Plantas ao rescate!
Plantas ao rescate! é un REA (Recurso Educativo Aberto) para a área de Ciencias da Natureza do 5º nivel de Educación Primaria, que ten como finalidade concienciar ao alumnado, e tamén ao entorno próximo do mesmo, da importancia que ten para o medio ambiente que apliquemos un consumo responsable, neste caso a través das plantas.
Para contribuír dende o noso centro proponse un reto principal, construír un horto escolar adaptado á nosa contorna, así como retos secundarios cos que aprenderán estratexias para facer o noso horto sostible. Todo isto mentres incidimos tanto nas características das plantas como nas súas funcións vitais.
Metas de aprendizaxe:
- Identificar as características e funcións vitais das plantas, explorando a fotosíntese, respiración e relación a través de experimentos sinxelos.
- Comprender o proceso de descomposición e reciclaxe natural, creando un composteiro escolar e observando como os residuos orgánicos se transforman en abono para as plantas.
- Deseñar e construír un sistema de rego ecosostible, aplicando principios básicos de conservación da auga e experimentando con diferentes materiais e métodos de rego eficiente.
- Observar e rexistrar o crecemento das plantas, analizando como inflúen factores como a humidade do substrato.
- Utilizar o método científico no estudo das plantas, propoñendo hipóteses, realizando experimentos de laboratorio e rexistrando os datos obtidos.
- Traballar en equipo asumindo responsabilidades, organizando tarefas no horto, respectando quendas e colaborando cos compañeiros na súa construción así como no seu mantemento.