Orientacións e recomendacións de uso
Recursos materiais necesarios
Neste REA inclúense todos os materiais necesarios para o seu desenvolvemento, tanto para o alumnado como para o profesorado.
Os documentos pódense atopar en dous formatos:
Editables (.odt): teñen como finalidade que o profesorado poida adaptar as actividades e tamén que o alumnado poida utilizalas para realizar os exercicios directamente, sen necesidade de imprimilos.
Imprimibles (.pdf): teñen como finalidade que se poidan imprimir e proxectar sen cambios de fomato.
Proposta de agrupamentos para actividades grupais
En xeral, os agrupamentos están propostos para pequenos grupos de 3 ou 4 persoas, con niveis, motivacións e modalidades de aprendizaxe heteroxéneas.
Algunhas actividades están propostas para o traballo en parellas, tal como se especifica na presentación das mesmas.
Existen tamén actividades orientadas ao traballo individual, preferentemente para o traballo autónomo fóra da aula.
Enfoque multinivel do REA
O enfoque multinivel está presente na totalidade do REA "¡Cuento contigo!", se ben ás veces non apareza explicitamente como tal. Así, por exemplo, cando se propoñen diferentes situacións para analizar as posibles discriminacións na fase 2.1 ("Busca las diferencias"), o alumnado ten a posibilidade de escoller entre diferentes situacións con distinto nivel de complexidade.
Por outra banda, o enfoque multinivel aparece reflectido de maneira explicita nas fases 2.2 ("Érase una vez..."), 3.2 ("Sui generis") e no reto final (4. "Cada pieza en su lugar"). Nestas tarefas, o alumnado (coa posible orientación do profesorado) escollerá a opción que mellor se adapte ao seu perfil, tendo en conta que todas elas conducen, por igual, a alcanzar os obxectivos previstos na situación de aprendizaxe.
Hai tres modalidades diferentes de produto final:
- Cóntame outra!: conto que mestura personaxes de contos clásicos e populares, actualízaos e cambia os seus destinos eliminando das historias os estereotipos e elementos rancios e non inclusivos.
- Tres en un!: conto creado a partir da modificación das tramas e dos personaxes por todos coñecidos que ten a particularidade de integrar os tres xéneros literarios. A narración incluirá lírica a través de, polo menos, un poema ou unha canción e teatro cos diálogos dos personaxes. Ademais poderá haber música en directo e bailes con coreografías.
- Un para todas e todos para unha!: conto con dúas tramas independentes que conflúen nalgún momento do desenvolvemento narrativo. Do mesmo xeito que os anteriores é levado ao escenario polo alumnado e nace da unión de varias historias clásicas e a mestura de personaxes coñecidos.
Cada unha destas modalidades correspóndese cun distinto nivel de dificultade, en orde crecente tal como aparecen aquí.
Proposta de temporalización do reto
-
2 sesións para as fases de mesa redonda e documentación na que escollen o reto que farán e buscarán contos, relatos, historias e fábulas coñecidas para crear os elementos da súa creación.
-
1 sesión para a estruturación do guion. O alumnado confecciona a historia, crea os personaxes e o resto dos elementos narrativos e fai un esquema da historia en función da estrutura formulación-nó-desenlace.
-
2 sesións para escribir o guion literario.
-
1 sesión para a distribución de personaxes e para a preparación da posta en escena (decídense posicións, movementos, luces, músicas e créase o guion técnico).
-
1 sesión para ensaios.
-
1 sesión para a representación.
Avaliación formativa
A avaliación formativa está presente no REA nas actividades de autoavaliación e coavaliación, así como na heteroavaliación levada a cabo polo profesorado.
É interesante resaltar a importancia de avaliar durante o proceso dando claves para o progreso pero sen caer na cualificación numérica ou na avaliación cualitativa. Trátase de ver que está acadado e que esta aínda en proceso, para poder orientar os esforzos aí onde son necesarios e, de ser o caso, reorientar o traballo.