fase que se considere.
Opción B: O diario pódese imprimir por fases e ser entregado segmentado como se fose unha ficha a realizar ao finalizar cada fase.
Opción C: O diario pódese realizar e editar directamente no ordenador, coma unha tarefa á realizar na casa ou no seu tempo libre e posteriormente ser entregado ao rematar cada fase (se é segmentado) ou ao finalizar á situación de aprendizaxe (arquivo enteiro).
Búscase ter o maior tempo de compromiso motor polo que, aínda que a reflexión e análise sexan parte da aprendizaxe, débese pensar a mellor maneira de utilizalo en base as características do noso alumnado, a tipoloxía, infraestrutura e características do noso centro e material tecnolóxico dispoñible (no centro e fogares do alumnado).

Feito con eXeLearning (Nova xanela)