Saltar navegación

3.1. Recomendacións de uso

Orientacións e recomendacións de uso

Algunhas recomendacións para o uso deste recurso na aula son:

Recursos materiais necesarios

O REA está deseñado para permitir ao profesorado adaptar as propostas de traballo para o alumnado aos recursos dispoñibles.

Para a presentación do REA e as tarefas individuais e de grupo das fases 2 e 3: un equipo informático.

Para os experimentos e proxectos: material diverso segundo as características do produto. No REA ofrécese unha proposta accesible e doada de elaborar con material común.

Para os carteis deixamos as seguintes recomendacións segundo a dispoñibilidade de recursos:

  • Sen medios dixitais: uso de cartolina, tesoiras, pegamento e outros materiais comúns da aula.
  • Con aplicacións sen conexión a Internet: uso de LibreOffice Draw para a elaboración dos carteis e outros elementos gráficos. Hai que ter en conta que este tipo de programas non permite o traballo compartido sobre o mesmo produto.
  • Co uso de servizos en Internet: utilización da plataforma BoxAbalar como soporte para o traballo cooperativo de creación dos produtos dixitais.

Proposta de agrupamentos para actividades grupais

Na primeira fase créanse os equipos estables para todo o proxecto, utilizando un procedemento non dirixido, con resultados aleatorios, para o repartimento do alumnado dentro dos grupos.

Ao longo do REA fanse propostas de tarefas para o traballo cooperativo en equipo. A análise, valoración e avaliación das producións dos grupos faise tamén en grupo.

Recoméndase dividir o alumnado en catro grupos adaptando a configuración dos mesmos se fose necesario.

Produtos finais

O REA consiste na planificación e realización dun horto escolar. Asociados a este desafío, propóñense os seguintes retos secundarios:

  1. Montaxe dun composteiro: selección de materiais, localización e mantemento.
  2. Deseño dun sistema de rego ecosostible: construción dun sistema eficiente para o consumo de auga.


Temáticas tratadas:

  • Calendario de sementeira.
  • A compostaxe e o rego.
  • Nutrición e respiración das plantas.
  • O horto e os seus coidados.

Enfoque multinivel do reto

As tarefas individuais presentan distintos niveis de dificultade, permitindo que o alumnado escolla segundo o seu propio criterio e reflexione sobre a súa elección no diario de aprendizaxe.

O reto do horto é aberto e flexible: o alumnado pode escoller o modelo que mellor se adapte ás súas capacidades, intereses e recursos dispoñibles (horto en terra, vertical, en macetas ou hidropónico), así como os materiais para o composteiro e sistema de rego. Este enfoque garante que cada alumna e alumno participe activamente no proceso de construción e aprendizaxe.

Diario de aprendizaxe

O diario de aprendizaxe ofrécese como unha proposta de guía de reflexión (non avaliable) para o propio alumnado. Busca que recapaciten sobre as súas aprendizaxes e a maneira na que eles aprenden (estreitamente ligado ca competencia aprender a aprender). Pero é tamén para o profesorado xa que aínda que non sexa unha actividade avaliable, a revisión dos diarios de aprendizaxe pode servir para guiar e reorientar a nosa práctica docente e adaptarse mellor ás características do noso alumado.

No mesmo se responden cuestións relativas ás aprendizaxes adquiridas e ao proceso e valoración das mesmas. O alumnado ao rematar cada unha das fases ten unha "chamada" ao diario. Debido ao carácter especial da nosa área o diario está pensado para poder utilizalo de diversas maneiras, (tanto de maneira dixital, como a man e de xeito completa ou segmentada por fases) como o docente decida:

  • Opción A: O diario pódese imprimir en formato "libro" en A5, un tamaño razoable e funcional se decidimos que os nosos alumnos e alumnas  poidan cubrir nun momento da sesión a fase que se considere.
  • Opción B: O diario pódese imprimir por fases e ser entregado segmentado como se fose unha ficha a realizar ao finalizar cada fase.
  • Opción C: O diario pódese realizar e editar directamente no ordenador, coma unha tarefa á facer na casa ou no seu tempo libre e posteriormente ser entregado ao rematar cada fase (se é segmentado) ou ao finalizar á situación de aprendizaxe (arquivo enteiro).

Feito con eXeLearning (Nova xanela)